CPI Virxe da Cela
Alumnos:
  • Marta Fernández Sanjuán e outros (ver recadro)
Profesores:
  • Verónica Dopico

«De repente, ser da aldea e falar galego era guai!», di Ana Belén González Jove, unha das pioneiras do Festival Grelo Folc celebrado en Monfero. O encontro que González Jove e outros veciños máis organizan cada ano ten como finalidade poñer de manifesto ese necesario orgullo da terra. Esta iniciativa xurdiu a finais da década dos 90, pola inquietude duns mozos que lles gustaba un tipo diferente de música á desa época, apostaban pola música galega e non sexista. Crearon unha asociación cultural e medioambiental chamada O Abordelo, ese verbo usábase antigamente  para indicar que cando dous bois tiraban por un carro moi pesado ou por camiños moi costos e non podían coa carga, había que engancharlles outra parella de bois ou do animal de carga que fora. «Nos chamámoslle Abordelo, porque tiñamos intención de abordelar Monfero achegando o noso graíño de area na actividade cultural do concello» indica Ana.

O seu obxectivo é diversificar a oferta cultural e festiva no medio rural e ademais a dignificación dunha cultura e lingua propias. Actualmente o festival dura todo o día, celébrase no outono, cando comezan os cogumelos e as nabizas, «salvo que o impidan eventuais pandemias ou catástrofes de outro tipo» como indica con humor Antonio González López, un amigo das festas e dos cantos tradicionais. Ademais sobriño de Ana e un exalumno brillante do CPIP (Colexio Público Integrado Plurilingüe) Virxe da Cela.

Este evento celébrase no mosteiro de Santa María de Monfero, que data do século XII. Dende hai uns anos atópase en pésimas condicións, por elo xurdiu unha asociación que velaba polo seu benestar, a Asociación Cultural Amigos do Mosteiro. «Realmente é unha pena que esta xoia do patrimonio galego e icona de Monfero estea nun estado deplorable e non se estea aproveitando o seu infinito potencial», resalta Hugo Lucía Romero estudante do CPIP Virxe da Cela.

«Cada avó é unha biblioteca»

Xunto a esta marabillosa xoia non se pode esquecer dos magníficos grelos de Monfero, coñecidos por toda a comunidade como unha larpeirada. Tanto é o seu valor que lle celebramos en Monfero un evento chamado A feira do Grelo.

En Monfero tamén está posto en marcha dende hai mais dunha década un proxecto chamado Cancioneiro de Monfero, que coordina Verónica Dopico a profesora de música do CPIP Virxe da Cela. A iniciativa consiste na recollida da tradición oral da zona. Os propios alumnos son os que fan as entrevistas e se encargan desta recollida de información. Os primeiros documentos que conservan son do 2006, en follas de papel e gravacións en cintas ou casetes. Verónica afirma que «cada avó é unha biblioteca», xa que grazas a eles este proxecto se puido levar a cabo. 

Non podemos esquecer a gran labor do Grupo Folklórico Cultural e Deportivo Virxe da Cela de Monfero, creado no 1988 e que segue en funcionamento na actualidade. «Somos todos coma unha gran familia e pasámolo xenial!», explica Pablo Varela, un dos integrantes da asociación. Incita a que non se perda a tradición, sobretodo nun ambiente rural como o noso. Principalmente consta de un grupo de gaitas, pero tamén hai pandereteiras como Icía Seco, bombistas, tamborelistas… todos eles cun repertorio amplo de pezas tradicionais, algunhas arranxadas e adaptadas polo seu profesor e profesional Bruno Villamor.

Son estes esforzos da xente da contorna os que traslada ás novas xeracións a necesidade de manter vivo o patrimonio e a tradición, como ben fixo Miluca da Moreira ao recuperar mais de mil tradicións, como o entroido de Sanmede, localizado no concello de Paderne, terra que criou a Miluca, e ela decidiu devolverlle o favor.

TEMA DA REPORTAXEREPORTEIR@S
Feira do GreloAndrea Rivera Andrade, Rubén Rodríguez Fernández, Matías Cal Eke, Adrián Caamaño Rico, Antía López Teodosio, Damián García Ramos
O festival Grelo FolcFelipe Rey Castro, Noelia Silveira Quintián, Rubén Fraga Tizón, Marta Fernández Sanjuán, Antía López Teodosio
Asociación Folclóricos Virxe da CelaMarta Fernández Sanjuán, Ariadna Diaz Tondo, Cristina Vazquez Varela
Asociación Amigos MosteiroHugo Lucía Romero
Cancioneiro MonferoNerea Fernández Rodriguez
Entroido Samede (Raíces e filloas)Daniel Pena Bonome

 

«Queriamos facer un encontro que nos representara, diferente ás festas patronais»

Hai anos algún de nós visitamos o Festival Grelo Folc coas nosas familias a e nunca parámonos a pensar no sentido e  importancia deste evento. En marzo deste ano entrevistamos  a unha das pioneiras desta iniciativa cultural, Ana María González Jove. Cando comezaron Ana e os seus compañeiros eran xente moi nova e simplemente querían ter no seu territorio unha alternativa cultural e de lecer que fose máis alá das festas patronais. Un dos seus obxectivos era diversificar a oferta cultural e festiva no medio rural, así como dignificar a cultura e lingua propia, mostrando a diversidade musical que se pode dar en galego.  Lembrando eses inicios, Ana comenta: «Comecei a participar na organización deste festival sendo moi nova. Ao rematar os estudos no Xestal, tivera que irme para a cidade a seguir os meus estudos, daquela con 13 ou 14 anos. O cambio non fora fácil e xa na xuventude xurdira un movemento cultural co que me dignificaba e co que eu me identificaba: o ser de aldea, o falar galego, o ter identidade propia… era todo un movemento que ía desde publicacións literarias, ata cinema e música (rock bravú). De repente, ser da aldea e falar galego era guai!! e iso para moitos de nós foi como un respiro»

Comezaron sendo un grupo de amigos cos mesmos intereses: «Desde Xestoso, eramos un grupiño pequeno de xente que xa íamos ao Festival de Pardiñas, alí dábase un agromar cultural e como xente moi moza descubríamos un mundo que se nos presentaba máis alá do que coñecíamos das festas patronais. Así comezamos a organizar este festival, coa intención de darlle ao noso territorio o que tanto nos gustaba gozar a outros lugares». Pero ao pasar o tempo constituíronse nunha asociación cultural e medioambiental que se chama O Abordelo, un curioso nome que Ana explica que «un verbo xa en desuso pero que se usaba moito nas sociedades labregas. Abordelar é cando dous bois tiraban por un carro moi pesado ou por camiños moi costos e non podían coa carga e había que engancharlles outra parella de bois ou do animal de carga que fora». Ana matiza: «Nós chamámonos Abordelo, porque tiñamos intención de abordelar Monfero aportando o noso graíño de area na actividade cultural do concello». Actualmente o grupo máis activo da asociación componse dunhas dez persoas e a maiores hai moita xente que colabora o mesmo día do festival de distintas maneiras.

O festival xurdiu a finais da década dos 90. Fíxose por vez primeira no Río do Dez, «pero como facía dous anos que se declarara Parque Natural as Fragas do Eume e o Dez estaba dentro dos límites do parque natural, no ano 2000 xa se cambiou a ubicación para o Mosteiro de Monfero, por ser a icona do concello e un lugar marabilloso tamén.

O Festival Grelo Folc comezou sendo un festival de música en galego que se realizaba pola noite e normalmente adoitaban vir catro grupos musicais.  A organización tentaba sempre traer distintos estilos de música, iso si,  tiñan as ideas moi claras, xa que «para tocar no Grelo Folc os grupos que veñen teñen que usar o galego como lingua principal e usar letras non sexistas. Ademais da música tamén queremos que ser respecten certos valores para nós importantes». Agora a xornada é de todo o día. Comeza ás dúas da tarde cunha sesión vermú seguido dun xantar. Pola tarde hai un festival que cada ano é máis concorrido que foi bautizado como A Nabiciña, do que Ana fala orgullosa: «É un festival para público infantil no que sempre traemos algunha actuación ou ben musical ou teatro, ou circo…. ten moito éxito e remata cunha merenda para as crianzas». Pola noite segue o festival cos grupos de música.

Polo festival pasa xente de todas as idades, precisamente ao haber actividades durante todo o día é un ir e vir de xente continuamente, e Ana explica que «ao mediodía é público xeral de calquera idade e á foliada que se dá despois de comer hai bastante xente maior. Á tarde está concorrida por público familiar de mamás e papás coas súas fillas e fillos e á noite é maioritariamente xente máis moza». O que resulta curioso é o que sucede co público local, «o máis cercano cóstanos máis. Vén moita xente da comarca, sube xente de Pontedeume, das cidades… O público de Monfero vai aumentando moi timidamente, pero a base de ser constantes no tempo…»

Evidentemente non son eventos que arrastren a moita xente, «se tes á Panorama ou calquera outra orquestra xa non hai nada que facer… De todas formas, nós mantémonos coa ilusión de simplemente ofrecer diversidade e alternativas, non temos ánimo de cambiar o gusto das persoas nin moito menos, pero que unha vez ao ano en Monfero haxa unha opción cultural, musical e de lecer diferente ás festas patronais, que realmente é a única oferta que temos no concello, pensamos que é enriquecedor para o territorio».

E aí seguen, sendo un festival pequeniño pero moi lindo e dando un espazo unha vez ao ano para gozar dun plan diferente no concello. Esperemos que esta iniciativa poida continuar durante moito tempo. Tal vez este ano que toca illamento por culpa do coronavirus, a asociación poida plantexar un encontro a través de redes sociais para que o espírito do Grelo Folc continúe vivo.

Cada vendedor leva á feira entre 60 ou 80 quilos de grelos

O 16 de febreiro pasado celebrouse en Xestoso, unha das parroquias de Monfero, a Feira do Grelo de XestosoPor alí estaba Pacucha Couto, xerente da Sociedade Cooperativa Valxestoso e unha das encargadas de poñer a feira en funcionamento nesta e nas cinco edicións anteriores. As feiras prepáranse con moita antelación: «É como todo o que  leva tempo  -di Pacucha-, porque desde organizar os postos, facer a comida, os presupostos… é un conxunto de cousas que levan moito tempo pero que ten unha moi boa recompensa ao final».

Os vendedores explican que soen vender sobre uns 60 ou 80 quilos de grelos, e que o quilo costa 2 euros, e que este prezo está posto para todos os vendedores. Aparte de grelos tamén hai requeixo, mel, artesanía e, como non, maquinaria agrícola (tractores, desbrozadoras…) Unha vendedora de mel explica que soe vender sobre uns 50 quilos de mel e que o bote grande custa 10 euros e o de medio quilo a 6 euros. A vendedora de requeixo tamén calcula que vende sobre uns 50 botes e que o prezo de medio quilo é de 3,5 euros. 

«Na exposición agraria hai de todo, desde un cartacéspedes ata un coche sen carnet»  

E, por suposto, unha parte fundamental da feira tamén son os visitantes, coma Teresa Rico, unha muller que xa viñera máis veces e tiña ganas de volver, e mesmo recoméndalle vir á xente que nunca viñera, xa que a ela lle gustan moito a calidade dos produtos que se ofrecen: «Na exposición agraria hai de todo, desde un cartacéspedes ata un coche sen carné».

Grupo folclórico Virxe da Cela

Pablo Varela

En marzo do ano 1988, coma froito de todo un esforzo e traballo constante de varias persoas que de maneira desinteresada loitaron por un obxectivo común, nace o Grupo Folklórico Cultural e Deportivo Virxe da Cela en Monfero.

Comezan as clases de gaita e baile contando con tan só 9 alumnos, cifra que co paso do tempo e algún que outro altibaixo, chegou ata os 45 alumnos. Na actualidade, e aproveitando un repunte da natalidade en Monfero, componse de 30 alumnos de idades moi variadas, predominando os nenos en idade escolar. Pablo Varela e a Icía Seco son integrantes da asociación, levan nela dende moi pequenos e recoñecen con moito entusiasmo o ben que o pasan, o moito que aprenden e o orgullosos que están de formar parte de esta tradición.

Principalmente consta dun grupo de gaitas cun repertorio amplo de pezas tradicionais, algunhas de elas arranxadas e adaptadas para a súa interpretación polo seu profesor e gran profesional Bruno Villamor. Ademais tamén aprenden a tocar a pandeireta, o bombo, o tambor…

Durante todos estes anos viaxaron por moitos lugares de España e Portugal, actualmente fan actuacións en festas patronais, romarías e rondallas.

 

«Os vosos avós teñen moitas historias que contar e moitas cancións que cantar!!»

Verónica Dopico traballa na recuperación das tradicións locais, coma a dos Maios

Verónica Dopico, ademais de profesora de Música no centro é a coordinadora do Cancioneiro de Monfero, proxecto de recuperación da tradición oral da zona.

-En que consiste o  proxecto que está a realizar?

-Supón recoller a tradición oral da zona para que non se perda.

-Dende cando se leva a cabo?

-A data exacta memoria non a recordo, pero aproximadamente desde hai unha década ou algo máis. Os primeiros documentos que conservo son do ano 2006!! Como pasa o tempo! Son follas en papel e gravacións en cintas ou casetes! Que primitivo resulta todo! Recordo que comprei unha gravadora de casete para que o alumnado se turnara e a levara a casa… Unha vez gravados os audios, transcribían a entrevista  nunha folla de papel con boli! Agora é todo máis sinxelo: todos temos teléfonos móbiles e ordenadores, e iso facilita moitísimo o traballo de investigación!

-Podería poñer algunha cinta? 

Tería que revisar e organizar, e non dou atopado o momento! Ano tras ano van xurdindo novos proxectos no departamento de Música que nos van roubando tempo. Sen ir máis lonxe, o último reto foi solicitar unha sección bilingüe e impartir a materia en inglés, e iso supón moitísimo esforzo e horas de traballo tanto para formarse como docente como para elaborar materiais específicos. Tal vez para o vindeiro curso poña en práctica un grupo de alumnos voluntarios que se encarguen de dixitalizar e organizar os materiais existentes. 

-En que se inspirou para realizalo?

-Naquela época, eu asistía a clases de canto e pandeireta na Escola Municipal de Folclore de Betanzos. Tiñamos un repertorio moi variado, ao lado dos títulos das cancións viña o nome do lugar onde se tiña recollido esa canción (por exemplo, Xota de Bembibre, Muiñeira de Tordoia). Sabía da existencia de estudosos que se dedicaban a visitar polas aldeas a persoas maiores para aprender delas letras de cancións e técnicas da pandeireta, recollendo estes valiosos datos que, de non ser recollidos neses momentos, quedarían no olvido e acabarían desaparecendo.

-Como foi a súa experiencia nesa escola? 

-Moi positiva. Descubrín un tipo de música que, a pesar de ser propia da nosa cultura, nunca estivera presente na miña formación musical nin no meu universo persoal. Explícome. Vivir nunha cidade ou nunha vila non é igual que vivir no rural. Non lembro de nena ter cantado ningunha copla en galego nin tocar a pandeireta. A Escola Municipal de Folclore leva un par de décadas rescatando o noso patrimonio e transmitíndoo ás novas xeracións. 

-Que tal vos vai a recollida de cancións tradicionais?

Durante os primeiros anos, o alumnado da ESO tiña que facer como traballo obrigatorio unha proposta de recollida da tradición oral da zona (a nivel individual ou traballando en grupos). Por tanto temos bastante material dese período. Posteriormente fíxose soamente o alumnado de 2.º da ESO. Este ano, a raíz da nosa participación no proxecto de Xornalismo na Escola de La Voz de Galicia traballouse en 2.º e 3.º da ESO vinculado á investigación Festival Grelo Folc. Materiais temos abondo!! Non están todos difundidos. Houbo un ano que organicei e maquetei textos como para un pequeno libro, que de momento está en formato dixital e non se publicou en papel (pódese consultar neste enderezo). O gran problema é o material audiovisual. Temos un montón de audios e vídeos que de momento están gardados no disco duro, mais non foron difundidos publicamente. Aínda non temos claro temas legais de autorización de imaxes, e por tanto non nos atrevemos a penduralos no blog a través da plataforma You Tube por medo a vernos metidos en calquera tipo de problema.  

-Canto tempo máis cre que se pode seguir realizando este proxecto?

-Este, ou deste tipo, poden ter cabida durante moitísimos anos máis. De momento os vosos pais, avós e veciñanza teñen moitas historias que contar e moitas cancións que cantar!! Non sei como será dentro dun par de anos, cando o mundo estea totalmente dominado pola tecnoloxía!!

-Algunha vez tivo algún problema co proxecto? 

A verdade é que non, xa que é un proxecto vivo e aberto que se pode ir transformando dependendo das circunstancias do momento. Si que é certo que hai anos que ten máis éxito que outros entre o alumnado, dependendo dos seus intereses e motivacións.

-Grazas a este proxecto aprendeu algo novo?

Por suposto que si… eu estou totalmente convencida que cada avó é unha biblioteca! E temos que comprometernos a rescatar todo ese saber que pode chegar a perderse…

Cando comezou imaxinaba chegar ata aquí? 

Quen me ía dicir a min, aló polo 2006, que estaría a estas alturas traballando no mesmo cole e dándolle clases aos nenos que entraban daquela en educación infantil! Nunca se me ocorreu pensar en tan largo prazo.

-Pensa que cando remate de traballar no Xestal, o proxecto seguirase levando a cabo?

Uf, o futuro é incerto… O mundo está cambiando constantemente, xa o experimentamos na actualidade cos novos retos que nos impuxo o covid-19… Non teño nin idea de como vai resultar o próximo curso… Hai que adaptarse aos cambios, e tal vez o proxecto teña que evolucionar ou morrer… O tempo o dirá… O importante é o proceso, non o resultado. 

-Realizar este proxecto axudoulle a saber algo máis relacionado ca música? 

-Claro que si, e non soamente a saber máis sobre a música, senón sobre a cultura, as persoas, as maneiras de vivir, de sentir, de expresarse. É unha investigación antropolóxica. Creo que os alumnos que o foron facendo durante todos estes anos aprenderon moitas cousas dos seus maiores, e isto supón un achegamento interxeracional.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

221 usuarios han votado por esta noticia.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies