Instituto IES Ribadeo Dionisio Gamallo
Alumnos:
  • Ángela Alcántara Coto
  • Sara Requejo Fernández
  • Daniela Rodríguez Gago
  • Cristina Santamarina Sánchez
Profesores:
  • Javier Rodríguez González

A quilómetro e medio do centro de Ribadeo, pódese atopar o forte de San Damián, unha fortaleza do século XVII. Mais a pesar da curta distancia, a poboación de Ribadeo sabe deste monumento pouco máis que o nome. A súa historia, a opinión xeneralizada cara a el e as testemuñas de personaxes implicados dan a coñecer os motivos polos cales o forte, que actualmente pertence ao Concello, é un lugar tan infravalorado e pouco utilizado.

Sendo o único do seu estilo no Cantábrico e un dos mellores conservados de Galicia no momento, o forte foi construído no 1624 durante a Guerra dos Oitenta Anos. No século XVII, España mantiña un comercio fluído con Holanda, aínda que estaban en guerra. Durante este conflito, no 1605, mándase unha carta a Flandes falando sobre a fábrica de galeóns, polo que os holandeses queren atacar Ribadeo e mandan 40 galeóns para esta misión, pero as defensas da costa ribadense non eran moi boas.

Nesta época estaban a construírse na ría de Ribadeo catro galeóns da Escudaría de Galicia, que era a base da economía, mais o pequeno tamaño do porto obrigou a que tres se construíran en Porcillán e o cuarto en Figueras. A fonte de ingresos principal para estas obras foi a dos recursos traídos das Indias. A función principal do forte era protexer estes galeóns da ameaza holandesa.

Durante a tregua dos 12 anos mándanse 12 canóns de ferro a Ribadeo e no 1622, co fin da tregua, crease o forte de San Miguel, polo Marqués de Cerralbo. Nestes anos, Felipe IV chega ao trono e Galicia perde o seu dereito ao voto nas Cortes, e Zamora pasa a ser a representante da comunidade galega.

A guerra con Holanda volve coller forza e aparece o marqués de San Damián, que modifica de forma importante a estrutura do edificio: crea no forte un parapeto de terra, ramas e palla.

Case 120 anos despois, no 1743, tivo que ser reconstruído debido a un ataque por parte dos ingleses. Foi abandonado durante a guerra da Independencia (1808-1814) pola chegada dos franceses á vila da mariña, tras usalo uns meses coma hospital militar.

No 1965 pasou a ser propiedade do Exército e comezou a pensarse en reconstruílo, pero esta idea non se levou a cabo ata 1990, reforma na cal se respectou a organización orixinal da edificación. 

Toda esta historia está tratando de facerse un espazo na vida da vila grazas ao incansable traballo de Alberto Paraje, historiador que recolleu e compartiu toda esta liña temporal coas persoas interesadas no tema a través dunha conferencia e unha visita guiada polo forte realizadas en febreiro deste ano. Estas actividades víronse alentadas tamén debido a que o ano que vén festexarase na nosa vila o 4.º centenario deste importante monumento.

Recoñecido ben de interese cultural (BIC) 

Formado en Arquitectura pola Universidade da Coruña, Ernesto Cruzado Estévez elixiu o forte de San Damián como un dos seus primeiros traballos. Un tema que non só foi un obxecto de estudo durante os seus anos universitarios, senón que tamén supuxo unha das primeiras intervencións como profesional no Concello de Ribadeo.

No ano 1988 dirixiu unha iniciativa do Concello con fondos estatais, sendo alcalde o actual cronista oficial Eduardo Gutiérrez, dun primeiro proxecto de reconstrución con persoal dos cursos de formación de albanelaría e o INEM (Instituto Nacional de Emprego) para a formación de xente en paro.

Para os primeiros estudos tivo que trasladarse ata o Arquivo Xeral de Simancas, e durante esta investigación descubriu unha zona con tramos de beirarrúas ao redor dos edificios, e pedras que formaban un semicírculo nas troneiras, producido polo movemento dos canóns.

Tamén atopou a localización do reloxo de sol que hoxe volve estar escondido polas matogueiras: estaba situado cara ao norte cando tería que estar situado cara ao sur. O arco mide o ancho dos cimentos do polvorín (onde actualmente está en exposición forzada a lancha Fernando Villamil, na cal morreron os seus remeiros na primeira proba da embarcación, razón pola que esta foi arrestada e castigada en terra). Probablemente este polvorín foi destruído para evitar o roubo de pólvora e munición unha vez se produciu o abandono do forte. Outro reloxo de sol estaba tapado pola hedra e non funcionaba porque a súa orientación era este/sueste.

Das estruturas fortificadas fíxose uso de diferentes maneiras: no baluarte da dereita do forte encontrábase o garda, a cafetería e as posibles exposicións. De feito unha vez rematadas as axudas estatais durante a década dos 80, o forte utilizouse para diversos fins: mantemento de obras, exposición de pintores da vila e tamén dos visitantes de verán, exposicións variadas de temas culturais, actos puntuais,… pero paralizáronse este tipo de actividades polas esixencias cada vez máis perentorias de seguridade.

Durante tres anos máis continuouse con obras de forma non continuada, ata febreiro de 1991, cando se organiza un curso de albanelaría que incluíu limpeza e escavación de toda a zona. Todos estes traballos foron argumentados como prácticas e como cursos, apoiados con contratos temporais.

As consecuencias deste xeito de obras con obstáculos e tempo foi a inauguración no 1992, e do correspondente recoñecemento como BIC (ben de interese cultural).

«A fortificación costeira mellor conservada da costa cantábrica»

Para comprender as razóns do actual estado de desuso do forte, a mellor fonte é a principal figura de representación deste: a concelleira de cultura de Ribadeo, Pilar Otero.

«É un dos mellores exemplos que existen de arquitectura militar en Ribadeo”, subliña Pilar.

Tras a súa longa historia con subidas e baixadas innegables, en 1965 é adquirido polo Concello de Ribadeo ao Ministerio do Exército “polo prezo simbólico de 1 peseta”, sendo restaurado no 1990.

Nesta restauración conservouse o muro exterior co seu bastión, as troneiras, o foxo e os contrafortes, e hoxe funciona como sala de exposicións municipal en períodos concretos como Semana Santa ou verán.

“Máis recentemente no espazo exterior alberga o festival Soa forte e nestas últimas semanas tamén fixo de sede dalgúns obradoiros e dunha exposición dentro do programa Píllara, que ben coñecedes o alumnado dos centros de ensino.”

Ao preguntarlle polos futuros proxectos do Concello para o forte, Pilar comunícanos que a idea é facer dúas exposicións máis, unha no verán e outra no inverno, que xiren arredor das diferentes etapas do mesmo, a invasión inglesa primeiro e a francesa despois. E que os plans a longo prazo consisten en convertelo nun centro de interpretación do propio forte; “explicar o que foi e para que estaba deseñado, como se usaban as distintas dependencias, que papel desempeñou na historia, etc.”

Como impulsor desta idea, Pilar sinala ao principal historiador actual do forte: “A idea de convertelo nun centro de interpretación do propio forte foi de Alberto Paraje e desde o Concello acollemos esa idea e decidimos ir adiante con ela. Para iso pareceunos adecuado volver facer unha restauración do espazo para que quede nas mellores condicións posibles para ser un centro de interpretación digno de Ribadeo e por iso solicitamos un convenio coa área de Vicepresidencia da Deputación que nos vai axudar economicamente para levar adiante esta idea.”

Por último, a concelleira indica a importancia do monumento: “Hoxe en día está considerada a fortificación costeira avalada mellor conservada de toda a costa cantábrica, ademais de ser a única construción defensiva ben conservada en toda a comarca. É un vestixio da nosa historia non só local, senón tamén nacional e internacional.”

400 aniversario 

Dos 70 alumnos de entre 15 e 17 anos do IES Ribadeo Dionisio Gamallo, un 70 % dos enquisados visitaron o forte por dentro, mentres que do 30 % restante, o 10 % só o visitou por fóra.

Os datos demostran a pouca información que nos chega sobre o forte, xa que apenas un 20 % das persoas responderon afirmativamente a pregunta de se sabían algo da orixe ou historia deste monumento.

Un 30 % sabían a utilidade actual que se lle está dando e desta porcentaxe, tan só un 6 % acudiron ao forte para visitar as exposicións temporais que nel se estableceron.

Respecto á pregunta de para que cren os estudantes que se debería utilizar o forte nun futuro, destacan as seguintes funcións: para concertos, obras de teatro, coma miradoiro aberto ou incluso coma negocio de hostalaría. Non obstante, a resposta maioritaria foi coma museo e atracción turística na cal se explicase a orixe e historia deste, para tratar de rematar co descoñecemento xeral dos habitantes da vila e dos turistas con respecto a este monumento histórico.

A historia do forte de San Damián comezará de novo agora que vai facer os seus 400 anos. A pesar de estar moi preto da cidade e nunha zona de paseo concorrida, tanto en inverno coma, sobre todo, no verán, parece que se oculta aos nosos ollos e ao recoñecemento xeral. Os cambios e avatares ao longo da súa dilatada vida non son aínda coñecidos pola maioría dos habitantes da vila, pero deben ser divulgados entre os ribadenses e todas as persoas que teñan curiosidade e amor pola historia.

Os actos conmemorativos do 400 aniversario da construción do forte que vén alentando desde hai tempo o investigador histórico Alberto Paraje tentan conseguir un recoñecemento e unha individualización clara e definida deste edificio singular que ten unha significación concreta na historia do estado e tamén, naturalmente, na historia de Ribadeo.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies