Instituto IES Xunqueira II
Alumnos:
  • María García
  • Paula Díaz
Profesores:
  • Pili López

Desde hai décadas, unha tradición galega foi transmitida de xeración en xeración ata chegar aos nosos días. Estamos a falar do cancioneiro popular galego, unha tradición centenaria que consiste nunha recompilación das cancións populares galegas que segue a deixar pegada nas novas xeracións e unha enorme riqueza dunha expresión artística colectiva, que cada vez está sendo máis ameazada polo proceso de urbanización do país.

Está claro que, durante moitos anos, esta tradición estaba completamente viva e era popular entre toda a poboación, pero mantense esa constancia na actualidade? Por ese mesmo motivo, varias persoas galegas foron entrevistadas acerca deste tema, co obxectivo de comprobar se o cancioneiro seguía sendo popular ou a xente de hoxe en día xa non o coñecía.

En relación co coñecemento da existencia dun «cancioneiro popular galego», a practicamente toda a xente soáballe este termo, pero moi poucas persoas tiñan esta tradición presente na súa vida cotiá e mais pensan que bastante xente non ten coñecementos sobre este tema. Entre homes e mulleres, non había moitas diferenzas, todos coñecían máis ou menos de que se trataba o cancioneiro, e algunha xente coñecía cancións populares. A peza máis popular para os entrevistados é A rianxeira. Tamén coñecían Carolina. Logo, había xente que sabía de moitas cancións polo seu traballo (pandeireteira, gaiteiro…), así como había xente que non se lembraba de ningunha.

Entre a xente nova entrevistada, había quen só tiña unha idea xeral sobre o cancioneiro popular galego, pero non coñecía moitas cancións, e outra con máis coñecementos. Un bo exemplo é Manuel Xiráldez, profesor de Lingua Galega e Literatura no IES Xunqueira II, en Pontevedra. Nunha entrevista subliñou que os cancioneiros son «un conxunto ou colección de cantigas, poemas ou cancións populares». Sobre se coñecía algunha canción popular galega, afirmou que si, as máis típicas: «Rianxeira, Saia da Carolina, Manuel Manueliño, Catro vellos mariñeiros e Arrastrache-lo cu polas pallas». Non obstante, e como a maioría dos entrevistados, coincide en que estas cancións non forman parte da súa vida.

Aínda que Xiráldez afirma que os máis maiores da súa casa non coñecen ben o concepto do cancioneiro, «as cancións populares galegas forman parte da súa vida e os seus momentos de ocio desde que son pequenos». Saben moitas e poden cantar de memoria a maioría delas, conta. Tamén comparte o docente unha opinión parecida sobre se a xente da súa idade coñece ou non o cancioneiro: «As persoas da miña idade non temos moito coñecemento sobre estes temas, moito menos en comparación cos nosos pais e mais avós. Porén, poden aparecer algunhas circunstancias que nos acheguen ás cancións populares galegas, como traballar na educación primaria e secundaria, ter familiares dunha determinada orixe económica-sociocultural ou ter interese pola lingua galega e a súa historia».

Os maiores da Cruz Vermella teñen unha percepción similar. Un deles foi Xindo, que subliñou que aínda que non sabe o que é exactamente o cancioneiro popular galego, si que lle gustan as cancións populares galegas. Preguntado sobre se podía dicir o título dalgunha que lle gustase en especial, falou de A rianxeira. «Cantabamos estas cancións nas comidas familiares ou con amigos, para divertirse», lembra, e insiste en recomendar que a xente nova escoite estas cancións: «Son moi bonitas»

Unha vez confirmado que a xente máis nova ten menos coñecementos sobre o cancioneiro popular galego, ponse en marcha a segunda parte do proxecto de recuperar unha das grandes tradicións galegas. Por unha banda, relacionouse o traballo con algúns dos obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS):

  1. Educación de calidade: se o cancioneiro se ensinase nas escolas e institutos, habería menos posibilidades de que se perdese esa tradición das cancións populares porque máis xente nova as coñecería.
  2. Redución das desigualdades: desta maneira, reduciríanse os prexuízos que hai sobre as cancións populares (neste caso as galegas), por exemplo: «As cancións populares son cousas moi antigas», «só as coñece a xente maior» ou «Non son algo actual». Deste xeito, a tradición do cancioneiro galego non se perdería.
  3. Alianzas para lograr os obxectivos: necesítase a colaboración de institucións oficiais que defendan e dean a coñecer o cancioneiro popular galego.

Unha das propostas para dar a coñecer o cancioneiro popular galego entre a xente máis nova é mediante unhas probas. Unha parte do alumnado de 6.º de primaria do colexio CEIP Xunqueira I foi a encargada de participar nuns xogos que prepararon os alumnos de 4.º de ESO de Proxecto Competencial do IES Xunqueira II. Grazas a eles, os rapaces e rapazas coñeceron algunhas das cancións populares galegas.

O cancioneiro popular galego é unha tradición que se está a perder. Isto refléxase en que moitos dos entrevistados sabían o que era ou con que estaba relacionado, e pensaban que a xente da súa idade tiña unha idea similar, pero a realidade era que os seus antepasados tiñan máis coñecemento sobre este tema; xa que cando eran máis novos, as cancións populares tiñan presencia no seu día a día.

Con este proxecto, espérase que a xente teña unha idea xeral do cancioneiro popular galego e que coñeza algunhas cancións que o conforman, ao igual que foi realizado co alumnado do CEIP A Xunqueira I.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp