Instituto Rosalía de Castro (Santiago de Compostela)
Alumnos:
  • Marta Corral Martínez
  • Sancho Garrido Fernández
  • Naia Sieira Fernández
  • Iria Abades Domínguez
Profesores:
  • Eduard Velasco

Elvira Cienfuegos deixou o seu traballo como docente para dedicarse á defender o medio ambiente dende o Concello de Santiago de Compostela, onde logrou grandes progresos ambientais

Un dos grupos de traballo de 1º ESO D do IES Plurilingüe Rosalía de Castro de Santiago de Compostela estivemos conversando con Elvira Cienfuegos, divulgadora do ecoloxismo e catedrática de bacharelato de Bioloxía e Xeoloxía, que foi concelleira en Santiago de Compostela polo BNG durante os anos 2003 e 2011, encargándose das áreas de Educación e Mocidade e, posteriormente, Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible. Con ela fixemos un repaso da súa traxectoria profesional, tanto no ámbito do ensino coma na política, e interesámonos especialmente pola agricultura ecolóxica e as hortas urbanas, que é o tema sobre o que estamos investigando. 

A paixón de Cienfuegos foi, desde nena, ensinar: «Sempre mantiven ese interese por ensinar e facer que a xente soubera mais, aprendera e tivera formación», comenta. E decidiu estudar Bioloxía e Xeoloxía, algo que ten moito que ver co medio ambiente e que lle permitiu «estar máis no medio, no exterior, que é unha das cuestións que agora veñen a conto e por tanto creo que fixen unha boa elección».                                                                                                                                               

Mentres daba aulas, Elvira tamén colaboraba coa Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), onde facía roteiros con xente moi nova a lagoas, praias e montes. O que estaban era a sensibilizar a xente nas cuestións ambientais, traballando con xente moi nova para que fose tendo consciencia de ter un medio ambiente saudable. Así foi entrando no activismo ecoloxista e deuse conta de que cada vez era mais necesario facer actividades para xente diferente, de xeito que impulsou e coordinou excursións con ADEGA durante un tempo.                                                                                                                                            

Foi a partir dese traballo cando deu o salto á política: «No ano 1999 propuxéronme ir nas listas do BNG», mais por renuncias duns e dimisións doutros acabou sendo concelleira na corporación municipal de Santiago de Compostela a partir do ano 2003; primeiro encargándose de Educación e, a partir do ano 2007, de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, xestionando Parques e Xardíns.                                                                                                                                                     

Desde esa área propuxo un proxecto piloto sobre as hortas urbanas en Santiago que tivo moi boa acollida tanto entre a cidadanía coma no propio Concello, que apoiou a proposta para levala a cabo. Comezaron traballando na zona de Belvís, convertendo extensións de terra sen ningunha utilidade en pequenas parcelas que podían servir para plantar froiteiras e verdura. «Pensamos que ter hortas era importante para facer unha actividade física saudable e moderada, para achegarlle a natureza á xente. Ademais, incorporáronse mesas e bancos para que tamén houbese un espazo para poder falar e para comer os froitos que saísen das hortas», comenta Cienfuegos.                                                                                                                                             

A exconcelleira afirma que Santiago supera por moito os metros cadrados que a Organización Mundial da Saúde recomenda que teña unha urbe: «Iso é un logro, somos a cidade de Galicia e case de España que ten máis metros cadrados de verde por habitante». Ademais, con ela aprendemos que as hortas benefician toda a nosa contorna, a fauna, a flora e mesmo a nós. Melloran tamén o noso estado de vida e axúdanos a manter relacións interxeracionais, o que favorece a transmisión de coñecementos. 

 

 

Elvira Cienfuegos durante a entrevista no IES Rosalía de Castro

A pesar de todos os seus beneficios, hai unha minoría que pensan que as hortas danan a beleza de Compostela. «O que se pretendía era que se aprendese a combinar plantas distintas para que unhas protexesen as outras, a combinar plantas comestibles con outras de tipo ornamental, de xeito que se puidese coñecer máis o noso medio. Non para afear o espazo, senón para crear un lugar atractivo. Para iso é importante respectar certa estética», argumenta Cienfuegos.

Ao final da conversa quixemos que nos falase do seu libro A problemática ambiental en Galicia, que fala de como se atopaba Galicia cara ao ano 2001. Elvira Cienfuegos comentounos que xa daquela se detectou o grande impacto actual do cambio climático, e de todo o que leva consigo, dende a invasión de novas pragas ata episodios meteorolóxicos extremos. Se diminúen os cultivos, «diminúe entón o ingreso da familia que está producindo para os outros e sobe o prezo dese produto, o que se traduce noutros sitios en máis fame e dificultades». Cienfuegos aclarounos que «todo iso que está hoxe en evidencia xa o estudabamos antes, e vénse falando desde hai moito tempo».

Non pode ser, pois, que nos sorprenda o que acontece hoxe: «Tennos que preocupar e temos que contribuír, na medida do posible, a evitar a contaminación», con pequenos xestos cotiáns que melloren o medio ambiente. Hai máis temas no seu libro dos que hoxe seguimos a falar, como «os lodos vermellos de Alcoa, os pellets, a minaría a ceo aberto ou a instalación hoxe de ALTRI na Ulloa». Ao igual que motivos para a esperanza: «En Compostela no ano 1999 xa pediamos que houbese unha nova depuradora, un proxecto que agora en 2024 por fin se vai empezar a levar a cabo».

 
Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies