Instituto IES Universidade Laboral (Ourense)
Alumnos:
  • Paula Ávarez
  • Carla Álvarez
  • Estela Alonso
  • Iria Amado
  • Roi Blanco
  • Pablo Chaos
  • Lucía Cordeiro
  • Antía Cruz
  • Alejandro Delgado
  • Aline Delgado
  • Nerea Freijido
  • Rosalía Freire-Couso
  • Paula Fuentes
  • Yago Guerrero
  • Xurxo Iglesias
  • Sofía Lemos
  • Breogán Losada
  • David Meire
  • Lucía Quintas
  • Nina Rodríguez
  • Javier Rúa
  • Juliana Sangoguiza
  • Ariana Rodríguez
  • Naiara Sorga
  • Alexandre Sow
  • Saray Vázquez
  • Adriana Vieira
  • Sylene Valentina Yepez
Profesores:
  • Silvia Cid Feijoo

Nun mundo cada vez máis globalizado, onde as linguas maioritarias parecen impoñerse, o galego resiste como sinal de identidade e orgullo para moitas persoas. Na actualidade, o uso da lingua galega vive unha realidade complexa, marcada por luces e sombras. A pesar dos avances na súa normalización institucional e do compromiso dunha parte da sociedade o galego continúa loitando por manter a súa presenza en espazos clave como os medios de comunicación, a educación ou o mundo dixital.

 

Tradición e lingua

Ao longo da historia, distintos pobos e feitos deixaron pegadas na nosa cultura, como foron os celtas e a peregrinación a Santiago, que fixeron que o galego fose unha lingua de uso corrente. Desafortunadamente, estas tradicións, xunto coa lingua, fóronse perdendo ata chegar ao Rexurdimento, onde grazas a un nacionalismo galego conseguiron reforzar as tradicións e o emprego do idioma, conseguindo que fose maioritaria fronte ao castelán na nosa comunidade.

Os últimos datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), publicados o 11 de outubro do 2024, indican que por primeira vez en Galicia o castelán superou en número de falantes ao galego en todos os grupos de idade. Estes datos obtivéronse a partir dunha enquisa realizada no ano 2023 a casi 10000 persoas de distintas idades.

No 2018, cando se publicou o informe anterior de este tipo, a situación idiomática aínda era inversa: a poboación que falaba sempre en galego na Comunidade situábase por riba do 30 % e a porcentaxe dos que o facían en castelán estaba no 24,4 %.

No IES Universidade Laboral de Ourense realizouse no mes de marzo deste ano unha enquisa ao alumnado da ESO co obxectivo de comprobar se se confirman ou non os datos achegados polo IGE na súa última publicación sobre a situación da lingua galega na actualidade. Pretendemos coñecer a realidade do uso do galego e a presenza da cultura galega na nosa contorna e así reflexionar e concienciar da importancia de manter viva as nosas raíces.

Pero este descenso do uso do galego maniféstase do mesmo xeito no ámbito literario, musical e televisivo? Que se pode facer para conseguir un equilibrio entre galego e castelán dentro da nosa comunidade?

As palabras da nosa historia

A literatura galega remóntase á Idade Media, con algunhas das primeiras obras documentadas no Códice Calixtino. Máis adiante, nos Séculos Escuros, a literatura galega decreceu debido ao contexto político, que favoreceu ao castelán. Isto rematou coa creación de varios prexuízos como, por exemplo, que a lingua galega era para a xente analfabeta e do rural.

A mediados do século XIX aparece o Rexurdimento, un renacemento cultural onde se promoveu o uso da nosa lingua grazas a escritores coma Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez e Eduardo Pondal. A estes se lles poderían sumar máis autores que tamén utilizaron o galego como a lingua da súa creatividade. Todo iso fixo que se crease unha resistencia cultural e política fronte ao castelán.

A comezos do século XX xorden grupos e asociacións que buscan a defensa da lingua e da cultura galega. Entre elas destacan as Irmandades da Fala e a Xeración Nós, con escritores como Castelao, Risco ou Otero Pedrayo.

Xa a mediados de século, a literatura galega ten novas caras como a María Xosé Queizán, Manuel Rivas ou Xosé Luís Méndez Ferrín, ao que se engadirían novos xéneros, temas, estilos e formas de narrar.

«Non era máis doado escribir en galego no século XIX nin no Franquismo. É certo que estamos a vivir tempos moi complexos e polarizados pero tamén é verdade que nunca foi tan doado a comunicación. Estar presentes nas redes, unirse, colaborar e asociarse pode axudar a mellorar a proxección da lingua e a cultura galega fóra», explica Rosalía Fernández Rial, escritora galega.

Hoxe en día, a nosa literatura segue viva e en constante evolución grazas á diversidade dos xéneros usados. No ámbito educativo é moi frecuente a lectura de obras en galego, onde a diversidade de argumentos é moi variada. Deste xeito, moitos docentes buscan a normalización do galego neste ámbito, intentando que a lingua e cultura non sexan esquecidas entre os máis xoves. «Depende moito da zona, cambia moito do rural ao urbano. Existen datos alarmantes pero ao mesmo tempo hai alumnado e profesorado moi implicado coa lingua, por iso debemos preocuparnos mais tamén recoñecer o traballo das docentes e a implicación de gran parte do estudantado coa lingua, que é maior que noutros sectores», aclara Rosalía Fernández Rial, que tamén exerce a labor de profesora.

As melodías da nosa terra

A música tradicional galega aparece na Idade Media. As primeiras fontes consérvanse en cantigas e códices, mais non tiñan unha notación musical completa. A gaita xa era un instrumento común naquela época, ademais doutros instrumentos tradicionais. Durante os Séculos Escuros, a música pasou a transmitirse de maneira oral por mor da decadencia da lingua.

A partir do século XX comezou a recollerse e reivindicar a tradición galega. O Franquismo fixo que a música tivese que ser adaptada á ideoloxía do réxime. Tras a súa caída, a tradición renaceu con novos grupos e festivais que recuperaron a música galega. Actualmente, a música tradicional estase a mesturar cos novos xéneros que a levaron a nivel internacional, pero sen perder o toque folclórico. A gaita e máis instrumentos típicos da nosa tradición víronse afectados positivamente.

«Dende a nosa perspectiva de moitos anos na música tradicional e folk, vemos que pouco a pouco estanse a combinar máis as melodías e instrumentos tradicionais cos novos ritmos e tecnoloxías. O uso de efectos dixitais sobre as voces e os instrumentos están dando un novo pulo a que as letras tradicionais se conserven e se lles de outras sonoridades máis actuais», comentan os integrantes do grupo galego Coanhadeira.

Gran parte da difusión desta nova música é grazas ao emprego das redes sociais, onde moitos artistas as aproveitan para darse a coñecer. A gran maioría pensan que iso é un aspecto positivo, xa que buscan levar á cultura e linguaxe a un punto elevado de recoñecemento entre os habitantes. Doutra banda, a música do folclore galego tampouco se perdeu, mais debido á aparición destes novos xéneros lle é máis difícil facerse un espazo entre o panorama. No entanto, aínda non está esquecida e moitos grupos e asociacións culturais buscan o seu mantemento.

Rochi Novoa, fundadora e directora da asociación cultural O Sobradelo do Tangaraño infórmanos do seu proxecto: «O proxecto de Tangaraño Cultura xurdiu pola necesidade de aportar algo a nosa cultura para a creación dun espazo de mestura de letras, música e arte nas que se vise a riqueza da nosa lingua nos lugares máis abandonados, dar visibilidade aos novos e antigos talentos que son e serán historia de Galicia. Dende 2017 a comunidade acolleu este proxecto de xeito marabilloso e cada ano está a ser máis forte».

Progresivamente, a porcentaxe de xente que realiza actividades de danza e música galega (gaita, muiñeira, pandeireta…) está aumentando considerablemente, o que promove o coñecemento das nosas tradicións entre a xente máis nova dunha maneira lúdica e dinámica. Segundo a gráfica, podemos observar como case a metade dos alumnos do noso instituto teñen ou tiveron contacto con aspectos do folclore galego.

Imaxes de entretemento

A partir de 1975, a cultura galega viviu décadas de progresiva normalización. É importante destacar que no ano 1985 creáronse a televisión e a radio galega. Non obstante, anteriormente a esta data xa se produciran algunhas gravacións en galego como resultado da chegada de cinematógrafos a Galicia. O pioneiro da gravación galega foi José Sellier, que rodou cintas como Fabrica de Gas e Entierro del General Sánchez Bregua, onde se ten como espazo principal algunhas localizacións galegas. Desafortunadamente, as cintas non se conservan.

Ata a Guerra Civil rodaranse filmes como La casa de la Troya ou Odio, mais durante o conflito esta produción suspenderase e, como consecuente, no Franquismo verase oprimida. A partir dos anos 80 e coa creación da TVG e da radio galega xorden a creación do Arquivo da Imaxe e as I Xornadas de Cine e Vídeo de Galicia, que serán fundamentais para o desenvolvemento do vídeo na rexión. Hoxe en día, a variedade de programas, series e películas en galego aumentou considerablemente, deixando pegada en moitas xeracións de persoas.

Malia ser todo isto un gran avance para a lingua, non é doado atopar películas en galego nos cinemas nin a dobraxe a galego de serie nas plataformas de streaming.  «Penso que é necesario que haxa máis presenza do idioma nos medios. É evidente que hai moi pouco galego cando só temos unha tele e unha radio que fai a súa programación no idioma propio. O resto de medios fan pequenas desconexións ou noticias puntuais. Algo que a min, persoalmente, paréceme un pouco triste. Gustaríame que se potenciase moito máis o idioma e a cultura, sobre todo porque é algo único que temos que defender», argumentaba Fran Cañotas, recoñecido presentador da TVG.

Ademais, o descenso da lingua entre a mocidade leva a que a maioría do público dos programas en lingua galega sexa xente máis maior, facendo que isto se converta nun obxecto de vital importancia. No caso da TVG, creouse unha aplicación onde se pode consultar todo o contido. «Temos que intentar captar novas xeracións para a nosa tele e a nosa radio, pero para iso se creou unha aplicación. Creo que se está fomentando que máis xente entre a consumir contidos da CRTVG, que é o noso deber como medio de comunicación. Por contra, se falamos de xente máis maior, somos case sempre do máis consumido en televisión. Creo que temos que achegarnos á xente nova con novos produtos e conservar a audiencia que temos, que é moita máis do que a xente pensa», explica Fran Cañotas.

A CRTVG creou o 17 de xaneiro de 2024 AGalega; unha plataforma dixital que ofrece contidos audiovisuais en galego, incluíndo ficción, entretemento, cine, series, animación, documentais, podcasts, directos e contidos exclusivos. No momento do seu lanzamento, AGalega incorporaba máis de 1.400 contidos audiovisuais dispoñibles. A dixitalización da CRTVG é un paso moi importante para que o público máis novo acceda a contidos en galego.

Radio Laboral

Dende os centros educativos tamén se anima ás novas xeracións a escoitar programas de radio ou podcasts en galego, xa que na actualidade son moitas as escolas e institutos que contan cunha radio que lles serve para fomentar o uso do galego entre o alumnado e difundir contidos que axudan a dar a coñecer as nosas tradicións. Este é un dos principais obxectivos de Radio Laboral do IES Universidade Laboral de Ourense.

José López Campos, conselleiro de Cultura: «A cultura galega está a vivir un gran momento»

Entrevista al conselleiro de Cultura , José López.

José López Campos, conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude asegura que un dos grandes tesouros que temos como sociedade é a lingua galega e, por iso, debemos coidala e promover o seu uso.

― Cal é a situación actual da lingua galega en termos de uso e aprendizaxe? Que medidas está a tomar a Consellería para fomentar o seu uso, especialmente entre a mocidade?

― Ademais do patrimonio cultural, outro dos grandes tesouros que temos como sociedade é a lingua galega, que segue a ter unha presenza social moi relevante. Con todo, debemos seguir traballando para impulsar o seu uso e prestixio en toda a sociedade e, nomeadamente, entre a mocidade. Os últimos datos cos que contamos, tanto os facilitados a través do Instituto Galego de Estatística como os que coñecemos na Enquisa de percepción social, amosan que as competencias están garantidas. De feito, contamos cos índices máis elevados de todas as Comunidades autónomas que contan con lingua cooficial e practicamente toda a poboación entende o galego e sábeo ler, escribir e falar. Isto obsérvase tamén nos resultados académicos. Segundo os datos da Consellería e Educación, a cualificación media das probas de acceso á universidade dos últimos anos en lingua galega e castelán é similar. O mesmo acontece ao final de cada etapa educativa, na que tanto a porcentaxe de aprobados como as notas son similares. Con todo, somos conscientes de que precisamos un gran consenso social e por iso fomos os primeiros en tomar a iniciativa e propoñer un pacto pola lingua no que xa estamos traballando con accións de impacto inmediato ao tempo que puxemos en marcha a renovación do Plan xeral de normalización da lingua galega, coa creación de once comisións das cales, unha estará centrada especificamente na mocidade.

― Pensa que o galego está suficientemente presente nas institucións e na administración pública? Hai algún plan para incrementar o seu uso nestes ámbitos?

― Como lingua da nosa Comunidade o galego está presente na administración pública de xeito natural de igual xeito que o castelán para que todas as persoas poidan comunicarse no idioma que desexen. Co fin de promover aínda máis o seu emprego, desde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude temos en marcha colaboracións con diferentes departamentos. É o caso da Fiscalía, coa que asinamos un convenio para actualizar os recursos técnicos e facilitar o traballo en galego a través de formación específica en lingua e cultura galegas, ou de sanidade con cursos específicos para que os profesionais melloren as súas competencias e onde ademais revisaremos todo tipo de documentación posta a disposición dos usuarios.

―Pensa que a mocidade galega se identifica coa cultura galega? Que pode facer a Consellería para reforzar ese vínculo?

―A cultura galega está a vivir un gran momento e isto vémolo, por exemplo, nos índices de consumo. Nunca antes a sociedade galega consumía nin demandaba tanta cultura como agora. Isto nótase en toda a poboación e os máis novos non son unha excepción. Apreciámolo especialmente en eidos como a música e grazas ao traballo de artistas emerxentes que apostan por fusionar ritmos modernos con sons máis tradicionais. Penso por exemplo en Baiuca, Fillas de Cassandra, Ortiga, Tanxugueiras… artistas todos eles cos que se identifica a xuventude e que son capaces de encher salas fóra e dentro de Galicia. Pero non só se limita ao musical, ocorre tamén no audiovisual, con cada vez máis produtos con selo galego, ou no literario, onde non paramos de acadar recoñecementos a nivel nacional. Unha das mellores maneiras que temos de reforzar este vínculo é a través do Xuventude Crea, un certame específico para a xuventude que conta con 16 categorías e que só neste último ano recibiu máis de 600 solicitudes, amosando que a mocidade está interesada na cultura e que, ademais, quere formar parte dela. No entanto, e aínda con esta boa situación, temos que seguir impulsando accións que permitan que os máis novos se identifiquen aínda máis cos nosos valores culturais. E niso tamén traballamos.

― Como está a traballar a Consellería para integrar a cultura galega nas plataformas dixitais e nas redes sociais? Hai algún programa ou iniciativa específica neste ámbito?

― A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude conta con diferentes perfís en redes sociais que ofrecen diariamente contidos que teñen que ver coa cultura galega e que inclúe, entre outras cousas a difusión de actividades, a divulgación do patrimonio ou o anuncio de certames e convocatorias. Ao marxe disto tamén levamos a cabo diferentes iniciativas como a campaña Saca a lingua que levas dentro, o certame Lingua de namorar, para que a xente nova comparta mensaxes de amor escritos en galego, ou o podcast literario Entreliñas que a partir de abril estrea novos capítulos.

― Que papel xogan as festas populares e as romarías na promoción da identidade cultural galega? Está a Consellería a tomar medidas para apoiar e conservar estas celebracións?
―As festas populares e as romarías forman parte do imaxinario colectivo, da identidade de Galicia e, polo tanto, do noso patrimonio cultural. Por iso, é o noso deber protexelas, preservalas e apoialas para que as vindeiras xeracións poidan seguir gozando delas. Para facelo contamos con varios mecanismos, un deles é a declaración de Festa de Interese Turístico, que conta con diferentes categorías e pode ser de ámbito autonómico, nacional ou internacional, e que se xestiona desde o departamento de Turismo de Galicia. Outro é a través das declaracións de Ben de Interese Cultural na categoría de patrimonio inmaterial. Isto é que o acabamos de facer, por exemplo, co Entroido galego, que declaramos hai só un mes acreditando a riqueza, diversidade e singularidade desta celebración. Estámolo facendo tamén coa incoación do baile tradicional, moi presente nas festas populares e romarías, e na que están traballando actualmente os técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para poder ter o decreto publicado o antes posible. Precisamente, tamén é significativo do valor que lle damos en Galicia a preservar e manter viva a nosa cultura tradicional e de raíz o feito de que este ano se lle dediquen as Letras Galegas ás Cantareiras. Este recoñecemento vén pór de relevo a importancia da cultura máis arraigamento no pobo, esa transmitida entre as familias, a veciñanza… e estendida así, case sen ter consciencia do seu gran labor pola nosa lingua, por todo o territorio. É todo un acerto que as Letras Galegas do 2025 poñan en valor un eido da nosa cultura esencial na construción da nosa identidade e no sentir da sociedade galega.

― Que iniciativas están en marcha para recuperar ou preservar tradicións que están en perigo de desaparecer?

― Como dicía na resposta anterior, o Goberno galego ten en marcha diferentes liñas de traballo para protexer, prestixiar e preservar estas festas populares e romarías que son parte da identidade de todos os galegos e galegas. Para iso, estamos en contacto permanente coas asociacións, concellos e todo tipo de entidades vencelladas con estas celebracións. É un traballo transversal que vai máis alá da propia Consellería e que se fai tamén desde outros departamentos como pode ser Turismo de Galicia, a Consellería de Medio Rural ou a Consellería do Mar.

― Que estratexias está a levar a cabo a Consellería para apoiar aos colectivos culturais e ás asociacións que traballan pola difusión da cultura galega?

―Galicia e os galegos e galegas podemos estar orgullosos da nosa cultura. Por unha banda, porque somos indiscutiblemente unha potencial cultural. E por outro, porque é decididamente: plural, diversa e integradora. Isto, en boa parte, é posible polo papel da industria creativa galega, dos seus profesionais e do traballo dos colectivos e asociacións culturais na difusión da cultura e da lingua propias como elementos singulares de Galicia, sen menoscabo da súa crecente competitividade e proxección internacional. Temos unha cultura inclusiva que nos diferencia, e moito máis aínda ao converterse en Galicia no primeiro territorio en Europa en contar cunha Lei de cultura inclusiva e accesible, unha normativa pioneira que acabamos de aprobar para garantir que todos os galegos e galegas poidan gozar da cultura, con independencia de onde vivan ou cales sexan as súas circunstancias. Ao abeiro disto, traballamos na posta en marcha da Rede Adival de dinamización da cultura no rural, unha iniciativa que se concibe como unha asociación de carácter voluntario que aglutinará a entidades sen ánimo de lucro e que suporá unha potente ferramenta que permitirá un traballo conxunto co obxectivo de achegar a actividade cultural a todos os puntos da Comunidade.

― Que estratexias está a seguir a Consellería para promover a literatura galega e apoiar aos escritores e editoriais que publican en galego?

―A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destina máis de 3M€ a medidas específicas para o sector do libro con convocatorias para apoiar á difusión da lectura, apoiar a celebración das Feiras do libro, dinamizar a lectura, traducir obras, colaborar con empresas editoras ou mellorar o equipamento e instalacións das bibliotecas e axencias de lectura de todo o territorio. Ademais destas axudas con impacto directo, tamén colaboramos con outras iniciativas que teñen repercusión neste sector como é o apoio a premios literarios, a posta en marcha de residencias literarias que favorecen o proceso de creación en espazos como a Cidade da Cultura ou a illa de San Simón.

― Considera que os centros educativos están a facer unha labor suficiente na promoción da cultura e da historia de Galicia? Existe algún plan para reforzar este aspecto no currículo escolar?

―Non teño a menor dúbida de que non só é suficiente, senón excelsa. En Galicia os nosos nenos e nenas está adquirindo competencias plenas na nosa lingua, e en coñecementos da nosa cultura e da nosa historia. Ademais, o currículo escolar vese reforzado con actividades e programas concretos nesta liña, onde se adobía coñecemento e lecer, que son os mellores aliados na aprendizaxe nestas idades. Precisamente, e vencellado directamente coa segunda pregunta, este ano estamos desenvolvendo, en coordinación cos diferentes departamentos de Dinamización da lingua dos centros escolares, actividades nos colexios co gallo da declaración do Ano Castelao. Deste xeito, a través deste programa, achegaremos as escolas a faciana política, cultural, intelectual e artística deste personaxe sobranceiro que marcou un antes e un despois da historia e da cultura de Galicia.

― Como se está a apoiar aos creadores de contido en galego que queren dar visibilidade á cultura galega nas redes sociais e nas novas plataformas dixitais?

―A ninguén se lle escapa que, hoxe en día, as redes sociais son un espazo onde expandir e multiplicar as mil primaveras máis e un novo rexurdimento para a nosa lingua e a nosa cultura. Galicia é viveiro de xente talentosa e con grandes destrezas, tamén nas novas tecnoloxías, que se reflicte nestes creadores de contido cultural de calidade e que o fan, ademais, en galego. Por iso, as redes sociais forman parte da estratexia de 50 medidas inmediatas que estamos a pór en marcha este ano para incrementar o uso e prestixio de galego, sobre todo entre a mocidade que é o colectivo que máis socializa e interactúa nestes espazos. Nesta liña, somos tamén os primeiros en facer uso das mesmas para a creación de contidos culturais e na nosa lingua, como reflicte, por exemplo, o consolidado e exitoso concurso literario Lingua de namorar, a través de Instagram. Neste convencemento de que as redes sociais son ferramentas imprescindibles para crear como para difundir a nosa cultura , todas as iniciativas culturais auspiciadas ou apoiadas desde o Goberno galego teñen sempre cabida nestas plataformas, como estratéxicas na difusión e na visibilidade dos contido e programacións culturais da nosa Comunidade. Precisamente, o noso certame Xuventude crea sumou por vez primeira a categoría de Creador de contidos.

― Cales son os obxectivos a medio e longo prazo da Consellería para reforzar a presenza da cultura galega nos medios de comunicación, tanto autonómicos como estatais?

―Non hai mellor estratexia para reforzar a presenza nos medios da nosa cultura que seguir traballando man a man e arreo, tal e como estamos facemos, para darlle todas as facilidades e apoios posibles aos nosos creadores e creadores, que son os que teñen convertido a Galicia nunha potencia cultural, referente e de prestixio. A excelencia no que fan que é o que lle ten valido á nosa cultura os recoñecementos e premios dentro e fóra da nosa comunidade. E tamén é co que teñen conseguido o enorme interese e espazo nos medios de comunicación, tanto autonómicos como estatais.

― Finalmente, que mensaxe enviaría á cidadanía galega sobre a importancia de preservar e promover a cultura propia?

―As galegas e galegos somos afortunados e tamén privilexiados por sermos parte dun pobo cunha cultura e lingua propias, que non só nos confiren unha identidade única á hora de estarmos en España, Europa e no mundo, senón tamén á hora de relacionarnos e interrelacionarnos co resto, sempre dende unha posición de querer aportar, sumar e enriquecer co noso. Que Galicia conte cunha lingua e cultura de seu é unha valiosísima herdanza a coidar e preservar, á vez que como un legado que as xeracións actuais e futuras temos a obriga de seguir enriquecendo e agrandando. Debemos vela como unha porta aberta de par en par ao mundo. E nunca, porque así o ten e o temos demostrado, como un muro que nos illa do resto. Sabemos que non é iso o que proxectamos nin proxecta, tal e como reflicte o enorme interese e agarimo internacional que esperta. Debemos sentir orgullo. E non teño ningunha dúbida de que así é para todos os galegos e galegas.

Un asunto con arranxo

A enquisa realizada no IES Universidade Laboral de Ourense mostra que a mocidade valora postivamente o uso do galego e o considera importante para manter a identidade cultural da nosa Comunidade, ademais reclama a presenza do galego no ámbito dixital.

Comprobamos que o galego está cada vez máis presente no entorno virtual: a Radio e Televisión de Galicia xa conta cunha plataforma virtual que está tendo moito éxito e moitas caras da cultura galega aproveitan as redes sociais como canle de difusión buscando máis visibilidade e recoñecemento; de tal xeito que a nosa lingua está a experimentar un Rexurdimento dixital que conecta a lingua e cultura galega cos novos tempos.

O Conselleiro de Cultura destaca a gran labor que están realizando as Institucións dende a concienciación do uso do galego a distintas iniciativas para fomentar o uso da nosa lingua e a conservación das nosas tradicións.

Así que, a pesar dos datos do Instituto Galego de Estatística e a enquisa realizada no IES Universidade Laboral nos que se reflicte que na actualidade o uso do castelán parece superar ao do galego, tamén podemos dicir que a nosa lingua e cultura seguen vivas e en movemento e polo tanto hai esperanza para que a situación cambie.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp