- María Xesús Adán
Desde hai séculos, a música do noso país está considerada unha das de maior importancia da península ibérica, sobre todo durante a Alta Idade Media. Galicia foi berce da cultura musical peninsular, mesmo nobres e reis casteláns compoñían e escribían as súas cantigas en galego-portugués.
Un anaco de historia
Durante estes śeculos, música e escritura estaban ligadas, cunha clara intención de representación por parte dos intérpretes medievais, coma os xograres. Atopamos tamén referencias dos Cantos de Nadal e Reis que chegarían, ata os nosos días, a través da tradición oral da mesma maneira cás coplas populares, cancións de berce e romances de cego.
Sería a finais do século XIX cando aparecerían recollidas a maior parte das composicións musicais tradicionais galegas: Alalás (manifestación musical máis antiga de Galicia), cantos de desafío (como premonición das «batallas de galos» do rap actual) alboradas, foliadas, regueifas…
Destes estilos de música nacería o gusto dos galegos polas romarías e verbenas. Un exemplo é Fui eu, madr, en romaria a Faro con meu amigo ( do século XIII).
A etapa de maior esplendor das romarías foi na primeira década do século pasado. Situadas preto da igrexa, vencelladas á celebración do día do patrón de cada parroquia, rendíndolle homenaxe coa música e bailes, rematando ao final da xornada coa celebración dunha verbena, como espectáculo musical .
Aproximadamente durante todo o ano véñense celebrando unhas 4.500 verbenas, a maioría nas noites de verán. Actualmente, as verbenas son festas de gran acollida social, ás que acoden as xentes da parroquia, de lugares próximos e, non tanto, cando nestas actúan orquestras de gran repercusión social como Panorama ou o Combo Dominicano.
Pero Galicia é moito máis que verbenas. Exemplo delo é a música Folk, un movemento artístico que integra instrumentos e características propias da música tradicional do territorio.
En Galicia predominou a incorporación de gaitas, pandeiretas e os Alalás, dándolles ás cancións un toque místico, característico da nosa terra. Os primeiros grupos xurdiron entre os anos 70 e 90. A lista é moi ampla pero podemos destacar, por exemplo, Fuxan os ventos, con composicións baseadas na música popular galega e tamén no compromiso social coa identidade galega. E sobre todo Luar na Lubre, con temas tradicionais, e tamén influencias celtas. Tamén atopamos a Milladoiro, que foi o primeiro grupo folk que gravou música acompañados de pandeireteiras.
A partires desta base, nestes últimos anos, do presente século, xorden grupos como Boyanka Kostova, un dúo considerado un dos impulsores do twerking rural e pioneiros do trap en galego. É curioso saber cal é a orixe do nome do grupo. Porque a idea remóntase a un día no que na televisión apareceu unha atleta búlgara de halterofilia. Outro dos nomes que máis soa nestes días é Alejandro Guillán, creador de Baiuca, que leva anos mesturando os sons da música tradicional galega cos estilos máis actuais. Non se pode esquecer a Tanxugueiras (fenómeno musical galego do momento). Este trío de pandereiteiras, cun enfoque moderno da música popular e tradicional galega, foron quen de levar o seu Alalá ata o Benidorm Fest, presentando así a tradición galega a toda España.
Os autores
- Firdaous Boumazalao Manar
- Noemí Díaz Pérez
- Jennifer Fernández Fariñas
- Lucía Fernández Fernández
- Candela Fernández Vázquez
- Alexandre Fraga Sal
- José Luis Gondov Soto
- Sara Gómez Barcón
- Aitana López Iglesias
- José Maseda Carracedo
- Brais Nogueira García
- Mark Antony Orihuela Asto
- María Penín García
- Lorena Pérez Vázquez
- Ainhoa Reija Crespo
- Sara Rodríguez González
- Valeria San Julián Martínez
- Hugo Veiga Fernández
- Susana del Vidal Merroun
- Jennifer Villamarín Seivane
Os novos cantautores
Nos tempos que corren, son numerosos os rapaces e rapazas que deixan voar a súa imaxinación para agasallarmonos coas súas letras e melodías, entre os que atopamos a Xoel López, Guadi, David Prado, Sés e Jorge Casal.
Tamén a Andrés Suárez, que é un dos cantantes máis coñecidos do panorama musical actual. Tal e como el mesmo relata, este ferrolán entra na música dende moi cativo; dende que ten uso de razón participa coa súa familia á que lembra tocando instrumentos e cantando nas festas da casa; posteriormente formaríase no conservatorio de música de Ferrol. Un artista apoiado dende que «quixo ser artista»: «Lembro ademais o ben que cantaba o meu avó, tamén a influencia da melomanía do meu pai, do seu gusto pola diversidade musical que ía dende a música clásica ata Def, dende J.L. Guerra ata Radiohead, concibindo a música como ilimitada, sen saber de fronteiras, de idades, cores ou ideoloxías», explica Andrés Suárez.
Conta Suárez que é consciente de que perseguir un soño sempre vai ser a custa de renunciar a algo, ao tempo de lecer, ás amizades, aos lugares nos que lle gustaría estar… Malia todo, compensa e gratifica adicarse a algo que sempre perseguiu, como a música. Aínda recoñecendo que en cada concerto se enfronta a un reto no que é consciente de que o ten que dar todo por un público que está depositando nel e na súa arte, o seu tempo e agarimo.
Andrés Suárez recoñece que se sente máis galego que cantautor, que Galicia está en cada un dos seus versos, definindo o rumbo da súa vida. Os seus versos tamén definen a propia vida cotiá e os sentimentos humanos: unha aperta, a amizade, o amor ou a paisaxe dun bico, para así acompañar a quenquera, tanto na dor coma na ledicia.
Maniféstase admirador da música galega, aledándose profundamente do éxito de Tanxugueiras, concibe a Galicia como terra musical, de raíz e historia, porque para el Galicia equivale a orquestra, a festas, ao canto afinado nos bares, a unha lembranza sonora. Mais non se aparta doutras colaboracións coa cultura musical en español, con cubanos como Pablo Milanés e o duo Buena Fe e tamén do ámbito musical español coma Edurne ou Beret; deles coméntanos que ten recollido a humildade. E Suárez deixa como un consello para os máis novos que se queiran adentrar no mundo musical: «Nunca hai que subestimarse, que non escoiten críticas destrutivas e que se sexa capaz de soñar para conseguilo».
Guadi, unha das voces femininas máis recoñecidas
Unha das voces femininas máis recoñecidas é a cantautora cedeirense Guadi, mergullada no mundo artístico dende moi nova. Os seus comezos atopámolos como música e vocalista do grupo Berrogüetto, co que obtén numerosos galardóns e recoñecementos. Anos máis tarde, continúa a súa carreira en solitario, aínda que tempo despois se une ao grupo aCadaCanto, non abandona os seus propios proxectos. Ademais é unha firme defensora da cultura galega e tamén do feminismo, aproveitando a súa proxección artística para transmitir mensaxes de igualdade. Por outra banda, decide facer algunhas versións de temas seus nas sete linguas da península ibérica, grazas ao que recibe o Premio á Promoción da Realidade Plurilingüe do Estado 2020. Actualmente, Guadi segue coa súa carreira conseguindo moitos logros polas súas fazañas musicais.
Jorge Casal: «É unha sorte chegar a emocionar a alguén»
Jorge Casal é un artista compostelán que comeza a sentirse apaixoado pola música dende moi cativo, medrando no berce dunha familia que compartía este mesmo gusto. Un dos seus traballos profesionais máis recoñecido é El pulso fuerte, disco que conta con colaboracións de artistas como Xabier Vizcaíno, produtor deste traballo discográfico e con quen fai a xira conxunta Perros de nadie por España para presentar as súas primeiras creacións. Jorge tamén emprega as plataformas dixitais para publicar as súas cancións, como por exemplo, Como Gala e Dalí, que conta con 48.000 visualizacións aproximadamente.
-Como e cando comeza na música?
–Hai moitas maneiras de comezar. Eu debutei profesionalmente moi tarde, no ano 2015, despois de bastante tempo tocando nas tabernas e nas rúas dun xeito diferente, aínda que para nada menos divertido. Para min foi en ambos casos, moi apaixoante, e aínda que, recalcando que cada artista vive as súas propias circunstancias, seguramente a maioría compartimos a grandes trazos, esta forma de vivir.
-Que lle transmite o feito de poder expresar a través da música as súas emocións e sentimentos?
–Creo que todos podemos facelo, mediante unha canción, un poema , un debuxo, incluso un acto… Dende logo é unha sorte chegar a emocionar a alguén, provocar unha emoción con algo sacado con máis ou menos dificultade, con máis ou menos dor, pero sempre dende o teu interior.
-En que se soe inspirar para compoñer? Cales son os seus temas favoritos para escribir?
–Nunca me inspirei en nada de forma demasiado consciente. Cando estou ben, xeralmente, fago de todo menos escribir algo. Pero botando unha ollada aos meus traballos, é evidente que me preocupa o paso do tempo, o medo a que me queden cousas por facer, cousas por vivir… Quero vivir e facelo todo, e supoño que tamén o inexpugnable asusta.
-Como é o seu proceso creativo? Fai primeiro a letra ou a melodía?
-O certo é que son un absoluto iletrado no aspecto teórico da música, polo tanto estou totalmente limitado á hora de seguir parámetros lóxicos e no momento de compoñer. Dependendo do día, comezo a partir dunha frase ou dunha melodía (ademais de complicarlle a vida aos meus músicos cando toca preparar os temas).
-É doado abrise camiño na vida musical en Galicia?
-Agora levo un par de anos fóra dos escenarios, dando prioridade a cousas que tiña pendentes. Pero podo dicir que ata que paramos, estabamos realmente felices e agradecidos, recibindo dende o primeiro concerto e disco moitísimo cariño e aceptación cara o noso traballo. Non podo máis que dar as grazas.
-Cal é a súa opinión sobre a música actual?
–O normal para un tipo coma min, que non remata de sentirse no seu tempo, sería unha resposta categórica, que seguramente non terminara de ser intelixente. Dende logo, pódoche dicir que hai unha gran parte da música que está a soar que non acabo de entender, nin a súa esencia nin a súa repercusión. Tamén é certo que sae de xente que está constantemente facendo cousas incribles. Hai que aferrarse a iso (e rezar).
-Como considera que pode influír a súa música e o seu contido nos rapaces de hoxe en día?
–Creo que teño un estilo moi versátil, e supoño que non todo o que faga é gusto para todos, pero ao final, eu sinto orgullo cando vexo nos meus concertos tanto rapaces de dezaseis anos coma adultos de setenta cantando as mesmas cancións. Isto faime pensar que algo aí anda ben.”
-Como foi traballar con Xabier Vizcaíno ?
-Traballar con Xabier foi, como sempre dixen, unha gran sorte. Ademais de ser un dos meus compositores preferidos, axudoume a despegar profesionalmente, ensinoume como funciona todo este mundo. Agradecemento eterno a el e a súa familia.
-Ten pensado facer algunha xira este ano?
-Aínda non sei con certeza o que vai ocorrer, pero supoño que pronto tocará reabrir as redes e tomar algunha decisión ao respecto. Nun lugar ou noutro… queda aínda moito por facer !
Influencia da música latina
Dende hai un tempo, a música latina extendeuse por todo o mundo cos seus ritmos pegadizos e coa ledicia que contaxian; nos últimos anos, a música galega bebe desta influencia para evolucionar cara a unha música moi presente entre os máis novos.
Algúns dos artistas galegos que teñen presente a música latina para as aúas composicións son Ortiga, artista compostelán cun estilo baseado na música das verbenas; Son Da Rúa e That Bass, que cantan rap en galego.
Entre os grupos galegos máis destacados actualmente atópase Verto, grupo musical composto por Alberto Mira e Fernando Peleteiro, que alcanza un gran desenvolvemento na música pop e trap en galego, tendo millóns de escoitas en Spotify. Iniciou en 2019, e dende entón o seu éxito foi aumentando. Entre as súas cancións máis coñecidas está Oie Gayego, editada no 2020 e que conta con máis de 140 mil visualizacións en YouTube.Son temas creativos pertencentes ao xénero trap, no que o grupo se serve dos estereotipos relacionados co galego e que con fino humor e ironía trasládana á composición musical.
Tamén contamos con Aid, a súa canción Boogie Vigo foi calificada como single latino da semana en iTunes. No 2011, a canción Apréndeo foi considerada a canción máis escoitada en língua galega en YouTube e no 2012 publicou Rapoemas, un libro-disco que versiona, a ritmo de rap e música urbana, clásicos da literatura galega como Rosalía, Curros ou Cunqueiro.
A parodia musical da man de Páramo Pictures
Xa durante a Idade Media se cambiaban os textos das melodías. A música popular tamén empregou a parodia con melodías xa existentes ou con lixeiras modificacións das mesmas. O pasado sinalou a importancia da parodia como recurso estimulante á construción da conciencia crítica.
Na actualidade a maioría das parodias musicais son humorísticas e teñen o fin de entreter e divertir o público. En Galicia, este estilo é moi ben acollido debido ao carácter retranqueiro da identidade galega, un exemplo representativo da parodia en lingua galega é o grupo Páramo Pictures.
Páramo Pictures realiza parodias humorísticas, partindo do enxebrismo galego. Ás veces aproveitan para facer un retrato da sociedade falega. Este trío parodístico formouse, fai oito anos, parodiando os hits musicais do momento; por exemplo: Bertolina parodia do vídeo Adrenalina, esta composición é a que máis repercusión logrou ata o día de hoxe grazas ás redes sociais. Precisamente, nestas plataformas difunden as súas parodias. A súa última creación Oles moito a xel trátase dunha parodia coronavírica do tema All the things she said, do dúo ruso t.A.T.u