- Carolina Nieto Rodríguez (4.º ESO)
- Marta Rico Canitrot (4.º ESO)
- Xiana Amosa Penas (1.º ESO)
- Marina González Otero (1.º ESO)
- Daniela Leonardi Gómez (1.º ESO)
- Alba Rico Canitrot (1.º ESO)
- Esther balboa Illodo (Lingua galega e literatura)
- Rosa Cacheda Barreiro (Xeografía e Historia)
Asamblea fundacional da Editorial Galaxia (imaxe cedida por E. Galaxia)
A Editorial Galaxia conmemorou no ano 2020 os seus 70 anos de aposta pola edición e a publicación en lingua galega.
A creación da Editorial Galaxia en 1950 concibiuse como unha estratexia cultural e política para a defensa e a dignidade da cultura e a lingua galega no contexto da ditadura, coa finalidade de aglutinar e darlle unha canle de expresión á lingua e literatura galega. Segundo Víctor Freixanes os seus principios eran: democracia, defensa do idioma galego, modernización da cultura galega e europeísmo. Intentaba empatar coa tradición do galeguismo anterior á guerra (a xeración Nós) e, ao mesmo tempo, establecer unha ponte coa Galicia do exilio e coas novas xeracións.
O director actual, Francisco Castro, destacou varios momentos decisivos da editorial que marcaron o seu rumbo. O primeiro deles, o día 25 de xullo de 1950, no que se constituíu a asemblea fundacional no bodegón do hotel Compostela, en Santiago, baixo a presidencia de Ramón Otero Pedrayo. O segundo, a publicación da primeira obra da Editorial: «A antífona da cantiga», de Ramón Cabanillas en 1951 —que en edicións posteriores se titulou «Cancioneiro popular galego»—, e a aparición da revista «Grial» en 1951 con Fernández del Riego como director; o seu nacemento responde á necesidade de crear unha revista culta que situase á lingua galega ao mesmo nivel que as outras linguas.
Outra data significativa que sinala Castro é o 5 de maio de 1963, na que nace a Fundación Penzol en Vigo como un espazo para o estudo e a investigación. Tomou o nome do bibliófilo galeguista Fermín F. Penzol-Lavandera, quen achegou os primeiros fondos bibliográficos e documentais. Hoxe constitúe o principal centro de documentación e estudo da literatura e da historia da Galicia contemporánea cun importante patrimonio bibliográfico. Posteriormente creáronse outras dúas fundacións arredor da Editorial Galaxia: a Fundación Otero Pedrayo en 1979, centrada na obra e memoria deste escritor ourensán, e a Fundación Isla Couto en 1987, fondo bibliográfico de diferentes materias entre as que cabe destacar o galeguismo, a espiritualidade e a economía.
«Cada director imprímelle á editorial unha música de seu»
Francisco Castro referíndose as etapas posteriores sinala que «cada director imprímelle á editorial unha música de seu». Así, nos anos 😯 Carlos Casares, consciente da necesidade de crear unha colección infantil e xuvenil, convida a escritores novos do momento a que escriban literatura para rapaces: nace a colección «Árbore».
Traducións e libro electrónico
En 2002, tras a morte de Carlos Casares, Víctor Freixanes encárgase da modernización e profesionalización da editorial, destacando as traducións dos grandes clásicos internacionais e a aposta polo libro electrónico. A partires de 2020, é Francisco Castro quen toma as rendas da mesma dándolle voz aos novos creadores e apostando por unha renovación temática e de xéneros coa creación dunha colección de ensaio contemporáneo «Hoxe é hoxe», e adiantou que vai saír a luz unha colección de teatro contemporáneo.
Sen reparto de beneficios
Tanto Francisco Castro como Víctor Freixanes destacan que este proxecto que naceu en 1950 non busca un beneficio económico senón que é unha editorial que está o servizo do país; só ten capital galego e consiste en aportacións de pequenos accionistas. Por tradición e por acordo dos seus accionistas, a Editorial Galaxia non reparte beneficios senón que os inviste en novos proxectos e en novas creacións a prol da cultura. En palabras de Francisco Castro: «O obxectivo é que sexamos capaces de rematar o ano 2021 e comezar o 2022 de forma competitiva tendo en conta o baixo número de falantes, os baixos índices de lectura e competindo contra as plataformas dixitais, móbiles… En definitiva abrir todos os anos a porta e continuar co soño iniciado no 1950, sen perder de vista a calidade, procurando sacar o mellor do noso país e contribuír a servir a Galicia».
A Editorial Galaxia é un punto de conversión entre os clásicos e as novidades, busca a calidade, o servizo e a contribución a Galicia. Conta con máis de 4.000 libros en catálogo, e outros 2.000 títulos preparados para publicar este ano. O seu catálogo está cargado de clásicos, novidades, traducións da literatura universal e éxitos internacionais.
Francisco Castro destaca a colección «A lanterna de Aristóteles», que divulga datos científicos do mundo que non sabiamos e que son tremendamente divertidos. Un exemplo é o «H2… oh!!!», de María Canosa e ilustrado por Luz Beloso.
Os datos de Galaxia
- 3.095 títulos editados
- 1.529 títulos en catálogo vivo
- 720 autores no catálogo
- 190 epubs publicados

Víctor Freixanes: «Unha editorial non é unha fábrica de libros»
Autor da foto: Eduardo Pérez, La Voz de Galicia
Víctor Freixanes é presidente da Real Academia Galega e foi director da Editorial Galaxia do 2002 ao 2020.
—Cal foi a súa principal aportación á Editorial Galaxia durante os anos aos que estivo á fronte?
—Dirixín Galaxia dende o falecemento de Carlos Casares, no ano 2002, ata a miña xubilación laboral no ano 2016. Intentei manter vivo o espírito dos fundadores: modernidade da cultura galega, que entraba no século XXI, conexión coas novas xeracións e estabilidade da empresa, procurando adaptala ás necesidades e características dos novos tempos, que xa non era o ano 1950.
—Ademais da creación da Editorial Galaxia que outros fitos decisivos destacaría vostede na historia da lingua e da literatura en galego?
—A conquista da democracia foi fundamental. A Constitución Española de 1978 e o Estatuto de Autonomía de Galicia en 1981 configuran un marco de liberdades que permitiu o desenvolvemento actual da nosa lingua e a nosa cultura. Queda moito camiño, pero tamén é certo que avanzamos moito.
—Que lle gustaría contar, a título persoal, desta experiencia na editorial que non atopemos nas informacións ás que temos acceso?
—Galaxia é un gran equipo humano, constituído polos seus traballadores, polo seu accionariado, polos seus autores e colaboradores (eles e elas, naturalmente), e polas iniciativas que dende a propia editorial se promoveron: a Fundación Penzol en 1963, a Fundación Otero Pedrayo en 1979 e a Fundación Isla Couto en 1987, por poñer tres casos sobranceiros. Pero sen o equipo humano, sen as ideas das persoas que se implicaron historicamente e no presente na significación do proxecto editorial, nada sería posible. Unha editorial non é unha fábrica de libros, é unha empresa que xestiona e promove creación e coñecemento. Traballar xuntos foi para min o máis gratificante.
—En que consistiu o acordo que se asinou a Editorial Galaxia con GoogelBooks durante a súa presidencia?
—Era un intento para instalar o libro galego nas novas tecnoloxías da comunicación, que daquela xurdían con moita forza. Instalar a lingua e a cultura galega na globalización, acaso o gran desafío do noso tempo.
—Vostede compartiu dende o 2002 ata o 2020 a dirección da revista «Grial» con Henrique Monteagudo. Con que intención se creou esta revista e cal é a repercusión que segue a ter hoxe en día?
—Naceu na liña que apuntei antes para a editora. Intentaron lanzala en 1951, pero non foi posible. Ata o ano 1963 a censura non permitiu a súa saída e aínda así empezou con limitacións, que logo se foron superando. A revista «Grial» reúne o espírito dos principios fundacionais de Galaxia: espírito crítico, debate libre das ideas, democracia, vocación europeísta e unha idea da cultura galega non cerrada en si mesma, senón aberta ao mundo, conectada coas grandes preocupacións que nos condicionan. A súa concepción da cultura non se limita á literatura e os libros. Cultura é tamén economía, sociedade, tecnoloxía, ciencia, artes plásticas, música… O gran desafío actual e, na miña opinión, incorporala de xeito activo, con todo o seu riquísimo patrimonio á cultura dixital e as tecnoloxías da globalización. Coido que están traballando niso.
«O noso diccionario na Rede ten 130.000 visitas diarias»
—Vostede é presidente da Real Academia Galega. Que papel xogou esta institución no proceso de normativización e normalización da nosa lingua?
—Dende a súa creación en 1905, a Real Academia Galega está comprometida co idioma galego e coa nosa cultura. O seu obxectivo estratéxico centrouse, ademais de na difusión e a defensa da cultura galega, na creación dun Dicionario Normativo e unha Gramática. Ao longo da historia, dende o século XIX para acó houbo diversas propostas para unificar a ortografía do galego, que tiña unha forte tradición oral pero que chegara tarde aos textos impresos. Coa chegada da democracia e a autonomía fíxose necesario un acordo para o ensino do galego nas escolas, tal como se recoñecía no Estatuto de Autonomía. Logo de longos traballos o Instituto da Lingua Galega e a Real Academia Galega publicaron en 1982 unhas Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego que serviron de base para o ensino. A Lei de Normalización Lingüística de 1983 confire á Academia a responsabilidade desas normas, e a elaboración dun dicionario normativo que hoxe está accesible na Rede, que se actualiza constantemente e que ten mas de 130.000 visitas diarias. A Academia non determina a política lingüística. Esta responsabilidade é do Goberno galego. Mais mantén unha vixilancia constante do idioma, avivando estudos de carácter lingüístico, sociolingüístico, onomástico, literario, histórico… Ademais de promover dende o ano 1963 o Día das Letras Galegas.
—Que obxectivo xeral lle gustaría acadar durante o seu período á fronte da Real Academia Galega?
—Cada etapa achega novas perspectivas e novos traballos que enriquecen as etapas anteriores. Así se constrúen os edificios. A min gustaríame unha Academia instalada nas novas formas de comunicación e na modernidade tecnolóxica propias dos tempos que estamos a vivir. Unha Academia e unha lingua para o século XXI, e que ilusione á xente nova.
«O idioma é a nosa marca de identidade»
—Con que atrancos se atopa aínda hoxe a nosa lingua para acadar unha maior normalización?
—Son moitos séculos de prexuízos. Non se transforma a realidade nin se modifican as mentalidades en catro días. Necesitamos tempo e constancia, mais tamén obxectivos claros, e un compromiso decidido dos sectores dominantes da nosa sociedade (empresarios, asociacións, políticos, institucións científicas, medios de comunicación de masas, industrias do ocio e da cultura…) que entendan que unha lingua é un patrimonio riquísimo que ten unha sociedade. No noso caso, ademais pode relacionarnos co universo do portugués e brasileiro, sen esquecer o castelán, que tamén está entre nós. Temos moitas ferramentas para xogar a partida sempre que superemos os complexos, os prexuízos, e deseñemos unha política activa a prol da lingua, empezando nas familias (os pais e as nais que a transmitan aos fillos) e afirmándonos con decisión nunha política do idioma que dote de recursos aos axentes comprometidos co seu uso e a súa modernización: no ámbito da comunicación, a industria cultural, o lecer, o deporte, a escola… Somos uns privilexiados que podemos actuar no mundo dende nós mesmos, mais ese nós mesmos é o idioma: o idioma é a nosa marca de identidade, un idioma que non está contra ninguén senón que procura sumar vontades, iniciativas, ideas, afectos, creatividade.
—Que futuro lle prevé á lingua galega no mundo da comunicación e difusión global?
—Dende o meu punto de vista, a lingua galega, que gañou un prestixio histórico recoñecido, ten hoxe dous desafíos: a transmisión xeracional (de pais a fillos), que non se rompa, e esta e unha responsabilidade de todos os galegos e galegas, e a globalización, que nos esixe estar no mundo con calidade, orixinalidade, ideas e proxectos sólidos, non só no ámbito cultural, tamén no ámbito empresarial, científico ou no tecnolóxico. Hai que traballar na formación do noso capital humano cara ao futuro.
—Que mensaxe lle pode transmitir aos docentes e ao alumnado galego sobre a nosa cultura e en particular sobre a lingua galega?
—Os docentes teñen unha gran responsabilidade, porque son os que sementan no futuro e poden orientar actitudes, ademais de fornecer coñecementos. Pero a cuestión debemos afrontala cada un de nós preguntándonos que queremos facer pola lingua do noso país, este tesouro que herdados dos nosos tataravós e dos nosos devanceiros, que nos sitúa no mundo, que nos diferenza de todas as outras linguas e culturas, e que dá identidade propia ao noso discurso. Contra a estandarización que todo o unifica e quere que todos pensemos e digamos o mesmo, a lingua nosa é unha resposta orixinal que nos fortalece e que non nos pode quitar ninguén, a non ser que deixemos que nola quiten..
Situación do libro galego na pandemia
A situación actual tamén influíu no mundo da edición do libro. Segundo Francisco Castro, a repercusión foi terrible, xa que diminuíron as vendas de libros, moitas librarías tiveron que pechar, e as editoriais sufriron grandes perdas económicas. «Pero ese vicio que é ler, ese vicio completamente positivo —afirma o escritor e director—, o entusiasmo e o compromiso dos lectores fixo que a recuperación fora moito máis rápida do imaxinable».
María Couceiro, que rexenta a librería Couceiro de Santiago de Compostela, concorda con esta idea; comenta que a libraría estivo pechada durante dous meses pero aumentaron as vendas en liña e moitos lectores comentaban que a lectura fora para eles unha actividade relaxante durante o confinamento. Agora que a situación volve pouco a pouco á normalidade, cada vez aumentan máis as vendas no propio establecemento.
O último «Barómetro de hábitos de lectura y compra de libros», constata que os lectores prefiren seguir comprando os seus libros nas librarías; así o 69% mercou un libro nunha libraría fronte ao 26,3 % que o mercou en liña.
Perda de lectores
Pero na actualidade a edición en galego enfróntase a outro grave problema: a perda de falantes en lingua galega. Segundo o propio director da Editorial Galaxia, «ben pouco hai que facer se existe unha sociedade sen lectores. Se a lingua esmorece, o fai tamén a cultura e a industria, provocando un gran déficit cultural». É verdade que o galego perdeu falantes sen embargo a dignidade do idioma aumentou poderosamente, un dato moi importante a ter en conta.
No último barómetro, que publica a Federación de Gremios de Editores de España só un 4% escolle a lingua galega para a lectura, aínda que o 72,4 % da poboación de Galicia le dun xeito xeral en galego. Entre os motivos que sinalan para ler en castelán destacan: a maior facilidade de lectura nesa lingua e o feito de que a obra elixida non estea en galego.
Un dato positivo é que medrou a compra de libros en lingua galega cunha tendencia positiva do 4,8% anual.
En canto as publicacións en lingua galega, non compiten en cantidade. «Para ser competitivos non é tan importante a cantidade senón tamén facer unha cultura excelente e con identidade». Por exemplo, o libro «O último barco», de Domingo Villar, chegou a ter unha tirada de 10.000 exemplares e esgotouse en dous meses.
María Couceiro comenta que os gustos dos lectores decántanse pola narrativa e que aínda que a temática elixida varía moito segundo a época do ano, os libros de misterio son os máis demandados. Tamén destaca que os libros en lingua galega máis vendidos son os que van dirixidos aos lectores máis novos.
«O defecto do libro electrónico é non ser tan fermoso como o de papel»
Outra lenda urbana é que o libro de papel está a ser desbancado polo libro electrónico. En verdade, segundo Francisco Castro, hai máis ruído que noces, posto que hai máis de quince anos para atrás que xa se falaba da morte do libro físico, e aínda segue en pé. O director da editorial asegura que aquel que le de verdade, que le no seu tempo de lecer, que o fai porque lle gusta, adoita a preferir o tacto do papel antes que un dispositivo. Para el, «o defecto do libro electrónico é non ser tan fermoso como o de papel». O citado barómetro dálle a razón a Castro: a media de uso de un e-book en España é dun 4%; constata que aumenta a lectura en soportes dixitais pero non se relaciona coa incorporación de novos lectores senón máis ben unha transferencia do soporte de lectores que xa eran habituais do papel.
A cultura, e polo tanto o mundo editorial, está obrigada a pactar coa tecnoloxía do momento asegurando así súa modernización e supervivencia.