Instituto IES Xunqueira II
Alumnos:
  • Carmen Agís
  • Lucas Calvo
Profesores:
  • Adrián Méndez

Das festas do campo á memoria colectiva, nas vellas cantigas galegas pódense observar amores, dramas e críticas sociais que foron transmitidas oralmente de xeración en xeración e son hoxe un gran tesouro cultural. O Día das Letras Galegas de 2025 homenaxea as cantareiras, mulleres que mantiveron viva esta tradición e loitaron coa súa voz pola igualdade. Pero, que é o cancioneiro popular galego? É este realmente popular? Pódese relacionar con algún Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS)?

O cancioneiro popular galego ten a súa orixe nas cantigas que as persoas cantaban antigamente nas festas, nos seráns, nas foliadas, nas xornadas de traballo comunitario ou no campo. Estas cancións transmitíanse de forma oral, pasando de xeración en xeración, e recollían feitos, acontecementos e pequenas historias da vida cotiá da época. Unha desas testemuñas, Patricia Pumeiro, subliña: “Era a maneira que a xente tiña de divertirse, relacionarse e mocear: xuntábanse de noite, preparaban o lugar para poder bailar, tocaban a pandeireta, a gaita, as culleres… E cantaban as cantigas, as cantigas, que se transmitían de xeito oral, a xente aprendíaas de escoitárenllelas a outros».

Co paso do tempo, houbo quen se dedicou a recollelas e rexistralas en cancioneiros, converténdoos en documentos valiosos onde se atopan distintos tipos de cancións, poemas, sentimentos amorosos, consellos, refráns e críticas sociais, en moitas ocasións dirixidas á igrexa. Entre os temas máis correntes atopamos o amor, o drama e a vida rural galega.

Nas letras destas cantigas agocháronse metáforas e mensaxes profundas que reflicten a sabedoría popular do pobo galego, sendo unha mostra da cultura galega e testemuñas dun lirismo colectivo acumulado ao longo dos séculos. A súa orixe, polo tanto, é descoñecida, xa que se foi perdendo no tempo.

Para descubrir máis sobre o cancioneiro popular galego é imprescindible coñecer o seu alcance na cidadanía e, a través desta, observouse unha clara diferenza no coñecemento do cancioneiro popular galego.

As persoas maiores teñen un vínculo forte con el, debido a que o viviron en primeira persoa, cantándoo e bailándoo en festas, romarías ou mentres traballaban. Pola súa contra, a xente nova apenas o coñece, máis alá dalgunha canción máis coñecida. As persoas adultas (entre 18 e 50 anos) posúen un coñecemento intermedio, probablemente herdado dos seus pais ou avós, que tiñan unha relación máis directa con esta tradición.

A procedencia das distintas persoas tamén inflúe xa que, quen non é de Galicia, adoita non coñecelo. Por outra banda, a maioría das persoas entrevistadas non o empregan hoxe en día, salvo casos concretos por motivos laborais. Con estes datos, sácase a conclusión de que realmente o cancioneiro popular galego non é popular, xa que cada vez emprégano menos persoas, e para menos aspectos.

Lola Dolores, que si o coñece, lembra: “Antes cantabamos e bailabamos as cancións nas romarías e durante os traballos do campo, agora a xente moza xa non as escoita, con sorte coñece algunha”.

Importancia na cultura galega

O cancioneiro popular galego é moi importante na cultura galega, xa que recolle cancións transmitidas oralmente que gardan a memoria, a lingua e as tradicións que tiña o pobo no pasado. A través delas coñécese como vivían os antepasados e como se entretiñan nas súas tarefas que tiñan que facer diariamente. O cancioneiro é unha forma de identidade colectiva e tamén un patrimonio cultural que nos une e nos define como galegos.

Obxectivos de Desenvolvemento Sostible

O cancioneiro popular galego podemos relacionalo con distintos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS). Entre estes atopamos a educación de calidade, a redución das desigualdades, a saúde e benestar e o traballo decente e crecemento económico.

Á educación de calidade debido a que grazas ao cancioneiro coñécese máis sobre a cultura do pasado galego.

Á redución de desigualdades e igualdade de xénero, xa que neste están recollidas diversas cancións que son e foron cantadas ou inventadas tanto por mulleres coma por homes.

Tamén á saúde e ao benestar, xa que o cancioneiro favorece a saúde tanto física, como psicolóxica e social. Este ao longo dos anos serviu para socializar ao ter un importante papel en festas e romerías, non só cantando, senón tamén bailando as cancións, contribuíndo ao noso benestar.

Por último, o traballo decente e o crecemento económico, xa que grazas ao cancioneiro amplíase o patrimonio cultural, o que aumenta as posibilidades de traballo, debido a que ao ter máis coñecementos tense máis probabilidades de conseguir un traballo decente.

 

O Día das Letras Galegas 2025 está dedicado ás cantareiras, mulleres que xogaron un papel clave na transmisión da lírica popular galega. Representadas en seis figuras, homenaxéanse así todas aquelas que conservaron a tradición oral. Aínda que tamén houbo homes informantes, foron maioritariamente mulleres as que mantiveron viva esta cultura. Historicamente, a literatura galega foi oral ata o século XVIII, cando comezaron as primeiras transcricións. Hoxe quedan poucos informantes, polo que é importante recoñecer este legado antes de que desapareza.
A súa importancia coa igualdade débese a que este recoñecemento dá a coñecer o papel das mulleres na cultura galega, tradicionalmente invisibilizado, contribuíndo a unha maior igualdade e xustiza histórica.

En conclusión, o cancioneiro popular galego é unha parte moi importante da nosa cultura e identidade. A través das cantigas, transmitidas oralmente, expresaban a vida e como vivían os nosos antepasados. Este 2025, o Día das Letras Galegas homenaxea as cantareiras, recoñecendo o seu papel no que axudan a recuperar estas tradicións e contribúen a preservar o pasado e avanzar cara a un futuro con máis oportunidades para todos.

 

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp