Instituto IES Pedra da Aguia
Profesores:
  • Jacobo Santos

O concello de Camariñas ole a mar, omnipresente na maior parte das súas familias e que reporta enormes beneficios á economía do municipio. En concreto, as actividades relacionadas co sector pesqueiro proporcionan case un 20 % do seu PIB, segundo o IGE na súa análise do sector da pesca, publicada en xaneiro do 2023. Ben é certo que esa porcentaxe descendeu nos últimos anos, así como o número de embarcacións dedicadas á pesca e a poboación ocupada nela, pero cabe destacar que as actividades como o marisqueo a pé ou en barcos pequenos, a acuicultura e o procesado de polbo, atún e ourizo, mantéñena como un referente en toda a Costa da Morte.

Unha poboación en declive

Segundo as estatísticas do INE, a poboación de Camariñas no 2022 era de 5.188 habitantes, case 1.500 persoas menos que hai 20 anos. A pirámide de poboación amosa un envellecemento continuo da súa xente, con apenas 500 mozos menores de 15 anos e co triplo desa cifra superando os 65 anos de idade… E as cifras seguen empeorando.

Unha economía marcada polo sector pesqueiro

A gran maioría dos seus habitantes dedícanse ao sector pesqueiro, segundo a enquisa feita entre os alumnos do IES Pedra da Aguia, que establece que máis do 50 % do seu alumnado ten algún familiar traballando nalgún barco ou nalgunha fábrica relacionada co mar. Corrobórao Jacqueline Lista, presidenta da Agrupación de Marisqueo de Camariñas, cando comenta que o emprego no municipio vén por esta orde: “Marisqueo, fábrica de Boya, fábrica de polbo e acuicultura do rodaballo”.

A confradía de mariscadores de Camariñas é a máis importante do municipio. É a única agrupación onde o marisqueo a flote e a pé van xuntos á zona de traballo. Está composta por 57 mariscadores e unhas 80 embarcacións de artes menores e do cerco. Jacqueline Lista explica que o 90 % do marisqueo a pé fano mulleres que traballan 15 días ao mes unhas catro horas diarias, mentres que os barcos son máis dos homes. Durante este ano, o produto estrela foi a ameixa fina, que resistiu mellor que a ameixa xapónica e o berberecho ás persistentes choivas de outono. Outros produtos que se recollen a pé, e nos que xa interveñen máis homes, son o percebe, o ourizo e os “trapos” (algas destinadas principalmente ao sector dos fertilizantes e ao sector farmacéutico). Resalta tamén que “o tema do mar hai que traballalo e que hai que coidar o produto”. O mar dá diñeiro se se traballa duro e se coidan as zonas de extracción.

En canto aos barcos, os máis pequenos dedícanse ao polbo, á nécora, ao camarón e ao congro, mentres que os grandes, os 18 do cerco, pescan sardiña, xurel e xarda. Non hai pesqueiros de arrastre, salvo os que arriban ao que é considerado como un dos mellores portos de abrigo de toda a Costa da Morte.

Preguntada polos principais problemas que arrastra o sector, Jacqueline fala do recambio xeracional, asunto que recolle tamén a enquisa feita entre os alumnos do instituto. “A xente non quere ser mariñeira. Quere ser patrón ou armador.” De feito, a frota do cerco ten que botar man de inmigrantes para cubrir as 10-12 plazas de mariñeiros que leva cada barco. Nun principio eran indonesios, aínda que hoxe en día son peruanos, venezolanos e senegaleses e supón o 70 % da tripulación. Miro Campaña, patrón dun barco de cerco que faena normalmente no Cantábrico Noroeste, certifica esta afirmación.

Outro problema son as cotas, insuficientes para toda a frota do cerco galega, superior en número aos do Cantábrico, pero con menos posibilidades de capturas. Trátase dun tema “histórico”, xa que as asignacións comunitarias fixéronse non por número de barcos, senón por capturas declaradas. De aí que algúns armadores galegos compren embarcacións en zonas do Cantábrico para beneficiarse das maiores cotas.

Miro Campaña ve con escepticismo o futuro da pesca do cerco, xa que á falta de cota hai que sumarlle os intentos de reducir a frota mediante as axudas ao desguace, a incerteza sobre como afectarán as eólicas mariñas ás pesquerías e as restricións cada vez maiores aos caladoiros. “O mar é unha fonte moi boa de ingresos, pero a eles non lles importa”, conclúe.

En canto ao furtivismo, a cofradía conta con 3 vixiantes que proporcionan gran seguridade nos areais e nas zonas da ría. Porén, cando se trata do percebe e do ourizo, as cousas cambian. Segundo Vanessa López, unha percebeira que leva máis de 15 anos no oficio, “o furtivismo sempre afecta para mal, xa que os recursos que eles coidan os furtivos non os respectan”. No mesmo sentido, pero dende outro punto de vista, exprésase a xerente de Pescados Pedreira, quen cuantifica nun 20 % da porcentaxe de ourizos que se deixa de comercializar por culpa dos furtivos.

A acuicultura como compañeiro necesario

A acuicultura está representada no concello por Stolt Sea Farm, unha empresa de capital de Noruega e con sede en Santiago de Compostela que ten sete plantas en Galicia, dedicadas á cría, ao engorde e ao procesado de rodaballo e linguado, especies nas que Galicia sobresae a nivel nacional e europeo. Carlos Tavares, director de Sostebilidade, acudiu ao instituto Pedra da Aguia para responder ás preguntas que tiñan preparadas os alumnos de 4.º da ESO. Explicou que levan en Camariñas dende o 2003 e que na granxa, situada a carón do Cabo Vilán, traballan entre 20 e 30 persoas da zona no proceso automatizado de engorde do rodaballo. Elixiron Camariñas por ser “un lugar ideal para o desenvolvemento desta especie, debido á temperatura da auga do mar”. Aínda que nestas instalacións destacan sobre todo homes, cada vez son máis as mulleres que traballan na empresa e en postos técnicos relacionados coa biotecnoloxía.

O produto véndeno normalmente fresco, cando pesa entre  e 1 e 2 quilos, aínda que cada vez haxa máis demanda para facelo fileteado, proceso que realizan na planta de Lira. Considera que hai moita desinformación sobre a acuicultura e que esta circunstancia é a que limita os seus plans de desenvolvemento e ampliación, polas trabas da Administración para o acceso a novas zonas. Igualmente, cre que a pesca tradicional e a acuicultura son “actividades complementarias”, xa que se necesitan as dúas ao ser limitados os recursos mariños.

Industrias punteiras

Se o sector primario ten unha boa representación na pesca, a conserva e o procesado de peixe, crustáceos e moluscos non queda atrás. Camariñas conta cunha empresa centenaria no envasaso de atún como Conservas Cerdeimar, que comercializa os seus produtos a través da marca Boya, preferentemente. Menos coñecidas son as empresas de procesado de polbo, un total de tres en todo o municipio. Son empresas familiares que se fixeron un oco no panorama galego. A principal é Frigoríficos Camariñas, que empezou a súa actividade en 1989 e que actualmente é a empresa de polbo máis importante en Galicia, tendo en conta que o seu capital é 100 % galego. Verónica Canosa, directora de Produción e de Recursos Humanos, amosou a fábrica a varios dos alumnos desta reportaxe e explicoulles como funciona este negocio. É unha empresa mediana que conta con 23 traballadores da zona nun cadro de persoal cada vez máis paritario. Non lles resulta doado atopar persoal cualificado, polo que consideran a formación un proceso fundamental.

O 95 % do produto conségueno nos caladoiros de Marrocos, os mellores do mundo, xa que a escaseza do galego e o seu menor tamaño fan que teñan que recorrer a esa zona, onde tamén teñen unha planta. Considera que en Marrocos as compras son “máis seguras”, xa que hai máis seriedade e normas máis estrictas para os tamaños do polbo.

“O proceso de conxelación é o máis importante”, comenta, xa que a calidade do produto depende deste procedemento. En Marrocos desviceran o animal que, tras ser conxelado, é enviado á planta de Camariñas para o seu procesado. Carrefour é o seu primeiro cliente en España, aínda que máis do 90 % da produción vai cara ao exterior. Entre os problemas que se encontraron ultimamente están o coste enerxético, a inestabilidade das relacións exteriores e o encarecemento dos materiais auxiliares.

Por último, destaca a importancia dunha empresa familiar e pequena como a de Pescados Pedreira, que naceu no 1976 e que se fixo un oco no mercado grazas a un produto menos coñecido como é o ourizo de mar. Conta cunhas instalacións máis reducidas, pero suficientes para o traballo que se realiza nelas, basicamente a extracción das ovas do ourizo para a súa posterior comercialización, ben ao natural ben procesado como caviar. A súa xerente, Gema Pedreira, explica que na súa nave traballan unhas 15 persoas da zona, todas elas mulleres. As campañas do ourizo son variables, pero non adoitan durar máis de dous meses por zona, polo que o traballo focalízase entre os meses de decembro e abril. O produto cómprase principalmente nas lonxas de Ribeira e toda a costa da Coruña e véndese na súa maior parte nos mercados de Francia e Italia para facer salsas. O ourizo viu revalorizado o seu prezo en moi pouco tempo, polo que a súa venta é rápida e con bos beneficios. “A lástima é que a tempada de extracción non sexa máis longa”, comenta con resignación, o que provoca que o resto do tempo se dediquen a comercializar outros produtos. O ourizo atópase ata a 30 metros de profundidade, polo que moitas veces a súa extracción tense que facer buceando con bombonas de osíxeno. É un traballo totalmente artesanal que ten nos furtivos ao seu maior inimigo.

Un futuro por deseñar

Camariñas é máis que encaixe, máis que unha parte da senda dos faros e máis que un bonito solpor. O sector pesqueiro en Camariñas, nas súas diferentes acepcións, amosa a importancia que ten a nivel local, nun contexto no que a súa contribución ao PIB galego non chega ao 1 %. A falta de recambio xeracional no ámbito estrictamente pesqueiro pode ser suplido coa ambición e os proxectos que propoñen o resto de actores deste sector. Camariñas, definitivamente, ole a mar.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies