Instituto Dionisio Gamallo (Ribadeo)
Alumnos:
  • Lucía Fernández López, Celia Fernández Tojo, Nekane García Fernández, Carlota López González, Carla López Rodríguez, Claudia Villapol Duarte
Profesores:
  • Manel Yáñez Dablanca
Entre todos os problemas aos que o ser humano se enfronta hoxe en día, hai un que está moi estendido, que complica as relacións e a convivencia entre os pobos e que dificulta un progreso positivo da sociedade: a desigualdade.

As diferenzas, que provocaron desde o principio dos tempos loitas e controversias, foron disipándose: segue habendo aínda moitas guerras, moitos conflitos, pero tamén aprendemos a canalizar os problemas e modificamos as nosas actitudes promovendo políticas de axuda e cooperación que deben cada vez ir a máis. O problema é que as desigualdades están incardinadas en todo o entretecido da conduta e do comportamento humano; non hai faceta ou área que se libre: poden ser económicas ou baseadas no xénero (hai que recordar que as mulleres son a metade da poboación, non unha minoría), pola súa identidade sexual, a súa etnia o relixión, ou por ter algunha discapacidade, entre outras moitas. E non hai que ir a outro tempo e lugar, tamén aquí e agora hai moitos exemplos de desigualdade; aquí trouxemos tres, as que sufren as mulleres en xeral, as persoas con algunha discapacidade e as do colectivo LGTBIQ+.

Un dereito recollido hai máis de 70 anos
O 10 de decembro de 1948 firmouse a Declaración Universal dos Dereitos Humanos en París para asegurar que todas as persoas vivan a súa vida en liberdade, igualdade e dignidade.

Despois de máis de medio século, vivimos todos na mesma situación de liberdade, igualdade e dignidade? Somos persoas iguais ante as leis pero non temos as mesmas posibilidades. Esta realidade obriga á sociedade a deseñar e poñer en práctica estratexias de promoción e inclusión en cada un dos diferentes niveis nos que se detecten desequilibrios. Pero este exercicio de inclusión, en que consiste?…

A inclusión é a resposta á diversidade, tanto na súa forma positiva (todos somos diferentes e isto favorece e enriquece a sociedade) como a negativa, aquela que fai alusión ás deficiencias ou carencias que sofren as persoas nas actividades cotiás, e que debemos protexer e garantir nas súas expectativas de acceso ao desempeño de roles e funcións similares as dos demais.

A desigualdade que sofren as mulleres

Precisamente hoxe, 25 de novembro, publicamos a nosa reportaxe sobre aspectos da igualdade, e unha das máis graves situacións que nos toca vivir é a da violencia de xénero, pero nesa frase se dilúe un dos máis profundos e mortais desequilibrios na nosa sociedade: o maltrato á muller. A nosa moderna e democrática convivencia está adquirindo tinguiduras catastróficas namentres asistimos a continuos asasinatos e atentados contra a dignidade humana. As cifras son contundentes, inapelables.

25N, unha data para recordar

O 25 de novembro de cada ano, moitas cidades acollen actos diversos e manifestacións multitudinarias. Trátase do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, e non se celebra nesta data por casualidade.

En 1981, o Primeiro Encontro Feminista Latinoamericano e do Caribe fixou este día para a concienciación e sensibilización acerca da violencia contra as mulleres en conmemoración de tres activistas dominicanas Patricia, Minerva e María Teresa Mirabal que foron brutalmente asasinadas o 25 de novembro do 1960 pola policía secreta do ditador Rafael Trujillo Molina polas súas actividades en pro da democracia.

Máis tarde, en 1999, a asemblea xeral da Organización das Nacións Unidas, declarou oficialmente esta data como o Día Internacional contra a Violencia de Xénero, e emitiu por primeira vez a declaración sobre a eliminación da violencia contra a muller.

A declaración da ONU define como violencia contra a muller «todo acto de violencia que teña o poida ter como resultado un dano ou sufrimento físico, sexual ou psicolóxico para a muller, así como as ameazas de tales actos, a coacción ou a privación arbitraria da liberdade, tanto se se producen na vida pública como na vida privada».

Entre as formas nas que se manifesta a violencia machista, segundo a ONU, inclúen as seguintes:

  • Violencia por un compañeiro sentimental (violencia física, maltrato psicolóxico, violación conxugal, feminicidio,….) 
  • Violencia sexual e asexo (violación, actos sexuais forzados, insinuacións sexuais non desexadas, abuso sexual infantil, matrimonio forzado, asexo, acoso nas rúas, acoso cibernético)
  • Trata de seres humanos (escravitude, explotación sexual)
  • Mutilación xenital
  • Matrimonio infantil
«A igualdade non é só cosa de mulleres»

Que se fai en Ribadeo pola igualdade? A concelleira de Igualdade de Ribadeo, Mariluz Álvarez Lastra, explica que «nun concello pequeno como o noso, a parte máis importante é a de dinamización e sensibilización» aínda que «sen orzamento económico, ningunha partida podería levarse a cabo». O concello desenrola unha política baseada en catro eixes: sensibilización, empoderamento, información e loita contra a violencia de xénero. Levan as súas actividades a todas as parroquias a través do Consello Municipal da Muller, aínda que agora úsanse as redes sociais para informar.

«A pandemia é nefasta, catastrófica para nós como mulleres»

Entende Álvarez que as mulleres necesitan «tempos de respiro, sen crianza, sen familia», que a pesar dos problemas, non deben dar un paso atrás -«non nos poden calar», insiste- e que «a igualdade é unha carreira de fondo», na que hai que vixiar cada aspecto, mesmo a linguaxe. E recoñece que a pandemia fixo desaparecer os servizos sociais de atención (á dependencia, aos nenos…) e foi un peso para as mulleres, que xa o teñen difícil para a conciliación no mundo rural.

 

Trema para ver a primeira parte da entrevista

Trema para ver a segunda parte da entrevista

Trema para ver a terceira parte da entrevista

A desigualdade das persoas con algunha discapacidade

Para falar dunha persoa con discapacidade, úsase tanto ese termo como o de «diversidade funcional», que substitúe a outros cuxa semántica é considerada pexorativa, como «minusvalía». Pero moitas persoas con discapacidade rexeitan a utilización da expresión «diversidade funcional» por non sentirse identificados cun léxico sen lexitimidade nin respaldo social amplo, e porque resulta confuso ás veces.
Segundo os datos recollidos nas comunidades autónomas, a finais do 2015 había en España 268.633 persoas cunha discapacidade intelectual recoñecida (con grado igual o superior ao 33%). Isto supón un 9% del total de persoas con discapacidade recoñecida en España. De todas estas persoas, 154.208 son homes e 114.422 mulleres (57,4% e 42,5% respectivamente).

A idea da inclusión é que todos somos considerados iguais, e temos características diferentes, algunhas das cales necesitan unha adaptación que se debe normalizar, non tanto facendo modificacións senón adaptando a sociedade para todos e conseguir que esteamos en igualdade de condicións ante a vida en comunidade.

 

 

Sara Sixto Mon: «O peor que levamos é vivir con normalidade e que alguén pense 'pobriño, que pena da'»

Sara Sixto Mon é unha compañeira do IES Dionisio Gamallo que ten cadeira de rodas e pode falar en primeira persoa do grao de inclusión da nosa contorna máis próxima.

-Dende cando estás en cadeira de rodas?

-Dende o 18 de xaneiro, dende aproximadamente fai dous anos.

-Crees que cambiou a percepción da xente cara a ti?

-Si, porque este tipo de situacións fante madurar de súpeto e creo que a xente agora atópame como mais madura, mais positiva que antes.

-Encontras algunha dificultade para establecer algún tipo de comunicación?

-Non, porque eu sempre fun unha persoa moi extravertida, moi faladora

-No teu día a día atópaste con moitas barreiras arquitectónicas?

-Si, na casa, incluso nos pisos que non están pensados para situacións como esta, e incluso, por exemplo no edificio de miña avoa  a pesar de que ten ascensor e moi moi pequeno e moi vello e nas rúas que hai buratos enormes e ramplas mal feitas e chanzos, ou incluso na miña casa que non está pensada para persoas así.

-Que crees que podemos cambiar para que non haxa este tipo de barreiras?

-Máis conciencia, crear mais leis onde se teñan que cumprir si ou si, hai edificios privados ou calquera tipo de establecemento, onde as veces as leis pásanse por alto.

-Algunha vez presenciaches algunha actitude de discriminación ou sentícheste así pola túa situación?

-Por sorte, eu non

-Hoxe en día cres que na sociedade as persoas que teñen algún tipo de discapacidade están completamente integrada nela?

-Non, os edificios, como dixen antes non tan feitos ou se vas a un bar e as mesas non te quedan a túa altura.

-Cal é a túa opinión con respecto ao comportamento dos demais cara ás persoas que sofren algún tipo de discapacidade? Consideras que se da algún prexuízo?

-Prexuízos hai moitos, por exemplo unha persoa na miña situación, ou peor que leva é o intentar vivir a súa vida con normalidade e atopar quen pensa ‘Pobriño, que pena me dá!’, e non, ese tipo de persoas poden levar a súa vida con completa normalidade como a levas ti, eu ou a veciña do cuarto.

-Que cousas podemos levar a cabo para fomentar a inclusión na sociedade?

-Máis conciencia social, menos prexuízos, e non pensar que por que unha persoa que teña unha situación diferente lle vai mal e pode facer as mesmas cousas ca ti.

Trema aquí para ver a entrevista a Sara

A desigualdade por razóns de identidade sexual

Este termo LGTBIQ+ xurdiu na década dos 90 e segue evolucionando para incluír a todos os colectivos: Lesbianas, Gais, Transexuais, Bisexuais, Intersexuais e Queer, e engadimos o signo + para incluír a todos os colectivos que non estean representados nas siglas anteriores. Agrupa a persoas coas orientacións sexuais e identidades de xénero relativas a estas palabras. Unha das cuestións máis actuais da inclusión é que moitas persoas consideran aos homosexuais unha ameaza e limitan determinadas zonas da súa xeografía como libres de ideoloxía LGTB, como sucede en Polonia, ou Hungría, onde o seu primeiro ministro presenta unha emenda que establece que os nenos e nenas deben crecer soamente nunha familia heterosexual e con valores cristiáns. Son só exemplos recentes do que continúa a pasar en moitas partes do mundo, onde a intolerancia a intransixencia afectan a Estados e persoas.

Debemos educar na tolerancia, na comprensión e no coñecemento do amplo espectro da realidade humana, e é na preadolescencia e na adolescencia cando comezamos a desenvolver a nosa identidade e cando debemos asimilar todas as formas posibles da nosa existencia e a tolerancia a todas aquelas outras que posibiliten as relacións humanas.

A falta de inclusión é representada como a homofobia que definiríamos como o odio, rexeitamento ou medo irracional que se sinte cara unha persoa que pertence ao colectivo. Ademais de isto, en máis de setenta países aínda se persigue a homosexuais, aos transexuais, ou a calquera forma de comportamento que se salga do molde de xénero estandarizado… nalgúns países aínda son condenados a morte pola súa condición. Sen embargo podemos afirmar que a Unión Europea mostra unha ampla aceptación, e é pioneira en políticas de inclusión en todos os estamentos da igualdade que traballamos.
Por desgracia a falta de inclusión está moi presente na actualidade e podemos velo reflectido en titulares como «Tres menores agreden nun concello de A Coruña a dúas chicas que se estaban bicando» ou «Un joven recibe tres puñaladas en una agresión homófoba».

Moito orgullo

WALLACE WOON efe

Como forma de representación da inclusión dentro do colectivo temos o Día do orgullo. Este día se celébrase anualmente de forma pública para instalar a igualdade no colectivo, e ten lugar o 28 de xuño, que é o día no que se conmemoran os disturbios de Stonewall de 1969 onde se marcou o inicio do movemento da inclusión e liberación homosexual. A mensaxe principal que transmite este día é que ninguén debe avergoñarse do que é, e todos debemos respectarnos.

Xurde tamén como unha resposta fronte a vergoña, a exclusión e as agresións físicas que poden chegar ata a morte da vítima. Simplemente deféndese o amor propio, o respecto e o dereito a unha dignidade íntegra.

Podemos fomentar a inclusión do colectivo en diferentes ámbitos. Na música hai artistas e cancións nas que podemos recoñecer ou ben membros do colectivo ou mensaxes sobre este.

  • Mujer contra mujer, de Mecano: Foi aclamada no momento do seu lanzamento en 1990 e relata a historia de amor a escondidas entre dúas mulleres.
  • Born this way, de Lady Gaga: Esta canción vai dirixida ás minorías que sempre son discriminadas, mantén unha mensaxe de respecto e amor.
  • A quién le importa, de Alaska: A letra desta canción fala sobre a liberdade ao marxe de calquera prexuízo e aínda que Alaska non a compuxo dirixida especialmente ao colectivo, estos acolléronla coma un himno.
  • I want to break free, de Queen: Esta canción fala da liberdade, desas ansias que temos todas e todos por ser libres, de non estar encadeado a unha parella e vivir en liberdade.

Outras facetas da cultura tamén reflicten e reflexionan sobre o colectivo desde distintos ámbitos da actualidade, onde afortunadamente visibilízano, como é o cinema:

  • Élite. Esta é unha serie española estreada en Netflix en 2018, foi moi impactante para os mozos porque trata a sexualidade como algo normal e natural, que é o que é. Hai unha parella de gais onde un deles é árabe, e isto fai que cando o seu pai decátase bótao de casa. E outra cousa moi curiosa desta serie é o poliamor, hai dúas relacións de tres persoas, non só sexual, tamén sentimental.
  • A vida de Adèle. Trata sobre unha relación de dous adolescentes lesbianas, as dúas coñécense nun bar e unha delas que supostamente era heterosexual empeza a dubidar da súa sexualidade.
  • Below her mouth. Unha muller casada cun home séntese baleira con él, e un día sae de festa coa súa amiga e coñece a unha moza que lle parece especial, que casualmente traballa de albanel á beira da súa casa. Ela estivera cunha moza na súa mocidade e isto axúdalle a aclarar a súa verdadeira identidade.
  •  A moza danesa. Unha parella de pintores danesa, un matrimonio heterosexual, comezará a cambiar cando el pose como modelo para a súa muller, que é pintora, e comece a sentirse muller. Está baseada en feitos reais e foi un dos primeiros casos na historia en someterse a unha cirurxía de cambio de sexo. A súa muller apóiao en todo momento.
  • Identidade borrada. Trata sobre un adolescente que confesa aos seus pais que é homosexual, e estes dinlle que ou se somete a unha terapia para cambiar a súa condición sexual ou será expulsado da familia para sempre.

Tamén hai algúns famosos representantes do colectivo que traballan na inclusión e se mostran tal e como son

  • Bruce Jenner, quen agora se chama Catlyn Jenner,é unha persoa transexual que orixinariamente obtuvo fama polos seus logros en atletismo e automovilismo, e agora tras o seu cambio de xénero traballa na televisión.
  • Oto Vans é un influencer pertencente ao colectivo que considera que hai que ser responsable coas redes pero nunca deixar de mostrarse tal e como eres.
  • Jadet Sanchez é una actriz e escritora española transexual activista do colectivo.
«Non fai falta 'saír do armario' porque non hai armario»
Unha vez máis as escolas son unha ferramenta necesaria para formar cidadanía tolerante: debemos educar en igualdade, sen diferenciar as mensaxes en función do sexo, e educar baixo valores coma o respecto cara aos demais. É na infancia e na adolescencia cando a identidade se conforma, e é responsabilidade de toda a comunidade proporcionar unha educación integral que permita a nenos e nenas construíla desde unha concepción da realidade que integre á vez o coñecemento e a valoración ética e moral da mesma.

Para pulsar de forma máis próxima á realidade do colectivo LGTBIQ+ quixemos aportar o testemuño de María (nome ficticio), unha rapaza da nosa idade que pertence ao colectivo:

—Identifícaste co colectivo ou consideras que son innecesarias as etiquetas que se poñen?

—Identifícome co colectivo, este en ningún momento forza ás persoas a etiquetarse, xa que o termo «queer» significa sen etiquetas.

—Costouche dicirlle ao teu entorno a túa orientación sexual?

—Recordo dicirlles aos doce anos aos meus pais que era bisexual e despois comentalo nas redes. Foi un proceso de interiorización largo, xa que o medo ao rexeitamento sempre está aí, pero unha vez o dis, se a resposta do teu ambiente é positiva sínteste liberada.

—Que opinas sobre a homofobia e a que crees que se debe?

—Non é máis que o reflexo do impacto da relixión na sociedade antiga. Aquelas condutas homófobas fóronse arrastrando durante xeracións ata hoxe. Incluso xente que pertence ao colectivo foi homófoba nun pasado debido á imposición social da heteronormatividade.

—Cres que se avanzou no tema da inclusión cara ao colectivo?

—Creo que avanzamos moito. España é un país bastante tolerante, aínda que outros países como Estados Unidos non. Creo que para a normalización das relacións non heterosexuais e das identidades de xénero necesítase encontrar referentes (musicais, cinematográficos…) que lles fagan sentirse máis seguras e seguros á hora de expresar a súa condición sexual ou de xénero.

—Como se loita contra os prexuízos que a miúdo nos rodean?

—No meu caso, creo que nunca fun prexulgada pola miña orientación sexual por xente da miña idade e contorna. En cambio, si que o fun por adultos. É comprensible que sexa difícil de entender para eles e elas, xa que foron educados dunha forma distinta da nosa. Aínda así, penso que non se esforzan o suficiente por entender aos adolescentes e creen que experimentamos unha «fase» ou que somos «rebeldes» cando realmente non teñen en conta os nosos sentimentos e o contexto histórico no que vivimos agora.

—Que lle dirías a unha persoa que pertence ao colectivo e non se atreve a expoñelo en público?

—Que non ten porque expoñerse se non quere. Ninguén lles di aos seus pais ou amigos que é heterosexual ou cisxénero, así que non fai falta «saír do armario» porque non hai armario. O segundo é que se quere dicilo, debe asegurarse de que o seu entorno é seguro como para poder expoñerse sen ser discriminado ou ferido. E o terceiro é que se coñece a alguén do colectivo pode apoiarse nesa persoa á hora de expoñerse.

—Por que cres que hai persoas que non se atreven a admitir que pertencen ao colectivo?

—Por diversos motivos: o medo, o seu traballo, a súa relixión, a intolerancia do seu pais, a posibilidade de rexeitamento do seu círculo,…

—Cres que se lle da pouca visibilidade ao colectivo?

—Creo que en ámbitos como as redes sociais dáselle moita visibilidade e iso é algo realmente bo. Noutros, como no cine ou na música, non se encontran tantos e tantas referentes como a min me gustaría.

—Algunha vez sentícheste condicionada ou xulgada por pertencer ao colectivo?

—Sentinme condicionada a etiquetarme moitas veces pola bifobia das redes. Ao fin e ao cabo, a sexualidade é un espectro que varía e en etapas da miña vida síntome máis atraída por homes e noutras por mulleres.

—Que opinas dos estereotipos que se lle asocian ao colectivo?

—Son daniños e innecesarios. Un home cishetero pode ser promiscuo ou ter múltiples parellas sexuais (algo que eu non considero que estea mal aínda que a sociedade si) mentres que un home transxénero e gai puido non ter relacións sexuais nunca. Con este exemplo quero dicir que as calidades que se nos outorgan dependen dos individuos e non das súas orientacións sexuais ou as súas identidades de xénero.

OPINIÓN

O estamento xurídico recolle os actos de violencia contra a muller como delitos e os tipifica nos códigos civís e penais, pero non é suficiente. Ás veces, a lexislacións son precarias ou non abordan o tema en profundidade; noutras, as diferenzas culturais fan que a atención non sexa a adecuada ou non existen políticas que reforcen esa igualdade ou as axudas son insuficientes.

Cada mes é común ver nos telexornais a noticia de que unha muller foi asasinada a mans do seu marido, mozo, exparella… Pero, é o normal? É normal que ducias morran só polo feito de ser mulleres? Non!, a resposta é un claro e rotundo non. Non poder ser que as mulleres sigan morrendo por un sensentido acto de suposta superioridade masculina, que se lles siga tratando como obxectos ou títeres, porque, simplemente, non o son. Non son obxectos de usar e tirar que os homes poidan usar ao seu gusto e cando lles veña en gana e, se a eles parécelles oportuno, acabar coa súa vida sen ningún tipo de remordemento. As mulleres son persoas con dereitos, cos mesmos dereitos que os homes, coas mesmas capacidades e valores, que deben ser tratadas como tal, e respectadas por todos os membros da sociedade.

A violencia está incardinada na mesmidade humana e debemos aprender a distinguila e eliminala. Non podemos vivir nunha sociedade moderna en pleno século XXI padecendo esta fatídica lacra de violencia. De feito é na sociedade onde estamos obrigados a librar a verdadeira batalla que faga desaparecer estas formas de agresividade, é na sociedade onde debemos aprender a recoñecer estes comportamentos e non toleralos, é coa educación entre os mozos como poderemos conseguilo. De feito hai conceptos que aínda non teñen espazo definido na nosa vivencia. A palabra feminicidio, por exemplo, non está no noso dicionario da lingua galega, e por esta razón debemos erradicala tamén da nosa sociedade. As campañas de diversas organizacións gobernamentais e non gobernamentais ocúpanse de diferentes aspectos destas violencias: Save the Children está a facer una campaña en contra do matrimonio infantil, xa que cada ano 15 millóns de nenas en todo o mundo están sendo obrigadas a casar, especialmente en países onde os niveis de pobreza son maiores. Unicef leva a cabo un programa educativo co que pretende lograr a igualdade de xénero e promover a autonomía das nenas, porque estas accións contribúen a que os nenos e nenas acaden todo o seu potencial. As nenas e os nenos perciben todos os días a desigualdade de xénero nos seus fogares e nas súas comunidades: nos libros de texto, nos medios de comunicación e entre os adultos que os coidan. A nivel mundial, case 1 de cada 4 nenas entre os 15 e os 19 anos carece de emprego e non se está educando nin capacitando, en comparación con 1 de cada 10 nenos.

Na súa forma más insidiosa, a desigualdade entre os xéneros pode chegar a ser violenta. Aproximadamente 1 de cada 20 nenas entre os 15 e os 19 anos –cerca de 13 millóns– foi vítima de relacións sexuais forzadas. Tanto en épocas de paz como en situacións de conflito, as nenas adolescentes corren un alto risco de sufrir violencia baseada no xénero. O matrimonio na infancia e a mutilación xenital feminina seguen afectando a centos de millóns de nenas de todo o mundo, aínda que no ámbito internacional se recoñece que ambas prácticas vulneran os dereitos humanos. E a violencia pode ocorrer incluso ao nacer; por exemplo, en los lugares onde o infanticidio feminino é unha práctica habitual.

Cremos que para poder cambiar este tipo de condutas machistas débese educar as novas xeracións nun ambiente de igualdade e tolerancia, pero as cifras cantan, e din que o 27% das persoas de entre 15 e 29 anos consideran a violencia de xénero como unha conduta normal. Para poder cambiar isto debemos educar en igualdade, e así previr este tipo de comportamentos, para conseguilo podemos utilizar unha serie de directrices como son: a visibilización da muller, materiais escolares inclusivos, educar ao profesorado e alumnado en igualdade, integrar a nenos e nenas en actividades conxuntas, educar a os fillos nun ambiente ausente de desigualdades e corrixir e non obviar todos os comportamentos desiguais cara os demais.

Pero tampouco abonda con isto. As asociacións, as leis, os escritos,… non chega con que vexamos como os demais defenden e argumentan sobre as realidades que suceden no noso día a día; non nos vale escoitar todos os días nos telexornais as estatísticas catastróficas da convivencia humana, debemos demostrar a nosa intolerancia, o noso enfado ante esta situación, debemos mobilizar conciencias e actitudes, debemos, en fin, educar para que non deixemos que estes asasinatos queden impunes. Como sociedade non podemos permitir máis mortes de mulleres, como seres humanos non podemos permanecer impasibles ante estes atentados contra a dignidade humana, pensamos e repetimos en cada curruncho das nosas vidas, que para que o mal triunfe tan só se necesita que as persoas boas non fagan nada. E nos non estamos dispostas a que isto suceda, non queremos crecer e vivir nunha sociedade que asiste día tras día a este goteo insoportable de vidas, queremos gritar a todas as persoas que nos escoiten, que nos lean, BASTA XA con estas mortes inxustas.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

564 usuarios han votado por esta noticia.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies