- Alumnos de 2.º de la ESO A y 2.º de la ESO B
- Marcos Corgo
Conformado por un total de seis parroquias, Meirama, As Encrobas, Cerceda, Rodís, Queixas e Xesteda, o concello de Cerceda esténdese desde as comarcas da Coruña e Bergantiños, hasta a comarca de Ordes. A trinta quilómetros da Coruña e a cincuenta de Santiago de Compostela, Cerceda emerxe como un núcleo industrial poderoso, tanto dentro da provincia da Coruña, como na comunidade galega.
Pero houbo un tempo no que Cerceda era un mosaico agrícola onde o río Barcés ofrecía tanta tranquilidade ao paseante coma riqueza aos múltiples muíños da auga existentes na localidade. Porque en Cerceda presumíase do típico paisaxe galego con aspecto sinónimo de boa saúde. Preguntamos aos nosos maiores que había en Cerceda antes da Central.

Técnicos de seguridade revisan a demolición da central.
O noso «skyline»
A central térmica de Meirama, situada no noso concello de Cerceda (A Coruña), foi durante varias décadas unha importante fonte de emprego e actividade económica para a nosa zona. Foi para todos nós un elemento moi relevante no noso espazo visual, o noso skyline particular, desde que temos uso de razón, aínda que sabemos que houbo un tempo no que ese músculo industrial da nosa comarca non estivo sempre aí. Neste últimos meses, asistimos sorprendidos ó seu desmantelamento. Pouco a pouco mudaba a panorámica coa que medramos e sabemos que iso é consecuencia duns cambios que xa veñen de lonxe. Esa é unha das razóns que nos leva a intentar coñecer un pouco máis da nosa historia recente como pobo, a través do nacemento, desenvolvemento e peche da central térmica de Meirama.
De finais dos setenta ao 2020
A construción da planta comezou a finais da década de 1970 e a posta en marcha oficial da central térmica de Cerceda foi a comezos de 1977, coas expropiacións, pero o proxecto mineiro xa viña tomando forma. Non sen manifestacións de veciños e agrupacións en defensa do espazo natural, a central térmica comezou a operar a finais de 1980 e un concello totalmente rural daba o paso cara a industrialización.
Durante o seu funcionamento, a central térmica de Meirama empregou a centos de traballadores locais e xerou importantes ingresos para o municipio e a comarca en xeral. Non obstante, co paso do tempo, a central térmica foi criticada polo seu impacto ambiental e pola súa contribución á emisión de gases de efecto invernadoiro.
En 2020, a central térmica de Meirama cesou a súa actividade, despois de ter máis de cinco décadas xerando electricidade. A desaparición da planta tivo un impacto económico negativo na zona, xa que provocou a perda de postos de traballo e a redución dos ingresos do municipio. Non obstante, a transición enerxética cara a fontes renovables abriu novas oportunidades de desenvolvemento para a rexión.

Podes escoitar a entrevista co alcalde neste QR
O futuro
Despois do cese da actividade e posterior demolición de parte da central, está proxectada a construción dunha planta de hidróxeno en Meirama, por parte de empresas como Reganosa, Naturgy ou Repsol, que pode paliar a perda tan grande de postos de traballo que vén sufrindo a comarca desde fai uns anos. Polo tanto, desde o noso punto de vista, vemos como Cerceda, o noso concello, mira ao futuro co desenvolvemento da enerxía verde. De cara ao futuro, o alcalde, Juan Manuel Rodríguez García, deixounos claro nunha entrevista na nosa Radio Escolar que o Concello estará sempre disposto a loitar pola prosperidade económica en Cerceda.
A historia contada polos veciños: do «empregaron moitísima xente» ao «marchamos de alí porque nos tiraron a casa»
Clarisa, veciña das Encrobas que pasa dos 80 anos, comenta que Cerceda era «monte, monte con toxo». Recorda con nostalxia como foi ese momento sorprendente no que se decata da futura construción da planta térmica: «Iba para a feira do Mesón do Vento e vin entrar alí camións. Eu e máis [refírese a máis persoas] que non había outra falancia na feira para que irían, para que irían cando despois se soubo que ían facer iso, a central». Enseguida fala con optimismo da implantación da planta industrial que muda a pena cando pensa no seu peche: «Empregaron moitísima xente. Eu nunca pesei que eso fóra para quitar e quitaron todo. Moita xente quedou sen traballo e paréceme que non deberían facelo».
Carmen, duns 60 anos, nada nas Encrobas, ten sentimentos enfrontados cando se lle pregunta pola súa experiencia vital coa central. «Bueno, en principio collina así cun pouco de tristeza, porque foi onde nacín, pero bueno eu se puidera volvería ao mesmo sitio. Deixar o sitio onde naciches é triste, pero a todo te tes que acostumar». Fala en primeira persona das expropiacións que sufriron moitos veciños: «Marchamos de alí porque nos tiraron a casa, nos colleron a casa, tirárona e tivemos que facer a casa noutro sitio».
Suso, habitante de Cerceda, duns aproximadamente 40 anos, fai un repaso ao seu pasado e recorda que «a central empezárona a facer no ano 1976 e antes alí con había nada especial; había aldeíñas como podía haber en calquera outro sitio». Para a súa familia, a construción da central «supuxo que o meu pai empezou a traballar na torre de refrixeración e entonces traía un sueldiño para casa e había ingresos, cousa que antes non sempre sucedía». A partir da construción da térmica, Suso recoñece que «cambiou sustancialmente a calidade de vida na casa». Non recorda a primeira vez que viu a central pois «para min é algo que xa estaba aí desde que eu era pequeniño e coma se estivera sempre». Recorda que «unha vez leváronnos de excursión no colexio. Ensiñáronnola por dentro, leváronnos ao comedor, vimos como funcionaba e foi unha experiencia moi interesante». A pesar de que pasaron varias décadas, Suso non esquece esa visita: «Eso era algo impresionante, para uns nenos que estaban no colexio, levalos a esa cousa tan grande, que é todo súper dimensionado. O certo é que chocounos moito». Iso sí, bromea con respeto que asemellaba: «Entre o ruído que facía e o tamaño daquelo».

Podes escoitar a reportaxe completa neste QR
A vida no concello «por suposto que cambiou pois foi unha fonte de ingresos grandísima. De feito, ti falabas de Cerceda en calquera sitio e estaba considerado como un súper concello, donde o que había alí non o había en lado ningún polos ingresos que cobraban debido aos dereitos de explotación da central». Tamén recoñece que os danos foron varios. Aínda que directamente non, a presenza da central «indirecta perxudicou ao medio ambiente o con eso perxudicounos a todos. De feito, aquí na nosa casa dábanse moi ben as fabas e desde que a central empezou a traballar, cada ano foron indo a menos». Con todo Suso recoñece a súa pena polo derribo: «En certa medida doume pena, doume lástima porque era algo que para min estivo aí desde sempre, era como un signo de identificación do concello. De feito ata no escudo municipal aparece a central térmica». Para terminar, parécelle algo «inxusto tantos anos de construción para uns segundos que levou derribala».