Cristóbal Ramírez

Cando ao redor do ano 820 se descubriu o corpo do apóstolo Santiago onde hoxe está a catedral compostelá, mandouse aviso ao rei para que viñese ver cos seus propios ollos o que se interpretaba como un sinal de Deus. O rei era Afonso II, e residía en Oviedo, acurralado todo o norte de España polos musulmáns, que controlaban o resto da península ibérica. E preparou á súa escolta, montou a cabalo e, en efecto, veu a Santiago. Por iso é considerado o primeiro peregrino. E o itinerario que seguiu coñécese co nome de Camiño Primitivo, precisamente por iso, por ser o máis antigo, o primeiro de todos. Hoxe en día algún historiador di que iso de que partiu de Oviedo está por demostrar, porque non se sabe onde estaba o rei cando lle comunicaron a noticia.
Pero, fose como fose, e como resulta lóxico hoxe en día, esa ruta comeza na capital de Asturias e non segue a costa, senón que se mete polo interior, buscando Galicia, subindo e baixando montañas. Paisaxes fascinantes, territorio duro de percorrer, pero con grande encanto.
En Galicia éntrase unha vez que se subiu o porto do Acebo. Ou sexa, municipio da Fonsagrada. E xusto antes de chegar a esta localidade hai dúas posibilidades: cruzala ou virar á dereita cara a un val onde espera A Pobra de Burón, hoxe unha vila pequena con moitas ruínas, empezando polo seu castelo, e que foi moi importante no pasado. É o percorrido máis auténtico, segundo os investigadores, e dende logo a panorámica deixa pampo o camiñante, con Os Ancares como pano de fondo.
O outro cruza A Fonsagrada e vai por un territorio moito máis chan. Atópase co primeiro nun lugar emblemático, chamado Hospital de Montouto.

E en efecto, alí está o hospital, que é como se coñecían entón os establecementos que acollían a todos os peregrinos sen cobrarlles nada e dándolles pousada e cea. Un lugar máxico, xa que na súa parte traseira hai nada menos que un dolmen neolítico. Noutras verbas, de polo menos hai 5.000 anos.
Pero entre O Acebo e A Fonsagrada existe un lugar que paga a pena citar: a aldea de Fonfría, porque alí houbo outro hospital de peregrinos no medievo, e aínda a mediados do século XX se conservaban parte das súas paredes. Nun constante sobe e baixa, o Camiño Primitivo pasa por Lastra (curiosa capela), ou Cádavo-Baleira e Castroverde. Aquí hai que deterse, porque o seu castelo —aínda que humilde, xa que o único que golpea na vista é a súa granítica torre— pide unha visita.
Por diante espera un terreo chan no cal se estende a cidade de Lugo e a súa muralla (declarada pola Unesco patrimonio de humanidade), coa porta Toledana esperando aos camiñantes. Unha decena de quilómetros máis aló, están Mercurín e as dúas igrexas románicas de Retorta. Aínda que polo xeral os peregrinos de hai centos de anos preferían buscar Palas de Rei, hoxe o itinerario leva a Melide, xa na provincia da Coruña. Unha provincia na que se entra polo municipio de Toques, acometendo a derradeira e pronunciada subida e a súa correspondente baixada. En Melide o Camiño Primitivo únese ao Francés.

E unha curiosidade: cando está a piques de chegar a Melide, o peregrino pasa por unha aldea que se chama nin máis nin menos que Compostela. Máis de un pensou que xa chegara ao seu obxectivo e preguntou, sorprendido e algo desorientado, onde estaba a catedral!

Os milagres do Apóstolo

Ao apóstolo Santiago se lle atribúen moitos milagres. Saberías dicir que é iso?
Pois un milagre é un feito que non pode explicar —polo menos por agora— a ciencia e que moitas persoas cren que é resultado da intervención divina.
E o certo é que o apóstolo Santiago foi o protagonista de moitos deles. Un recentemente editado libro recompílaos e adáptaos. Fírmao o profesor pontevedrés Manuel Antón Mosteiro, que se centra non só na figura dese Santiago, coñecido como o Maior, senón que tamén fai un importante repaso pola do outro, o Menor (un relicario que contén a súa cabeza pode contemplarse na catedral compostelá).
O volume, escrito certamente nun ton moi accesible para estudantes de calquera idade, contextualiza todos eses sucesos que, milagreiros ou non, xa forman parte importante da propia historia xacobea.

Peregrinos asociados por todo o mundo

Desde hai séculos os peregrinos a Santiago agrupáronse en confrarías. Pequenas e grandes, que de todo houbo e hai. Moito máis recentemente empezáronse a crear asociacións de amigos do Camiño, e proliferaron por todo o planeta, dende Canadá ata Sudáfrica, pasando por lugares como Xapón ou Portugal. A primeira naceu en París en 1950, e en España foi a de Estella (Navarra) a orixinal, creada en 1962.
Nelas xúntanse persoas que fixeron ou queren facer o Camiño de Santiago e que, ademais, están dispostas a defendelo dos ataques que sofre. Porque, en efecto, o Camiño sofre ataques en forma de modificacións que nalgúns momentos e lugares poden adulteralo por completo.
As asociacións de amigos máis numerosas son a de Corea do Sur, con 53.000 peregrinos rexistrados na súa web, e a dos Países Baixos, con case 14.000 afiliados. Nos Estados Unidos posúe unha gran forza a American Pilgrims on the Camino, que acumula tamén varios miles de socios.

En total hai unhas 350 destas entidades repartidas polo mundo enteiro. Incluso os xornalistas teñen unha, nacida en Portomarín (Lugo) en 1992 e con vocación internacional, como o demostran os oito congresos que celebraron con profesionais da información de todo o mundo. O seu nome: Apecsa (Asociación de Periodistas do Camiño de Santiago).

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies