S. Cabrero
Os alumnos galegos levan xa un tempo interiorizando a importancia de aplicar cada día a regra dos tres erres: reducir, reutilizar e reciclar. E en colexios como o CEIP Plurilingüe A Gándara, situado en Monforte de Lemos, a concienciación atopa un matiz superior. Este centro forma parte do programa de educación ambiental Recíclate con Sogama, unha iniciativa canalizada a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia e que busca promover a participación e implicación da comunidade educativa na xestión sostible dos residuos urbanos mediante o consumo responsable, a menor produción de refugallos e o fomento da reutilización e a reciclaxe. Para facilitarlles esta tarefa, os centros dispoñen dunha pequena infraestrutura proporcionada por Sogama, a illa de reciclaxe, formada por tres contedores de 120 litros de capacidade cada un: un de cor amarela, para latas, brics e envases de plástico; outro azul, para o papel e o cartón; e un verde para a fracción non reciclable.
Iniciativas como esta pretenden conseguir que o alumnado, ademais de ser parte activa na mellor xestión dos refugallos producidos no ámbito escolar, actúe como axente dinamizador das boas prácticas ambientais. Deste xeito, será posible instaurar na súa contorna familiar e social uns coñecementos mínimos de reciclaxe e contribuír á mellora do medio ambiente e ao coidado de importantes contornas, coma a Ribeira Sacra.
E en toda esta tarefa, pequenos xestos como os acometidos polos alumnos do centro A Gándara poden acabar sendo grandes iniciativas. Nun programa que eles mesmos bautizaron RecicLEMOS, os nenos de sexto de primaria organizáronse en pequenas cuadrillas para concienciar aos seus compañeiros e profesores sobre os erros que estaban a cometer á hora de separar o lixo. «Eles montaron os grupos e traballaron moito no seu tempo libre para mellorar neste sentido. Durante os recreos ían polas aulas e analizaban os refugallos que se tiraban nos distintos contedores (verde, amarelo e azul). Analizaban contedor por contedor, e anotaban todo o que atopaban alí. Despois, con toda esa información elaboraron unas táboas con todos os datos e acudían clase por clase dando información aos seus compañeiros sobre que era o que estaban facendo mal para que cambiasen. Fixeron o mesmo cos mestres e puxeron carteis na sala de profesores para mellorar a reciclaxe», explica María Prieto, directora do centro.
A concienciación destes alumnos e o duro traballo deron os seus froitos. A súa investigación permitiu mellorar a reciclaxe dos seus compañeiros, pero tamén a das familias, que grazas aos coñecementos dos máis cativos foron capaces de aprender todo o necesario para ser bos recicladores. «Con toda a información recollida, decatámonos de que había dous erros moi comúns. O primeiro, que moitos tiraban os panos de papel (o coñecido como tissue) no contedor azul, e ese refugallo ten que ir no verde. Despois tamén había moitos erros coas pallas: moita xente pensa que como son de plástico van no contedor amarelo, pero tamén teñen que ir no verde», explican Alicia, Rodrigo e Inés, tres dos nenos que participaron na iniciativa RecicLEMOS.

Recollida de tapóns
O traballo dos alumnos de sexto de primaria non quedou alí. Tamén replicaron os seus coñecementos no comedor do colexio e aproveitaron para recoller tapóns cos que axudaron a financiar planes de investigación. Alicia, Rodrigo e Inés din que foron os máis pequenos, os nenos de infantil, os que máis sorprenderon: «Tiñan moi ben aprendidas as regras de reciclaxe e incluso ás veces facíano mellor que os maiores». Estes pequenos recicladores son conscientes de que o seu traballo e pequenos xestos poden cambiar o mundo.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies