Xa sabemos que a festa importante do libro, proclamada pola Unesco en 1995, é o 23 de abril, coincidindo coa data da morte de tres grandes escritores: Miguel de Cervantes, Garcilaso de la Vega e William Shakespeare. E, por outra banda, cada mércores do curso escolar o suplemento La Voz de la Escuela chega ás aulas servindo noticias que dan forza e actualidade permanente ao contido de cada unha das áreas de aprendizaxe que figuran nos libros e programas oficiais.
Hoxe a noticia é… o libro! Hoxe queremos tributar unha homenaxe especial ao libro, neste mes de maio tan preto dos exames finais. Paso ao libro pois!… Será a consigna e que La Voz de la Escuela busque soamente noticias que animen a superar os seus exames de temas de cada materia e conseguir así un verán máis fresco ou quente, ao gusto de cada cal.
O Jikji
Sabes cal foi o primeiro libro impreso? O primeiro libro impreso no mundo foi o Jikji, un documento budista coreano impreso polo templo de Heungdeoksa, en Cheongju en 1377. Ou o que é o mesmo, este libro foi impreso unhas oito décadas antes que o primeiro incunable que saíu da imprenta de Johannes Gutenberg —pescuda que quere dicir incunable—.
O libro impreso con tipos metálicos móbiles máis antigo do mundo, o Jikji, foi publicado polo menos 78 anos antes que a Biblia de 42 liñas de Gutenberg e 145 anos antes que o Rocío exuberante dos anais de primavera e outono de China, o que demostra suficiente valor como para que sexa considerado patrimonio da humanidade. O 4 de setembro do 2001 o Jikji foi inscrito no rexistro MoW en recoñecemento do seu valor.
O Jikji consta de dous volumes. O primeiro inclúe a primeira parte das analectas —fragmentos literarios escollidos— sobre a consecución do espertar con sete Budas do pasado, 28 patriarcas da India, seis mestres zen e as cinco familias e as sete seitas de China. E o segundo volume inclúe directrices para a meditación sentada, a segunda parte das analectas, sobre a consecución do espertar coas cinco familias e as sete seitas de China, pláticas de dharma —é dicir, de pautas de comportamento relixioso—, cantos de encomio, tratados, colección de epístolas, comentarios sobre escrituras, etcétera. Foi doado en 1952 á Biblioteca Nacional de Francia e recoñecido oficialmente pola Unesco como «o primeiro libro impreso con tipos metálicos mais antigo que existe no mundo».
Homenaxe
Hoxe, xa que logo, rendemos homenaxe a este libro tan especial e proclamámolo Noticia do día, ocupando enteiramente o noso recuncho desta Guía do profesor.
ACTIVIDADES
A1 | O día que en La Voz non se fale dalgún libro, á parte do suplemento Fugas, no que hai varias páxinas dedicadas ás novidades editoriais, podes pensar que é un día ben raro. Busca, normalmente nas páxinas de Cultura, de que libros se fala estes días, próximos á festa das Letras Galegas.
A2 | Para saber máis sobre o libro máis antigo do mundo, o Jikji, podes visitar este enderezo.