S. CABRERO

Seguro que moitas veces escoitaches aos teus pais ou aos maiores falar da hipoteca. E nestes últimos meses de seguro que máis dunha vez comentaron algo deste tema na televisión ou nos xornais. Pero, sabes que é?

Para poder mercar unha casa ou un piso é preciso ter unha enorme cantidade de cartos gardados, unha cantidade que a maioría da xente non ten. Para iso existen as hipotecas. Trátase dun préstamo (que che deixan diñeiro, vamos) que una entidade (un banco) fai a unha persoa ou familia. O banco, que conta con cartos para prestar, cede esa morea a unha determinada persoa para que poda mercar unha casa.

Iso si, cunhas determinadas condicións. O banco e a persoa que vai a recibir os euros firman un acordo ou contrato no que deixan ben claro as condicións que terá ese préstamo. E aquí entran en xogo tres palabras: o capital, os xuros e o prazo.

O primeiro termo, o capital, fai referencia á cantidade de cartos que recibiremos. Imaxinemos que queremos mercar unha casa de 200.000 euros e temos aforrados 50.000, entón o banco prestaranos 150.000; ese é o capital.

Vexamos que é iso do prazo. Cando firmamos a hipoteca, debemos decidir con quen nos cede os cartos en canto tempo (que son anos, non penses) temos que devolverllo.

Poden ser, por exemplo, durante 20 anos. Neses dous decenios, cada mes iremos pagando ao banco unha determinada cantidade que servirá para saldar pouco a pouco a nosa débeda. Pode parece unha loucura ter un préstamo a vinte anos, pero pensa que se vives nunha casa que non é túa tamén tés que pagar, un aluguer nese caso.

Cando o banco cede os seus cartos está gañando diñeiro tamén con eles. Velaquí temos os xuros, que non son máis que o prezo que cobran estas entidades polo diñeiro prestado e o tempo en que se tarde en devolvelo. Porque ti lle podes deixar cinco euros a un amigo e che devolve os cinco euros, pero se foras un banco devolveríate seica 5 euros e 30 céntimos.

Os xuros quedan fixados con unha porcentaxe, por exemplo un 2 % de todos os cartos que nos ceden. Polo tanto, cando teñamos que devolver a hipoteca, ademais dos 150.000 dos que falábamos antes teremos que pagar tamén un extra que corresponderá ao prezo que nos cobra o banco por prestarnos. Se pedimos un crédito hipotecario de 150.000 euros, 20 nos e con un 2 % de xuro, acabaremos devolvendo ao banco 182.118 euros: 150.000 corresponden a devolución do capital principal que nos prestaron e os 32.118 restantes aos xuros.

Outra pregunta que seguro te estás a facer é cal é a diferenza entre a hipoteca e un préstamo normal. Os xuros das hipotecas acostuman a ser máis baixos que os préstamos persoais, porque no caso das primeiras a vivenda que mercamos serve como garantía; é dicir que se non pagamos cada mes a hipoteca e cumprimos coa nosa obriga, o banco quedará coa nosa casa.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies