S. CABRERO

Como xa sabes, nas tendas ou nos supermercados que temos ao noso arredor podemos pagar con outros obxectos que non sexan as típicas moedas ou os coñecidos billetes. Fai un tempo, falábamos das tarxetas de débito, un pequeno pedaciño de plástico co que podíamos mercar calquera cousa e que, no momento de realizar o pago, se cargaba o custe dese obxecto directamente e de xeito inmediato na nosa conta do banco.

Pero as de débito non son tampouco as únicas tarxetas que existen no mercado. Hai algunhas outras con características diferentes a estas. Hoxe imos centrarnos e a indagar un pouco máis sobre as de crédito, moi utilizadas no día a día.

Prema aquí para ver o vídeo de como funcionan as tarxetas de crédito

A diferenza das tarxetas de débito, con este pequeno anaquiño de de plástico podes pagar incluso cando non tes fondos —ou cartos— na túa conta corrente do banco. Estas tarxetas permítennos aprazar o pago daquilo que mercamos ate o mes seguinte. Pero, hai que ter coidado con isto, porque con estas compras, o usuario da tarxeta está a contraer unha especie de débeda co banco. Unha débeda que terá que saldar nalgún momento. Poderá facelo de varios xeitos. Unha posibilidade é facelo a final de mes. O banco, que é o que nos presta os cartos por adiantado, cargará na nosa conta bancaria o diñeiro que lle debemos da compra que fixemos coa tarxeta de crédito.

Pagar a final de mes

Cando falábamos da de débito, poñiamos como exemplo unha bicicleta. Imos rescatar esta compra para entender un pouco mellor como funciona a de crédito. Imaxinemos que queremos mercar unha preciosa bicicleta que ten un prezo de 200 euros. Pero temos un problema, porque na nosa conta corrente do banco tan só temos aforrados 100 euros. Se sacamos a calculadora podemos ver de xeito moi sinxelo que os nosos aforros non chegan para poder mercar a bicicleta.

Iso si, sabemos que a finais deste mes imos ter outros 300 euros ben gardados na nosa conta do banco que nos van a ingresar por un traballo que temos feito ou ben por un regalo que nos farán os nosos avós ou os nosos pais. Grazas á tarxeta de crédito podemos dicirlle á tenda na que imos mercar que nos pase o cobro da bici a finais de mes, cando sabemos que xa teremos gardados os cartos suficientes para poder pagala.

Pero o de pagar a finais de mes non é a única posibilidade que nos ofrecen as tarxetas de crédito, porque con estes cartos «de plástico» tamén podemos realizar o pago da bicicleta en varios prazos. ¿Como? Pois pagaremos un determinado día de cada mes unha cuota fixa do que gastamos na nosa compra. Este mes pagaremos 22 euros, o mes que ven outros 22 e así sucesivamente ate que teñamos cumprida a nosa débeda. Pero unha vez máis, debemos ter moito ollo con este tipo de fórmulas de pago. Porque esta opción pode supoñer para nós un gasto extra do que custaba a bicicleta. É o gasto dos xuros.

Para entendelo mellor: os banco vainos permitir aprazar o pago da bicicleta en pequenas cuotas durante un determinado tempo. Iso si, será a cambio de que nós lle abonemos uns cartos extra cada mes como interese por ternos prestado o diñeiro.

A bicicleta custará máis

Volvamos á bicicleta para entender un pouco mellor do que estamos a falar. Porque de eses 22 euros que pagamos cada mes, 20 corresponden ao que nos custou a bicicleta e 2 euros aos xuros do banco, ao que nos custa que eles nos presten os cartos. Para pagar a bicicleta, teremos que pagar 22 euros durante un total de dez meses. Cando remate este tempo, teremos gastado os 200 euros que corresponden á bicicleta e outros 20 que teremos pagado ao banco. Estes últimos corresponden aos gastos que nos esixen por ternos prestado o diñeiro. De esta forma, a bicicleta xa non nos custou 200 euros, se non 220.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies