C. MARTÍNEZ

Cales foron os primeiros homínidos galegos? Como eran os seus asentamentos? «Un dos máis singulares é o xacemento de Portomaior, en As Neves (Pontevedra). Está situado xunto ao río Miño e indica a presenza humana na actual Galicia na segunda metade do Pleistoceno Medio, no Paleolítico (hai uns 300.000 anos)», indica Manuel Regueiro, presidente do Colexio Oficial de Xeólogos. Xa daquela os nosos antepasados explotaban recursos mineiros, extraendo lascas de rocha co fin de producir un fío cortante. Unha vez conseguidas, uníanas a paus de madeira para crear lanzas, frechas e machadas.

Así como a tecnoloxía de fabricación avanzaba, a esixencia de materias primas de mellor calidade tamén aumentaba. Por iso levaron a cabo prospeccións básicas para encontrar minerais de mellor calidade. O máis duro e fácil de romper en lascas era o sílex e, debido á súa demanda, pronto se esgotaron as reservas superficiais e foron necesarios pozos para a súa extracción.

«O Neolítico coincide co megalitismo, que foi a construción en granito e lousa de grandes monumentos funerarios, e cos petróglifos, distribuídos por toda Galicia. Para a súa execución necesitáronse materiais de tala similares aos empregados na caza en tempos anteriores», sinala o experto. E engade: «Entre o 4.400 e o 3.800 a. C. considérase que chegan a Galicia, probablemente dende Portugal, os primeiros metais, e aparecen obxectos cerámicos que indican a existencia de metalurxia como os atopados nas Pontes de García Rodríguez», explica Regueiro.

Desta forma, pásase das pedras para fabricar ferramentas aos metais. Concretamente, os primeiros extraídos en Galicia dos que se ten coñecemento son o cobre e o estaño. «Os metais máis sinxelos de explotar, como o ouro e o cobre, foron primeiro obxecto de extracción, para despois aproveitar as concentracións de metais resultado de procesos de alteración superficial, como sulfuros, óxidos e carbonatos de cobre». Foi así como xurdiron as primeiras aliaxes, sobre todo de maneira espontánea. «Comezou a metalurxia do cobre e a fabricación de bronce ao mesturalo con estaño. E para iso foi necesario fabricar crisois e moldes a partir de arxilas e areas refractarias», amplía o xeólogo.

A chegada dos romanos

Non foi ata a chegada do Imperio romano cando apareceu unha tecnoloxía extractiva máis evolucionada. Dotaron á minería de novos procedementos como a técnica ruina montium, coa que se conseguía a fractura de montañas mediante técnicas hidráulicas. Algúns exemplos encóntranse en Montefurado (Quiroga, Ourense) e nas Médoas (Bierzo, León). Se durante o Neolítico se alcanzaran profundidades de ata quince metros, os romanos conseguiron chegar ata os cen, e esta especialización marca o nacemento da enxeñería de minas. Porén, o sector mineiro galego nesta época non albergou explotacións suficientemente relevantes que se puideran conservar ata a actualidade.

Información elaborada en colaboración coa Cámara Mineira de Galicia.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies