MARÍA BALLESTEROS
Os humanos sentimos que a terra é o noso espazo, como o mar é o dos peixes e o ar o dos paxaros —tanto que algúns dormen directamente nel, como os cirros, que conmemoramos esta semana—. É verdade, pero a medias. Aínda que o noso sexa ter os pés sobre a terra, é tamén certo que somos pequenos mares con pernas porque, como xa sabedes, a maior parte do noso corpo —ese que dicimos que está feito de carne e óso— é auga.
Ao noso planeta pásalle igual que a nós, ou parecido. Chámase Terra, si, pero está cuberto na súa maior parte da auga dos océanos —por algo é coñecido tamén como o planeta azul—, pero ademais ten neses mares os seus auténticos pulmóns. As árbores purifican o noso ar, ben o sabemos, pero a maior parte do osíxeno que respiramos xérase no océano, que absorbe tamén grandes cantidades de dióxido de carbono, que é o que nós expulsamos na respiración. O mar é, polo tanto, unha bomba purificadora xigante e a nosa existencia —e a do resto dos seres vivos— depende dela. Xa o advertía no seu día o explorador oceánico máis famoso do século XX, Jacques Cousteau: «Temos que salvar os océanos se queremos salvar á humanidade».
Sabendo todo isto é difícil entender e aceptar que nese órgano vital que son os océanos e que nos fornece ar limpo —ademais dun riquísimo alimento e traballo a moitas persoas que viven da pesca— existen polo menos cinco grandes illas de plástico, enormes extensións de lixo que se foron formando desde mediados do século pasado pola acumulación dos residuos que van ao mar e pola acción das correntes oceánicas. E cando falamos de illas grandes non falamos das Cíes nin das Canarias —imaxinádesvos abrir a ventá e ver na paisaxe do horizonte, aboiando no mar, unha enorme morea de plástico?—. Falamos de illas moi moi grandes. Din que a de maior tamaño ocupa a superficie de España, Francia e Alemaña xuntas. E difícil até de imaxinar.
Nun planeta con este enorme problema a única guerra que está, sen dúbida, xustificada hoxe é a que libramos para protexer o noso hábitat, na que unha das principais batallas é a que lles temos declarada xustamente aos plásticos. O Día Mundial do Medio Ambiente, que conmemoramos esta semana xunto co dos océanos, dedícase este ano precisamente a esa praga que nós mesmos producimos e da que nos resulta moi difícil prescindir.
Fálase tanto deles —da necesidade de reducir o seu uso, de reutilizalos e de reciclalos— que ás veces corremos o risco de escoitar todas estas mensaxes como quen oe chover, pero da loita diaria contra eles dependen a nosa saúde e a nosa vida. Quizais o que fai falta é facernos unhas cantas preguntas e elaborar un plan de acción. Empezastes xa, cada un de vós, cun plan para reducir a presenza do plástico no voso día a día? Sabedes canto tempo tarda unha bolsa de plástico en degradarse? Imaxinádesvos cantos animais morren ao ano no mar polo efectos destes residuos?
UNHA PROPOSTA
- Mira ao teu redor e analiza que obxectos ou produtos de plástico poderían substituírse por outros máis sostibles. Por exemplo, botellas, bolígrafos desbotables, froita embolsada…
- Fai unha lista de tres ou catro cambios que poderías facer ti no teu día a día.
- Vai incorporando cada un deses cambios á túa rutina diaria de forma progresiva. Un á semana, por exemplo.