ALMA 

No ano 2011, a empresa Faia Educación Ambiental nace coa ilusión de promover o coñecemento da realidade ambiental a través de obradoiros, visitas guiadas, campañas, cursos, xornadas, eventos e actividades ligadas ao medio. Hai moitas cousas que nos preocupan e que nos gustaría poder mellorar, unha delas é o medio ambiente. Pensei que Marcelo Rodríguez sería unha boa referencia porque está acostumado a traballar con nenos e podes darnos algunhas ideas para que nos poidamos poñer en marcha.

—A nosa primeira preocupación é o consumo. Cada vez consumimos máis e iso fai que se destrúa o medio ambiente. Cales dirías ti que son as cousas que podemos facer nos para ser uns consumidores responsables?

—Podemos chegar a ser consumidores/as responsables ou consumidores conscientes dende moitos puntos de vista. A min gústame a idea de reducir o consumo. Reducir significa consumir o necesario sen andar deficientes en… Por exemplo, no nadal evitar embalaxes. Se vas mercar polvoróns ou nevadiños, que sempre están presentes nas mesas de nadal, no supermercado están en caixas de cartón, que veñen no seu embalaxe de plástico, xa levamos dous residuos, pero, ademais, cada un deses polvoróns veñen envoltos tamén en plásticos, terceiro residuo. E cada un deses polvoróns está nun soporte, en xeral, de plástico, son 4 residuos diferentes. Como podemos reducir? Como temos varias marcas e o contido nutricional é similar, debemos optar pola que teña menos residuos. Ultimamente xa se venden por unidades, simplemente teñen un papel. O granel é unha das mellores opcións que hai.

Iso por unha banda, por outra comer ben, comprar e consumir produtos bos. Pode parecer e é certo que pagamos un pouco máis por eles pero cando comemos ben non necesitamos tanta comida. Un quilo de tomates de calidade nos da para máis días que os económicos. Así que co económico moitas veces acabamos perdendo diñeiro.
Estas serían 2 formas de atacar o consumo responsable. Hai moitas máis pero o importante é que nos quedemos con esta idea.

—En relación con isto, é posible producir de xeito responsable? Como hai que facelo?

—Eliminar todo tivo de herbicidas, pradicidas… que poidan poñer en perigo a saúde das persoas e, sobre todo, porque eses produtos van quedar na terra, non desaparecen. E da terra pasan as augas subterráneas. Ademais, se sabe que hai formas naturais de espantar as pragas como as xoaniñas que eliminan ao pulgón.
E se se pode ter unha horta para o propio consumo xa é o ideal porque se evita o consumo exterior.

—Seguindo co consumo, cada vez explotamos máis os recursos naturais. Parece seguro que algunhas materias se esgotaran antes ca outras. Que debemos facer?

—Primeiro, se reducimos a nosa forma de consumir eu creo que podemos permitir que os recursos naturais persistan no tempo e deberíamos ter unha previsión disto. As terras para consumo son suficientes pero hai que cultivar de forma responsable. E o esgotamento ten que ver coa nosa capacidade predadora e esa capacidade pode cambiar facendo un consumo responsable.

—Falando de materias primas. Ucraína leva case un ano en guerra cousa que é terrible. Nesta guerra hai moitas cousas que non alcanzamos a entender. Unha delas é que case todo o gran estaba en Ucraína e ao estar en guerra o resto dos países quedamos sen gran ou temos que pagalo moi caro. Como é iso posible? Por que non se cultiva gran noutras partes?

—Esta pregunta é sumamente importante e daría para moitos debates porque ten que ver coa planificación económica do estado. Cada territorio do planeta dependendo da súa climatoloxía, do tipo de solo… ten unhas posibilidades de que hai se cultiven determinadas especies e que teñan determinados ecosistemas.
Os cereais se poden cultivar e consumir en calquera parte. Hai lugares que teñen máis tradición pero iso da igual porque cada lugar ten as súas fórmulas para abastecerse. Que acontece entón? Que as planificacións económicas o que establecen é que uns estados cultiven un determinado tipo de sementes e outros outras, de forma que se crea unha dependencia moi grande duns estados con outros. Non é un sistema xusto e isto ten que ver coa globalización económica.

—Que alternativas temos para cambiar esta situación? Inda estamos a tempo?

—Tería que cambiar toda a planificación económica. Debería desaparecer o concepto de globalización e volver os valores culturais, sociais e que as persoas poidan participar coas administracións na economía dos territorios, o que condicionaría as políticas económicas dos territorios pequenos e, de ai ir subindo escadas ata a política estatal.
Estar a tempo? Estamos a tempo aínda que a liña que levamos, sen sacarlle a ilusión a ninguén, non é a liña correcta. Pero, hai que seguir insistindo ata que isto cambie.

—Outro tema que nos preocupa é a seca. Afortunadamente este outono está a chover bastante pero noutras partes están facendo cortes de auga. Sempre se nos di que debemos facer un consumo responsable, e tentamos facelo pero, chega con iso? O problema da seca arránxase cerrando a billa ou é máis complicado?

—É moito máis complicado. O aforro é un traspaso do problema climático a sociedade. A seca é unha das consecuencias do cambio no clima que estamos vivindo. Non se pode pasar a responsabilidade unicamente a sociedade. Claro que todas as persoas podemos facer algo pero, as administracións teñen capacidade para educar e non poden comportarse so como corpos técnicos exclusivamente dando unhas meras pautas e trasladando responsabilidades as persoas.

—Estará claro que todo do que estamos a falar ten que ver co cambio climático. Hai pequenas accións que facemos dende os coles e dende os concellos pero parece que os políticos non acaban de tomar o problema en serio. Vendo o que está a pasar ti cres que atoparemos unha solución ou es pesimista?

—Non son pesimista nin optimista, creo que son realista. O camiño que levamos non é o correcto. Fai pouco foi o cumio polo clima e, que aconteceu? que os acordos non son determinantes, os argumentos son os mesmos que hai 10 anos pero son se toman accións en serio. As persoas que xestionan as administracións son os que non se están tomando en serio todo isto. Detrás de todo está a economía. Cando a economía non ten en conta nin as persoas nin o medio pasan estas cousas. Parece que estamos esperando a que pase un cataclismo para cambiar. Inda así non me agonío. Eu sigo facendo a miña vida, falando con outras persoas, aprendendo constantemente e facendo o que considero mellor para o medio. E creo que é o que debemos facer todos.

—Para rematar, que consellos nos darías a nos como axentes do cambio para trasladar aos nosos concellos?

—Os concellos son moi importantes porque son a Administración máis achegada ás persoas. Os concellos poden cambiar os hábitos das persoas porque teñen un papel moi importante na educación, así que poden facer xornadas, cursos con persoas expertas nestes temas… para que os cidadáns poidan ver que o mundo pode ser cambiado e, dende aí, dende os concellos chegar ata as institucións estatais. Dende abaixo se constrúe. Os concellos son fundamentais para o cambio de conciencia das persoas.

—————————————————————–

Chámome Alma. Teño 11 once anos e vivo na vila de Redondela, que é unha cidade amiga da Infancia. Dende o ano pasado formo parte do grupo Axentes do Cambio, que é unha iniciativa de UNICEF para que os nenos/as e a mocidade poidamos participar de forma activa no noso concello.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies