Bibiana García Visos

Hai unhas semanas o Telescopio Espacial James Webb mostrounos como nunca os viramos a Saturno e os seus aneis, unha das estructuras máis impresionantes do sistema solar. Aínda que son os máis coñecidos e rechamantes, non son os únicos, xa que o noso vecindario planetario agocha en total cinco sistemas de aneis. O primeiro en ver os de Saturno foi Galileo Galilei a comezos do século XVII, pero non soubo que eran aquelas «asas» que vía por un telescopio fabricado por el mesmo. Tivemos que esperar case catrocentos anos para que as sondas espaciais xemelgas Voyager 1 e 2 nos descubriran que os aros que rodean ao sexto planeta do sistema solar estaban formados en máis dun 90 % por pequenas partículas de xeo. A teoría máis aceptada para explicar a formación destas estruturas indica que, durante o nacemento do sistema solar hai 4600 millóns de anos, un satélite afundiuse en Saturno e o que quedou daquela xigantesca colisión foi o seu sistema de aneis.

Tres séculos e medio despois das observacións de Galileo, en 1977, fomos quen de atopar outros aneis planetarios no sistema solar, nesta ocasión en Urano: trece aros moi escuros que parecen estar formados por partículas de xeo e po. O máis probable é que se formara a partir dos fragmentos despedidos en múltiples colisións de satélites contra Urano. Co tempo, aqueles restos golpeáronse entre si dando lugar a numerosas partículas que na actualidade conforman estreitos aros.

Xúpiter, o planeta máis grande do sistema solar, tamén conta con aneis. A sonda Voyager 1 enviou as súas primeiras imaxes en 1979. Non é fácil observalos desde a Terra porque require dispoñer de telescopios moi potentes. As sondas Voyager 2, Galileo, Cassini e New Horizons captaron imaxes dos aneis xovianos desde a década do 1980: son débiles e están compostos sobre todo de po, ao contrario que os de Saturno.

O último dos planetas do sistema solar, Neptuno, ten uns aneis moi escuros, ténues e débiles, que descubrimos en 1989 grazas á sonda Voyager 2. Son máis parecidos aos aneis de Xúpiter que aos de Saturno ou Urano, e están formados principalmente por po chegado do satélite pastor Galatea. Neptuno constan de cinco aros que reciben os nomes dos astrónomos máis relevantes que investigaron o planeta máis azul do sistema solar: Galle, Le Verrier, Lassell, Arago e Adams. O anel Adams inclúe á súa vez cinco zonas brillantes denominadas Fraternidade, Igualdade 1, Igualdade 2, Liberdade e Coraxe, como o lema da Revolución Francesa, xa que se descubriron no seu bicentenario.

Non só os catro planetas gaseosos do sistema solar teñen aneis, o planetoide Chariklo, entre Saturno e Urano, presenta un anel dobre. Ata 2013 non descubrimos, por sorpresa, que este obxecto posuía dous densos e estreitos aneis, que aínda non sabemos como se formaron. Chariklo é o obxecto celeste máis pequeno que conta con estas estruturas, no seu caso dous densos e estreitos aros de tan só tres e sete quilómetros de ancho, que están separados por un espazo despexado de nove quilómetros.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies