Bibiana García Visos

Medir o tempo preocupou ás civilizacións desde fai miles de anos. Os exipcios ou os sumerios desenvolveron os primeiros calendarios dos que temos rexistro, baseándose nos movementos —diarios e anuais— dos astros que observaban no ceo. Hoxe sabemos que un día correspóndese co tempo que tarda a Terra en dar unha volta sobre si mesma; e un ano, co tempo que lle leva dar unha volta ao redor do Sol. Na actualidade orientámonos no tempo grazas ao calendario gregoriano, que recibe este nome porque o instaurou o Papa Gregorio XIII no 1582, e que adoita estar dividido en 365 días agrupados en doce meses.

Con todo, un ano no calendario gregoriano é algo máis curto que o tempo real que tarda a Terra en dar unha volta ao redor do Sol (un ano solar): 365 días, 5 horas, 48 minutos e 45 segundos. Para contrarrestar esa diferenza anual de case seis horas, xeráronse os anos bisestos, que contan cun día máis, o 29 de febreiro, cada catro anos, xa que o atraso acumulado nese tempo compénsase máis ou menos engadindo un día. Todos os anos bisestos son divisibles por catro, como este 2024, e a súa xornada extra sérvenos para volver sincronizar o noso calendario co movemento da Terra ao redor do Sol. Sen ese día, dentro de 600 anos, por exemplo, veriamos o solsticio de verán, que indica o comezo desa estación nas nosas latitudes, adiantado a xaneiro.

Pero o sistema de anos bisestos non é perfecto, gañamos algúns minutos cada catro anos. Para corrixir ese desfasamento saltámonos os anos bisestos que coinciden con anos centenarios (1800, 1900, 2000, 2100…), sempre que non sexan divisibles por 400. É dicir, que para axustar ao máximo posible o calendario gregoriano ao calendario solar, os anos múltiplos de catro son bisestos menos os centenarios, coa excepción dos divisibles por 400. Por exemplo, o ano centenario de 1900 é divisible por catro pero non por 400, de modo que non foi bisesto, pero o 2000, centenario tamén, ao ser divisible por 4 e por 400 si foi bisesto. Que pasará co 2100?

A idea de intercalar anos bisestos remóntase ao 45 a. C., cando o emperador Xulio César instaurou o calendario xuliano, precursor do gregoriano. Ese calendario xa constaba de 365 días divididos en doce meses, e con anos bisestos que ocorrían cada catro anos. O calendario xuliano funcionou ben durante moito tempo, pero a mediados do século XVI, os astrónomos advertiron que as estacións se retrasaban ata dez días, respecto ao seu comezo segundo o calendario xuliano. O gregoriano remediou esas inexactitudes cos demais axustes.

España estivo entre os primeiros países en adaptarse ao novo calendario gregoriano. Ao principio só utilizábano os países católicos; máis tarde foron uníndose outros, por exemplo Reino Unido, que comezou a usalo en 1752, ou Arabia Saudita, que tardou en facelo ata o 2016. Aínda que a día de hoxe o calendario gregoriano é o modelo oficial en case todos os países, hai catro que non o usan: Afganistán, Etiopía, Irán e Nepal seguen a utilizar os seus propios sistemas para medir o tempo, que tamén contemplan anos bisestos. Así, o calendario iraniano transcorre polo 1444 ou o nepalí polo 2079. Podería parecer que o futuro e o pasado son cuestións de calendarios.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies