L. Cancela
Este luns, a plataforma de cine e televisión Amazon Prime emitiu a final do concurso Operación Triunfo. Esta edición foi un fenómeno de masas, cun amplo seguimento en redes sociais. Os concursantes conectaron co público e os clubs de fans non tardaron en chegar. Cal era o teu favorito?

Que é «Operación Triunfo»?
Tamén coñecido polas súas siglas, OT, é un programa de televisión, do xénero concurso de talentos (talent show), no que un grupo de 16 mozos entran nunha unha academia musical, durante tres meses a tempo completo, para aprender a cantar e mellorar nese eido. O seu progreso mídese nunha gala semanal, na que os cantantes teñen que presentar unha canción que ensaiaron durante sete días.

«Talent Show» musical?
Este termo inglés refírese a un tipo de programa no que os seus concursantes mostran os seus dotes musicais ante un xurado para obter un premio final.

Como conseguen participar?
O programa realiza unha serie de castings en varias cidades de España. Teñen varias fases eliminatorias nas que vai quedando menos xente. Pódese presentar quen queira e debe levar preparados unha serie de temas para cantar a capella (só coa voz, sen música). Para esta edición presentáronse máis de 13.000 persoas.

Quen gañou esta edición?
Naiara, unha concursante de Zaragoza.

Esta é a primeira edición?
Para nada. Pode ser que ata os teus pais ou irmáns maiores sexan fans dos primeiros concursantes. O programa chegou a España no 2001, e emitiuse, ata o 2004, en La 1, de Televisión Española. Despois, de 2005 a 2011 pasou a Telecinco, pero debido aos baixos datos de audiencia cancelouse, e non se volveu a emitir ata o 2017, que de novo pertenceu a La 1. Esta edición cultivou éxitos, e saíron cantantes tan coñecidas como Aitana, Amaia ou Lola Índigo. Aínda que houbo dúas edicións máis, as do 2018 e o 2020, non acadaron o mesmo éxito e non continuou.

E esta nova edición?
No 2022, Televisión Española dixo que non quería ter outra vez este formato, así que Prime Vídeo decidiu compralo. Empezou a emitirse, en directo, en novembro do 2023. Isto foi algo sen igual no noso país, porque ata ese momento este tipo de plataformas (como Netflix ou HBO) só tiñan películas, documentais ou series para escoller dun catálogo.

Está sendo un éxito?
Os críticos aplauden como se levou a cabo esta edición, porque Amazon Prime conseguiu manter a esencia dun programa con moita historia. Con todo, o seu éxito só pode medirse en redes —onde acumulan millóns de visualizacións—, porque, ao contrario do que fan as cadeas de televisión, a plataforma non desvela os seus datos de audiencia.

Hai condicións para entrar?
Están nunha academia. A ollos da lei, isto considérase un traballo, así que deben asinar un contrato laboral antes de entrar. Isto significa que tamén teñen un salario.

 

Millóns de visualizacións grazas a TikTok, o éxito do viral

Os datos amosan que esta nova edición de OT foi todo un fenómeno de masas. Vexamos as cifras que poden corroboralo. En YouTube suman máis de 1,3 millóns de usuarios, a retransmisión en directo do día a día da academia chegou a alcanzar o pico de 170.000 espectadores; e en TikTok a etiqueta #ot2023 superou os 3.000 millóns de visualizacións e foi a fonte principal de entretemento na plataforma.
Nas firmas de discos reuniron 10.200 fans, números que só corresponden a Barcelona, Zaragoza e Madrid (as primeiras), aínda que despois viñeron outras. Atopar un porqué a un fenómeno de tal magnitude é complicado, pero moitos pensan que parte do éxito reside na potente difusión desta edición e na súa presenza en plataformas como TikTok.

Os concursantes do programa, fiel reflexo da sociedade na que viven

Os concursantes de OT tamén son reflexo da sociedade do seu tempo. Se miramos ao pasado coa perspectiva do presente, veremos como na primeira edición non se falaba dunha realidade LGTBI nin de feminismo. Tamén se xulgaba con máis liberdade o físico dos concursantes e as críticas eran expresadas con dureza.
Pouco a pouco as cousas mudaron. Os participantes recibiron a visita de activistas LGTBI para falar sobre a diversidade sexual; asistiron a charlas sobre saúde sexual, aceptación corporal en todas as tallas e traballo de autoestima; e sobre o acoso e ata sobre o trastorno por déficit de atención e hiperactividade, que precisamente Chiara, unha das concursantes, ten. Vos gustaría ter máis charlas deste tipo na vosa escola?, pensades que seguen sendo necesarias?

ACTIVIDADE BÁSICA

No futuro

Que queres ser de maior? Seguro que moitos concursantes de «OT» tiñan claro que querían ser artistas. Pensa de que queres traballar e que terás que facer para conseguilo. Investiga sobre os estudos.
——————-
As actividades están deseñadas por L. Cancela

A xuventude nos concursos: crecer ante a mirada allea

A xestión emocional en calquera concurso ou competición é fundamental. Hai que saber perder e saber gañar, aínda que ás veces sexa complicado, sobre todo, se falamos dun menor. En España, quen teñen menos de 18 anos poden participar nalgúns concursos de talentos, pero suxeitos a certas normas: sempre teñen que estar acompañados do seu titor legal ou un representante deste; o programa debe evitar expoñer os concursantes a situacións que lles provoquen estrés, medo ou esgotamento; e non poden participar máis aló das dez da noite (por iso as emisións están gravadas, non se fan en directo).
Sempre se intenta que a protección deste grupo de participantes sexa a máxima, pero unha vez que saen á palestra pública, hai cousas que se escapan dos marcos legais. Isto significa que ningún neno está exento de críticas en redes sociais ou de sentir a presión por querer ser o primeiro. Por isto, non son poucos os que critican a participación dos pequenos neste tipo de concursos.
Nun concurso de talentos infantil hai moitas dinámicas de xogo e diversión, pero tamén pode haber críticas. O xurado ten que emitir a súa opinión, e aínda que o fai con tacto e suavidade (son conscientes de que están a xulgar un neno), a autoestima do menor aínda está en construción e pode verse afectada. Poñamos un exemplo: se un neno é expulsado e se pon a chorar, estará exposto nun momento de vulnerabilidade a todo o país. É isto xusto ou non?
Con todo, non só se esixe aos menores en concursos de talentos, senón que tamén podemos falar dos deportes con situacións moi desagradables. En máis dunha ocasión vimos un vídeo no que, en plena competición, un ou máis pais insultaban aos adversarios, ao adestrador ou ao árbitro, o que incrementa a angustia dos menores. Imos máis aló. Tanto en disputas deportivas como nas artísticas sempre se insiste en que o importante é participar. Con todo, séguese premiando ao que gaña. Isto é unha mensaxe contraditoria ou unha forma de motivación? Pode un neno ser capaz de entendelo?

Telerrealidade: por que interesan as vidas en directo?

Máis aló de ver como un grupo de cantantes mellora semana a semana, parte do éxito de Operación Triunfo reside na retransmisión en directo do que está a suceder, cada día, na academia. A audiencia pode ver como viven cada charla, ensaio, clase ou repartición de temas, de maneira que non só observa como cantan, senón tamén como son na intimidade. E isto ten moito poder, especialmente para un público novo. Varios estudos investigaron como consome un programa de telerrealidade a audiencia xuvenil e concluíron que, lonxe dunha recepción pasiva, a relación dos mozos con este tipo de produtos audiovisuais é moi complexa. En primeiro lugar, porque entenden que os concursantes non son personaxes ficticios, senón que son persoas reais que ben poderían ser as súas amizades. E en segundo lugar, porque atopan puntos de unión entre o seu mundo e o do participante. Isto leva, á súa vez, a que estes se convertan en líderes de opinión, nun modelo referente.
Operación Triunfo tamén amosa que todo o alleo á música cada vez importa máis. Algúns concursantes desta edición foron duramente criticados e expulsados pola audiencia, ao pensar que exercían bullying contra outros compañeiros. Tamén interesan as relacións de parella que se establecen entre os concursantes, os shippeos, así como as inimizades da convivencia.

ACTIVIDADE MEDIA

Profesións de risco

Os concursantes de «Operación Triunfo» tiñan unha psicóloga para facer terapia cando era necesario. Falaban abertamente de ter unha sesión. Que outras profesións consideras que deberían contar con un servizo así? Por que?

ENTENDER

Os límites artísticos: cantar un insulto?

■ España xa ten canción para Eurovisión: «Zorra» (pendanga), do dúo alacantino Nebulossa, que foi elixida como representante desta edición no Benidorm Fest. A canción suscitou un longo debate.

■ Os defensores explican que o termo dá a volta ás críticas que reciben as mulleres («si salgo sola soy una zorra; si me divierto, la más zorra», di) e sirve para que o feminismo se apropie dunha palabra negativa e lle outorgue un rol de protesta. Os detractores sinalan que unha canción non pode utilizar un insulto que moitas mulleres tiveron que escoitar antes de ser vítimas de agresión sexual.

■ As letras polémicas non son só cosa de hoxe. Xa nos sesenta España escandalizouse coa canción «Je t’aime, moi non plus», que narra un encontro sexual. Ao mesmo tempo, a revisión actual doutras letras, como a dos anos oitenta «Every Breath You Take» (The Police), permítenos detectar relacións tóxicas, aínda que non era ese o seu obxectivo.

ACTIVIDADE AVANZADA

Revisión do que escoitamos

Seguro que algunha vez escoitastes unha canción que vos rechía polo que di. Comparte cós teus compañeiros un exemplo e destaca que podería mellorarse da letra. Pensades que existe un xénero musical que destaque neste sentido?

PROFUNDAR

O fenómeno fan, unha histeria que pode considerarse que empezou hai máis de cen anos

■ O fenómeno fan é complicado de definir —de feito, non existe unha descrición oficial—, aínda que todos temos na cabeza os grupos de «fanáticos» que son capaces de pasar unha noite na intemperie por poder ver un artista.

■ Pénsase que puido comezar nos anos cincuenta co cantante Elvis Presley ou nos sesenta con The Beatles. Pero outras teorías defenden que, en realidade, a súa orixe reside no pianista e compositor húngaro Franz Liszt, do século XIX.

■ Fálase de lisztomanía, ou febre Liszt, para denominar o frenesí dos seus seguidores, que experimentaban altos niveles de histeria debido á maneira que tiña de interpretar.

■ Onde reside o patolóxico do fenómeno fan? Cando pasa dun gusto ou afección a ser unha obsesión que afecta a toda a vida; entón, pode ser motivo de preocupación.

■ Este fenómeno sempre estivo moi estereotipado en persoas de pouca idade e madurez. Non obstante, algunhas investigacións sinalan que non todos os fans son adolescentes ou mulleres. Que outros tipo de fanatismo atopades na sociedade?

■ Cando alguén é fan dun artista, sinte certa familiaridade. Ao mesmo tempo, o cantante, por exemplo, tamén é un modelo de referencia. Se el ou ela se ve sometido a presións estéticas, pensades que tamén o farán os seus fans?, pode ser un efecto colateral?

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies