SARA CARREIRA

A Cidade da Cultura de Santiago acolle dende agora ata febreiro o xuízo polo accidente dun tren (o Alvia 04155) que chegaba a Santiago o 24 de xullo do 2013 e descarrilou nunha curva no barrio compostelán de Angrois. O accidente custoulles a vida a 80 persoas e feridas de diferente gravidade a outras 145.

Sabemos que aconteceu?

Está ben documentado o acontecido nun expediente de 44.460 páxinas e 95 tomos coas declaracións dos participantes e dos técnicos. Cando o tren está achegándose a Santiago, o maquinista recibe unha chamada (que ten a obriga de contestar) e despístase. Avanza sen darse conta de que chega á curva de Angrois, que ten unha limitación de velocidade de 80 quilómetros por hora: colleuna a 179.

Que se está a xulgar?

Trátase de buscar a reparación xudicial para un dos accidentes ferroviarios máis graves dos últimos tempos en todo o mundo. Hai dous acusados aos que se culpa das 80 mortes por «imprudencia profesional grave»: son o maquinista Francisco José Garzón, que non detivo a tempo o tren; e o que era o director de Seguridade na Circulación do Administrador de Infraestructuras Ferroviarias (o ADIF: empresa do Estado que deseñou e construíu a vía), Andrés Cortabitarte.
O tribunal terá que decidir tamén quen paga os 57,6 millóns de euros que recibirán como indemnizacións ás vítimas, e poden ser: QBE, a empresa aseguradora de Renfe, que era a dona do tren; Allianz Global, que é o seguro do ADIF, o organismo que construíu a vía; os propios Renfe e o ADIF; e tamén o maquinista e o director de Seguridade na Circulación.

Canta xente participa?

Son centos. Faise na Cidade da Cultura porque son moitas as persoas que teñen que ir cada día á sala: hai 446 prexudicados (institucións, e vítimas e os seus familiares), agrupados en 154 acusacións que levan 110 avogados, e hai que sumar 53 afectados representados pola Fiscalía (é dicir, o propio Estado); e está previsto que falen más de 520 testemuñas, dende veciños de Angrois que acudiron a auxiliar as vítimas ata técnicos expertos en diferentes materias (destes hai previstas 126 testemuñas). Para a prensa hai un espazo propio para seguir o xuízo, igual que para o público, cunha sala con capacidade para 128 persoas. O xulgado que leva o caso é o do Penal número 2 de Santiago, a cargo da maxistrada Elena Fernández Currás. A vindeira vista será o día 25.

Que din as partes en conflito?

O maquinista asume que cometeu un erro froito da chamada, pero pensa que se a curva tivese as medidas de seguridade que necesitaba pola súa complexidade (e que hai noutras moitas vías) non acontecería ningún accidente; o exdirectivo do ADIF, pola súa banda, di que toda a culpa foi do condutor por chegar á curva moito máis rápido do que debía.

Hai risco de penas de cárcere?

Si. O fiscal pide tanto para Cortabitarte como para Garzón catro anos de prisión. Sexa cal sexa o resultado, a sentenza poderá ser apelada (reclamada) ante a Audiencia Provincial e, despois, ante o Supremo.

 

Os afectados uníronse na Plataforma de Víctimas del Alvia 04155

Ao pouco tempo do accidente formouse unha asociación de vítimas, a Plataforma de Víctimas del Alvia 04155 (o número do tren). Esta agrupación leva anos movéndose por todas as institucións e sinalando ao ADIF e a Renfe como responsables por non ter funcionando todos os sistemas de seguridade que hai e que frearían o tren aínda despois do despiste do condutor. Non só acudiron a todas as instancias e petaron en todas as portas, senón que tamén involucraron aos cidadáns. O documental Frankenstein 04155, dirixido por Aitor Rei, foi o seu xeito de chegar á xente; agora están loitando, por exemplo, para que TVE a emita, e recollen firmas (xa teñen 71.000) en Change.org para conseguilo.

O fiscal critica que non se avanzase na prevención

Para que sucedese o accidente do Alvia había moitísimos factores que tiñan que fallar, e que fallaron por diferentes razóns. Pero ao fiscal do caso parécelle sorprendente que no proceso de posta en marcha da liña a seguridade non fose mellorando, senón todo o contrario. Segundo di no seu escrito, «non se produciría o accidente se o ADIF, máis concretamente, a Dirección da Seguridade na Circulación e o acusado Cortabitarte López, como máximo responsable da mesma, avaliasen e xestionasen o risco de exceso de velocidade no tramo do accidente».
As vítimas, pola súa banda, insisten neste aspecto, e din que «o ADIF incumpriu reiteradamente a normativa ao non realizar a análise de riscos en dúas ocasións». Para engadir: «A análise de riscos fixémola nós».

 

ACTIVIDADE 1

Un proceso con moitas partes

Investiga quen pode participar nun xuízo destas características: a Administración pública, as vítimas… Son sempre os mesmos? Por que cres que hai diferentes grupos de xente participante?
———————————————————————————————————————

Actividades deseñadas por S. Carreira

Unha rede de infraestruturas

España a dúas velocidades

Se puideses mirar un mapa coas mellores vías de comunicación que hai en España, dende as autoestradas ao tren de alta velocidade, pasando polos avións, de seguro que notarías que o noso país está partido en dous: Madrid e o Mediterráneo, e o resto.

Por que isto é así? É algo histórico que acabou por definir o noso Estado. Tradicionalmente, España mirou sempre ao Mediterráneo, berce das principais civilizacións que fixeron Europa. Por tanto, Barcelona-Valencia-Málaga foron puntos de entrada e saída de produtos, persoas e ideas; Madrid era unha pequena vila. Dende o século XVIII, os gobernantes españois seguiron o modelo francés de organización territorial, con París como eixe, un centralismo que fixo de Madrid o lugar máis importante do noso país.

Froito desa filosofía chegaron moitas cousas, e témolas aínda hoxe. Por exemplo, do centro de Madrid parten as principais estradas españolas, nomeadas con números romanos seguindo o sentido das agullas do reloxo e co título de nacional (N): a N-I chega ata Bilbao, a N-II a Barcelona, a N-III ata Valencia, a IV a Sevilla; a N-V a Badaxoz e a N-VI ata A Coruña. Hoxe son autovías nomeadas segundo o mesmo sistema (a A-6 é a que leva á Coruña, sen ir máis lonxe). O quilómetro cero de todas elas é a Porta do Sol.

Por outra banda, España está determinada pola súa situación xeográfica, na esquina de Europa. Por iso, as zonas máis próximas a Francia eran as que máis mobilidade tiñan, cun maior comercio para sacar o que se producía en España. Estas son Cataluña e o País Vasco, que teñen pasos naturais ao Estado veciño. Para que Madrid estivese comunicada co resto de Europa, o camiño lóxico era seguir a ruta por Barcelona, que ademais é un porto fundamental do Mediterráneo.

Dende o século XIX, cando foron desaparecendo os chamados territorios de ultramar (Cuba e Filipinas independizáronse en 1898), Barcelona e Bilbao recolleron os capitais dos españois de alí e impulsaron as súas industrias, a catalá e a vasca. Iso fixo que houbese moito traballo, e xentes de todo o país emigraron a estas urbes, e as súas vilas baleiráronse. En 1952 comezou a construírse a autovía Madrid-Barcelona e pouco máis de dez anos despois, a de Valencia.

O perfil das comunicacións variou un pouco grazas ao turismo, cando dende 1960 se rexistrou a chegada masiva de visitantes europeos ás costas de Levante e Andalucía.

Rematou o século XX cuns xogos olímpicos en Barcelona e unha exposición universal en Sevilla (1992). Entón inaugurouse o primeiro tren ultrarrápido (AVE) entre Barcelona, Madrid e Sevilla e a autovía á capital andaluza.

Mentres, en Galicia cambiamos de milenio antes de que chegara a autovía (2021), e o tren rápido (aínda non é ultrarrápido) inaugurouse hai menos dun ano. Como nós, Asturias, Cantabria e no sur Estremadura teñen calendarios diferentes ao do leste peninsular.

 

É mellor un só aeroporto galego ou son necesarios os tres que temos?

En Galicia hai tres aeroportos: Alvedro en Culleredo, moi preto da Coruña, Peinador en Vigo e Rosalía de Castro (Lavacolla) en Santiago. Se non temos en conta a pandemia, que impediu viaxar, as cifras din que o principal aeroporto é o Rosalía de Castro, con 2,9 millóns de pasaxeiros ao ano, seguido dos 1,3 do da Coruña e o millón do de Vigo. Suman 5,2 millóns de viaxeiros na comunidade. O País Vasco, con tres aeroportos tamén, ten outras cifras: Bilbao, 5,9 millóns; San Sebastián, 320.000, e Vitoria, 175.000.

Cando un planifica unha viaxe en avión, sobre todo se é das que fai con regularidade, debe ter en conta a situación do aeroporto de saída con respecto á súa casa. Cambia moito? Pois si. Non é o mesmo estar a 15 minutos do aeroporto que a 55, non?

Cres que debería existir un aeroporto por territorio (por exemplo, por comunidade autónoma) ou que debe adaptarse á demanda e se esta é suficiente ofrecer proximidade fronte a grandes infraestruturas lonxe da casa?

ACTIVIDADE 2

Calcula os tempos

Uns amigos queren verse en Madrid. A cita é do venres 28 de outubro a o domingo 30, que volven ás súas casas en Málaga, Valencia, Barcelona, Sevilla e Santiago. Calcula tempos e prezos dos billetes de avión, autobús ou tren para estes amigos.

ENTENDER

A responsabilidade, do Estado e individual

Dende que no século XVI o Estado como tal colleu poder, a responsabilidade dos cidadáns foise diluíndo. Un español de hoxe en día espera que o seu Goberno lle provea de certos servizos: un hospital onde nacer e morrer, onde ser tratado das enfermidades que poida sufrir; un colexio no que estudar… Pero tamén outras moitas cousas: estradas polas que circular, parques nos que xogar ou diñeiro se queda no paro. Hai espazo para a responsabilidade individual?

Durante a pandemia houbo xente que pediu menos presenza do Estado, que deixaran a cada quen actuar e asumir o risco da súa actuación, por exemplo, ir sen máscara. A ti que che parece? Estarías disposto, aínda que non puideses ir a un hospital se pillases o virus?

ACTIVIDADE 3

O cálculo vital

Investigade na clase para saber que criterios se usan para pór prezo a unha vida humana, segundo as diferentes situacións. Despois, analizade en grupo os resultados.

PROFUNDAR

O risco cero pode existir? A que prezo? O debate sobre o custo dunha vida humana

O risco cero cando collemos un medio de transporte non pode existir. Ou si? A seguridade é unha preocupación tan forte que non deixa de mellorar cada día. Podemos aspirar ao risco cero? Ti que cres?

Contemplar todas as posibilidades dun accidente, investigar permanentemente para mellorar neste eido, facer os protocolos de protección e seguridade e formar aos traballadores para que saiban utilizar todos os sistemas costa cartos. Estarías disposto a que o teu billete sexa máis caro se garante totalmente a túa seguridade ou a dos outros? Ata que punto? Podedes facer un exercicio: calculade canto costa un billete a Barcelona dende a vosa localidade e pensade canto quereriades pagar.

No caso do accidente do Alvia, hai previstas indemnizacións de case 60 millóns de euros para as vítimas, é dicir, tanto para as familias de quen morreron no terrible suceso como para quen quedaron feridos e con secuelas. E moito? E pouco? Facede na clase dous grupos e pensade en argumentos para xustificar estas dúas posicións. Hai que ser realistas.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies