C. PORTEIRO

Hoxe é o Día Mundial dos Océanos. Reivindica a protección dos mares, que ocupan o 70 % da superficie do planeta. Albergan algúns dos animais máis belos e interesantes da Terra, mais só coñecemos o 5 % do fondo mariño. E moito do que sabemos é grazas ao estudo de especies que só ás asoman á superficie. É o caso do tiburón de 3,5 metros que apareceu a semana pasada na ría de Arousa. Unha especie nunca vista alí. Quedou atrapado nas redes duns pescadores que o devolveron ao mar, pero encallou e morreu.

Por que falamos dun achado excepcional?

Porque nunca antes se vira en Galicia un exemplar de tiburón dentes de can. De feito, en España só se teñen rexistros, moi escasos, na illa de El Hierro (Canarias).

A que se debe a visita?

É moi difícil dar unha explicación. Trátase dun tipo de peixe que adoita vivir nos fondos areosos de ata 430 metros de profundidade. Tan só as femias, cando están preñadas, soben á superficie a parir. Unha teoría é que o fan para evitar que outras quenllas coman as crías, que son moi escasas. De feito, estímase que só teñen unha cada dous anos.

Que sabemos do tiburón dentes de can?

Moi pouco porque é moi difícil de ver. Quen mergullou a carón dun exemplar desta especie asegura que é un dos escualos máis dóciles e tranquilos. Adoitan vivir en mares tropicais e subtropicais, por iso sorprende a súa presenza en Galicia. En Canarias os avistamentos producíronse en verán, así que este exemplar de Vilanova adiantouse ao calendario.

De que se alimenta?

Os seus manxares preferidos son os peixes pequenos, crustáceos e cefalópodos.

Por que morreu?

Non se pode certificar ao cen por cen a causa, aínda que os científicos que estudaron o cadáver determinaron na necropsia que levaba moito tempo sen comer e tiña mal estado de saúde. A súa captura nas redes duns pescadores tamén puido influír.

Hai máis quenllas en Galicia?

Pois claro! Dende hai uns anos as quenllas femias prefiren a dieta galega para as súas crías. Nadan en zonas da Coruña e da ría de Muros e Noia para deixalas medrar. Pero hai rexistrados avistamentos por toda a costa, especialmente na provincia de Pontevedra. Cada vez achéganse máis á costa. Unha das hipóteses que manexan os científicos é que o cambio de temperatura na auga e os fluxos de nutrientes obríganlles a nadar ata latitudes máis setentrionais (máis ao norte) nesta tempada.

 

O ano pasado apareceu unha quenlla branca na Coruña

Non é a primeira vez que un escualo visita, despistado, a nosa costa. En setembro do ano pasado avistouse no porto exterior da Coruña un exemplar de quenlla branca de 5 metros! Nunca antes acontecera, e pode que o volvamos ver, porque, segundo din os expertos, os tiburóns retornan segundo a tempada a zonas onde saben que atoparán alimento. Aínda que é unha especie estendida por todo o planeta, o certo é que os avistamentos do gran branco preto da costa concéntranse en poucas áreas xeográficas, como en Sudáfrica. Que facía por Galicia? Os científicos non saben ben por que se achegou tanto, tendo en conta que aquí non abundan as súas presas habituais, como focas ou leóns mariños, aínda que si hai golfiños, tartarugas, raias, luras e crustáceos. Tampouco poden concluír que se desorientara ou que a súa presenza teña que ver con cambios de hábitos atribuíbles ao quentamento global.

 

Hollywood está detrás do terror a este peixe

Tiburón, Deep Blue Sea e ata as cómicas películas de Sharknado amosan unha visión moi distorsionada da quenlla, o maior peixe dos océanos. É certo que é un gran depredador, tan só superado polas candorcas, pero non adoitan atacar aos humanos e a posibilidade de atoparte cun exemplar na auga é case inexistente, así que podes bañarte este verán na praia sen medo ningún. A maior parte dos incidentes teñen lugar a bordo dos barcos que os capturan nas redes. Tamén é posible que, se están moi preto das praias, algo que non é habitual, confundan tanto os bañistas como os surfistas con focas. Aínda así, cando un tiburón ataca a unha persoa faino para saber se forma parte do seu menú. Na maior parte dos casos rexistrados, morden e foxen.

ACTIVIDADE BÁSICA

Perigos reais e imaxinarios

Os ataques de quenllas non supoñen un risco real nas nosas praias. Deberiamos preocuparnos polos accidentes de tráfico (camiño da praia), caídas e mergullos, picaduras e mordeduras de animais, intoxicacións, queimaduras e afogamentos. Ordena os riscos segundo a percepción que teñas da súa frecuencia. De estar nas costas de Australia ou de Sudáfrica, onde si hai incidentes con quenllas, saberías como reaccionar se te atoparas con elas?


As actividades desta unidade están deseñadas polo divulgador científico Marcos Pérez Maldonado.

Cambio climático: Adaptarse ou morrer

Unha das grandes ameazas para os ecosistemas mariños é o cambio climático. Calquera interferencia humana, por pequena que sexa, ten consecuencias en toda a cadea. A nosa actividade, dende o transporte ata o turismo, a agricultura, a construción ou a moda, está a acelerar ese cambio, poñendo en risco a supervivencia de moitas especies que non teñen tempo para adaptarse ás novas condicións.

Pensa nesas algas longas e pardas como as da imaxe que tes visto algunha vez nas praias. De seguro que as afastas coa man para bañarte. Son laminariáceas, unha especie que hai entre 15 e 20 anos formaba bosques mariños onde buscaban agocho, seguridade para as crías e alimento os peixiños, as nécoras e outras especies. Pois ben, segundo explica o biólogo Alfredo Veiga, «as poboacións están moi alteradas. Antes había toneladas, había coberturas enormes, agora só quedan exemplares illados». E non se cingue o problema a Galicia. Pasa en todo o mundo.

Por que esta extinción silenciosa? Os científicos son moi cautos á hora de explicalo, pero apuntan varios factores: dende o exceso de luz á actividade humana —desapareceron as algas que están máis preto da superficie—. «Intentan recolonizar o territorio, pero hai desarranxos na cadea trófica e hai moita depredación de peixes que veñen do sur e non teñen interese comercial, así que os pescadores non os capturan. Eses cómenas e non as deixan medrar», explica o experto Javier Cremades. Por qué chegan eses peixes a Galicia? Polos cambios na cadea: o aumento da temperatura e o cambio das condicións de salinidade e acidez das augas, que causa a filtración de CO2 e o aumento do volume de auga doce (polo derretemento dos polos).

O Aquarium Finisterrae e o Instituto Español de Oceanografía están a traballar nun proxecto para estudar o efecto que podería ter o cambio climático nos corais en oito escenarios hipotéticos. Para iso recrean en tanques condicións determinadas de CO2 (canto máis dióxido de carbono, menos osíxeno), temperatura e pH (acidez) da auga.

 

Tiburóns, lobos, andoriñas ou xabarís tiveron que cambiar de hábitos

Puido a quenlla de Vilanova aparecer en Galicia polos cambios no ecosistema? Aínda é cedo para chegar a esa conclusión. Hai que aplicar o método científico para concluír tal cousa, pero o certo é que moitas especies tiveron que cambiar os seus hábitos para sobrevivir. Algúns tiburóns desprázanse a zonas que non son habituais porque as súas presas nadan ata alí en busca de nutrientes, que mudaron de dirección. E por que o fixeron? Porque co aumento do volume do mar a densidade das correntes mariñas cambia. E cando non atopan menú en alta mar, achéganse máis á costa.

O mesmo pasa cos lobos ou os xabarís en terra. A medida que os humanos foron estendendo os seus pastos, estes animais viron reducida a súa superficie de caza e o número de presas dispoñibles. Por iso é cada vez máis habitual oílos e mesmo velos preto dos núcleos urbanos. Canto máis empeño teñamos en controlar o medio salvaxe, máis riscos asumimos de encontros fortuítos.

E pasa coas andoriñas. Hai 20 anos visitaban Galicia todos os veráns, volvían aos seus niños de toda a vida. Pero desapareceron a metade delas. Onde están? Fuxiron porque acabamos cos seus niños ao remodelar os edificios. Ademais, o uso intensivo de herbicidas mata os insectos, a súa principal fonte de alimento, e teñen que competir con especies invasoras, como a cata (papagaio arxentino), para comer.

 

ACTIVIDADE MEDIA

E se non poden emigrar?

Especies como as medusas medrarán, e outras desaparecerán. Cres que deberiamos centrar esforzos en conservar algunhas en concreto? Podemos seguir considerando invasoras as que chegan adaptándose ao cambio climático?

ENTENDER

Debemos estar dispostos a facer sacrificios

Tes un teléfono intelixente ou unha tableta na casa? Has de saber que se trata dunha das manufacturas máis contaminantes do planeta. Antes de chegar ás nosas mans houbo que extraer materiais como o ouro, o cobalto ou o litio das minas. Refínanse antes de transportalos e ensamblalos.

Case a metade da poboación mundial ten un destes dispositivos, que se cambian cada tres anos. A maioría non se reciclan. Estarías disposto a renunciar ao último modelo para non contaminar?

O mesmo pasa co fenómeno da roupa chinesa de baixo custo. Mercar de forma compulsiva e a baixo prezo é sinónimo de contaminación. Convén pensar se non sería mellor mercar roupa fabricada máis preto, aínda que sexa máis cara, e un menor volume para non desperdiciar recursos. De feito, calcúlase que case a metade das prendas que temos no armario empregámolas unha vez ao ano!

ACTIVIDADE AVANZADA

Medrar e desmedrar

Parte dos nosos problemas radican no crecemento continuado, que asociamos a prosperidade. Analiza o xornal de hoxe buscando a pegada desta visión crecentista en noticias. Que papel xogan a ciencia e a tecnoloxía? Cres que os avances científicos resolverán os problemas ambientais?

PROFUNDIZAR

Aínda que poñamos o noso gran de area, as grandes decisións tómanas os Estados e as corporacións

Que sacrificios estarías disposto a asumir para frear o cambio climático, que xa é irreversible? Aínda que apostemos polo uso do transporte público, aproveitemos as horas de luz para consumir menos enerxía, consumamos produtos locais que non hai que transportar dende a outra punta do mundo ou cambiar os nosos vehículos de combustión —quen teña cartos— por un vehículo eléctrico, o certo é que a gran responsabilidade descansa nas costas dos Estados e as empresas.

Son os países os que poden regular a situación con leis e medidas de promoción ou de obrigado cumprimento, e as empresas con grandes factorías, as que marcan a diferenza. Por exemplo: deberíase bonificar o diésel que usan os barcos pesqueiros ou sería mellor financiar o uso de combustibles alternativos menos contaminantes? Debería España aumentar os impostos a quen máis contamine? Pode todo o mundo facer o mesmo esforzo?

Como abordar a cuestión alimentaria nos próximos anos? Con máis agricultura. O problema é que a expansión de terras cultivables se traduce en deforestación e destrución de hábitats salvaxes. Por iso parte da sociedade defende o uso de transxénicos, organismos co ADN modificado para facer que as plantacións sexan máis resistentes a insectos e condicións climáticas desfavorables. Esa resistencia permite reducir o uso de pesticidas. Investiga os proles e contras desta tecnoloxía alimentaria.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies