OLGA SUÁREZ

Abril avanza e imos chegando á recta final dos nosos concursos mensuais. Hoxe remata o prazo para enviar a carta ao director, e a gañadora publicarase o vindeiro mércores na sección de Opinión de La Voz de Galicia. E agora deixamos un pouquiño de escribir para pedirvos que faledes, porque o próximo reto que vos propoñemos é a creación dun pódcast.

O xornal naceu como un medio escrito, pero foise adaptando ao longo do tempo e, como sabedes, hoxe á parte impresa súmase a web, e con ela todos os contidos de vídeo e audio; e dende La Voz de la Escuela sabemos que esta parte é a que máis chama a atención dos novos lectores de xornais. Por iso, incluímos un destes aspectos; porque ademais coñecemos os traballos que se fan en moitos centros educativos coas radios escolares, nas que os estudantes aprenden a crear os seus propios programas, diferenciar os contidos ou descubrir a técnica.

Atréveste a participar?

O reto de abril chámase «Voucho contar» e vos propoñemos que creedes o voso propio pódcast. Como xa saberedes, son episodios gravados en audio e transmitidos en liña; poderedes elixir o contido (informativo ou de entretemento), facer unha entrevista ou falar do que queirades (música, arte, ciencia…). A duración máxima é de 5 minutos que, aínda que pareza pouco tempo, dá para falar moito. E, aínda que estes concursos son para traballar de forma individual, entendemos que este pode resultar difícil para unha persoa soa ou que se necesitarán máis en función do tema a elixir, polo que tamén se pode participar en pequenos grupos, sempre e cando os integrantes estuden ESO, FP ou bacharelato nalgún centro educativo galego.

Maio: A nosa palabra

O vindeiro 17 de maio celebramos o Día das Letras Galegas, e unha das cousas máis bonitas da lingua de Rosalía son as súas palabras. Seguro que tedes unha que vos guste un pouquiño máis cás demais: queremos saber cal é a túa palabra favorita e que nos contes as razóns polas que a elixiches. Como é lóxico, nesta ocasión permitiranse só textos en galego. Poderás participar entre o 8 e o 31 de maio; a palabra gañadora e o texto publicaranse no xornal do día 5 de xuño.o va aquí

Xuño: Como foi o curso?

Estades nunha idade na que vos quedades máis cos consellos dos vosos compañeiros que cos dos pais ou profesores. Por iso, en xuño vos pediremos unha opinión sobre o mellor e o peor do curso que estaredes a piques de rematar; lembrade ser sinceros, pois se trata dunha información que pode resultar útil a alumnos máis novos ca vós. O prazo para participar é máis curto, dende o 31 de maio ata o 14 de xuño. Cinco días máis tarde publicaremos o texto gañador.
Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies