LUCÍA CANCELA

O papa Bieito XVI morreu, aos 95 anos, o pasado 31 de decembro, despois de pasar dez anos de retiro nun convento da Cidade do Vaticano. Aínda que para moitos crentes do catolicismo o seu antecesor, Xoán Paulo II, así como o seu sucesor e actual papa, Francisco, foron figuras de maior relevancia, Bieito XVI fixo algo que non sucedía desde hai máis de 800 anos. No 2013 renunciou por vontade propia ao seu papado, algo que non se repetía desde o ano 1294. Coñezamos a súa historia máis de preto.

Quen era Bieito XVI?

O seu nome secular (real) era Joseph Aloysius Ratzinger. Era un sabio e intelectual, man dereita do seu antecesor, Xoán Paulo II, e no 2005 converteuse no papa 265.º da Igrexa católica, iniciando un pontificado que durou case oito anos. Naceu en 1927 nunha vila de Baviera (unha rexión alemá) e a súa familia era moi relixiosa. Na súa biografía conta que lle obrigaron a unirse ás mocidades hitlerianas con 15 anos (como a todos os rapaces daquela), aínda que asegura que nin el nin a súa familia estaban de acordo co nazismo. Aos 21 anos, el e o seu irmán se convertéronse en sacerdotes. Foi arcebispo e tres meses despois, cardeal. Foi o primeiro papa alemán, e o segundo da historia non italiano desde 1522. Asumiu o cargo aos 78 anos: foi o home que con máis idade se converteu en papa desde 1730.

Que importancia ten?

Foi o primeiro papa emérito en algo máis de 800 anos. Que significa? Que puxo punto final ao seu cargo en vida de forma totalmente voluntaria; antes só o fixera Calixto V no 1294 (houbo outros poucos casos, pero de papas expulsados de Roma ou cando houbo un cisma, unha profunda división, na Igrexa). É dicir, o tradicional era que o papa morrese sendo papa e que tras o seu falecemento se elixise o seguinte. Con todo, no 2013 Bieito fixo pública a súa decisión de retirarse, porque as súas forzas e a súa idade avanzada non lle permitían estar á altura do seu posto. Como consecuencia, isto permitiu que un papa, neste caso Francisco, presidise o seu funeral; de certo, unha celebración histórica.

Por que se retirou?

Como explicamos, a avanzada idade que tiña daquela pesáballe demasiado, e notaba que as súas forzas non daban para máis. Pero houbo máis razóns. Ratzinger viu como o seu predecesor (Xoán Paulo II) tivo que lidar coas presións internas cando estaba nos seus últimos días, e temía converterse nun boneco manipulable na división interna que atravesaba a institución. Pero ninguén o esperaba, e cando pronunciou a súa renuncia sorprendeu a todo o mundo. De feito, só catro persoas no mundo sabían o que ía dicir.

Como foi a súa xestión?

O certo é que o papado de Bieito XVI non foi fácil. A pesar de ser de curta duración, tivo que facer fronte a varias polémicas. Estivo marcado polos escándalos das denuncias de sacerdotes pederastas (que abusaban de rapaces), e pola filtración de documentos secretos do Vaticano, coñecido como o caso Vatileaks, que salpicou ao seu mordomo persoal e home de confianza.

 

Xoán Paulo II, un papa que foi morrendo diante das cámaras

O papa Xoán Paulo II morreu o 2 de abril do 2005. E a diferenza do seu sucesor, Bieito XVI, faleceu estando no cargo. Considérase un personaxe moi mediático debido a que tivo unha enorme axenda pública: relacionábase moito con outros gobernantes e líderes doutras relixións. Como é normal, foise apagando aos poucos, e mentres aínda tiña que representar á Igrexa católica. Todo o mundo puido ver non só como envellecía, senón que xa non podía falar nin moverse.

Xoán Paulo II sufriu párkinson durante moitos anos e foise debilitando diante das cámaras. Isto non é o que quería Bieito XVI, que preferiu retirarse cando o seu estado de saúde estaba comprometido e dedicar a súa carreira a estudar música clásica e á oración.

 

 

Ten sentido que os reis continúen ata a súa morte? O dilema que supón a idade

Pode un rei ou unha raíña xubilarse? O certo é que si, pero non é o máis habitual. Vímolo no caso máis recente, o de Isabel II, que morreu sendo monarca. As casas reais europeas son hereditarias, e aínda que hoxe en día pareza raro, esta institución baséase na tradición. Agora ben, non sempre sucede así. En España, o rei Xoán Carlos I abdicou no 2014 en favor do seu fillo, Filipe de Borbón. A raíña Beatriz de Holanda renunciou ao seu cargo no 2013, deixando paso ao seu fillo Guillerme Alexandre.

É innegable que a esperanza de vida aumenta, pero ao mesmo tempo cos anos tamén aumentan as enfermidades crónicas coas que unha persoa ten que vivir, e os monarcas non son menos. Que vantaxes pode ter que un rei ou unha raíña de avanzada idade dimita?

ACTIVIDADE BÁSICA

As curiosidades

É hora de coñecer ao papa Bieito XVI. Na súa historia hai moitos datos curiosos que se publicaron estes días. Investiga a figura e presenta algo que che pareza importante destacar da súa vida.


As actividades están deseñadas por L. Cancela

«Habemus papam»

A elección do novo papa é unha tradición da que se controla ata o máis mínimo detalle. O sistema actual comezou no século XIII, cando a Igrexa católica concluíu que os responsables da votación quedarían illados do mundo baixo chave (conclave) para evitar manipulacións de xente que preferise un ou outro e alongamentos do proceso (ás veces pasaban anos) que só traían problemas. Cando morre un papa, ou cando renuncia, os cardeais son chamados ao Vaticano para elixir o sucesor. Os cardeais son bispos (este é o maior cargo da Igrexa) pero que o santo pai destaca dos demais, sabendo que serán quen elixan o seguinte papa e mesmo que de entre eles sairá, case seguro, o seu sucesor. Agora teñen que ter menos de 80 anos para participar.

O conclave comeza cunha procesión na que os cardeais —con sotana, muceta (capa) e barrete (pequeno sombreiro) vermellos e roquete (como se fose un vestido) en liño branco— entoan un canto para pedir axuda do Espírito Santo. Tómaselles xuramento de que non revelarán nada do que alí dentro ocorra, e inícianse as votacións. Estas non se fan en calquera sala, senón baixo chave na Capela Sixtina (esa xoia pintada por Miguel Anxo), onde permanecerán illados ata que haxa un novo papa; só poden saír a comer e durmir, pero non poden ver a ninguén de fóra.

As papeletas quéimanse tras cada votación. Para que haxa un novo papa, debe haber maioría de dous terzos dos votantes. Se isto non ocorre, vótase unha e outra vez. O resultado de cada votación é comunicado ao exterior, sexa positivo ou negativo. Cando non é positivo, ao fume das papeletas engádenselle produtos para que resulte negro; e se se elixe un sucesor, bótanse outros (antes era palla seca ou húmida) para que a fumareda sexa de cor branca.

Cando as votacións rematan, pregúntaselle ao elixido se acepta ser sumo pontífice e con que nome quere ser coñecido. Os cardeais xúranlle fidelidade, e pronúnciase unha oración. Tras isto, coa fumata branca saíndo pola cheminea, un cardeal anuncia no balcón de San Pedro que hai novo papa coa frase en latín Habemus papam (temos papa), e este fai a súa primeira bendición urbi et orbe, que significa á cidade (Roma) e ao mundo.

 

A Cidade do Vaticano, un Estado cun monarca que manda en todo

A Cidade do Vaticano non é unha cidade, a pesar do seu nome. Aínda que é máis pequeno que un parque (con 44 hectáreas, mide a metade que o parque do Retiro, en Madrid), por definición é o Estado independente máis pequeno do mundo, e á vez un dos máis influentes. Os límites da Santa Sede establecéronse en 1929, de acordo cos Pactos de Letrán.

O Estado da Cidade do Vaticano é recoñecido como unha entidade propia soberana. A forma de goberno é a monarquía absoluta, e o papa é o seu rei. El é o xefe de Estado, que ten plenos poderes lexislativo, executivo e xudicial. Con todo, o equivalente ao presidente ou ao primeiro ministro é o cardeal secretario de Estado, cargo que na actualidade ostenta Pietro Parolin.

Os habitantes do Vaticano non pagan impostos directos, a economía baséase en contribucións de católicos de todo o mundo, así como na venda de selos, postais, recordos, entradas a museos e outros obxectos turísticos. Dentro hai farmacias, supermercados e ata un servizo de correos. No ano 2021 había 835 habitantes, dos cales 450 tiñan a cidadanía vaticana.

Tal é a súa importancia, que a Santa Sede mantén relacións diplomáticas con 180 Estados. Ademais, é observador permanente na Unesco, na FAO, na Organización Mundial do Turismo e no Organismo Internacional de Enerxía Atómica.

ACTIVIDADE MEDIA

O Papa absolutista

Investiga como se organizan os tres poderes (lexislativo, executivo e xudicial) no Estado do Vaticano e sobre quen caen. Despois responde: que ten de especial a súa monarquía?, que sitios teñen unha monarquía absoluta?, sobre que outras institucións se apoia o papa para gobernar?

ENTENDER

O papel da Igrexa na sociedade de hoxe

A Igrexa católica está a perder crentes. Segundo datos do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), no 2021, os mozos españois de 18 a 24 anos considéranse non crentes. De toda a poboación, é o grupo no que a institución perdeu máis católicos.

A que crees que se debe este descenso? Os escándalos de corrupción e pederastia minguaron a súa capacidade de influencia. A súa postura contraria ao aborto, á eutanasia, á homosexualidade ou ao sacerdocio feminino son percibidos, por unha banda da poboación, como anticuados. Son estes os únicos factores? Ti que pensas?

Debería a Igrexa abrir as súas portas a novos valores, ou polo contrario quen queira pertencer a ela debe adaptarse? O papa Francisco parece ter outros compromisos, moi importantes nos valores cristiáns: a loita social contra a pobreza e as desigualdades, un decidido chamamento contra o cambio climático e a petición de xustiza e paz.

ACTIVIDADE AVANZADA

É A igreXa o quinto poder?

A prensa sempre foi considerada o cuarto poder, pola súa capacidade de influencia a través da crítica e de crear opinión nos cidadáns. Con todo, a Igrexa tivo un papel similar. Pensas que o seu poder tamén se debe medir aparte? Por que?

PROFUNDAR

O ser humano pode deixar de ser relixioso? Son o deporte ou a ciencia as novas relixións?

Acabouse a espiritualidade? O CIS tamén preguntou na súa enquisa sobre a asistencia a oficios relixiosos máis aló dos típicos como as comuñóns, bautizos, vodas ou enterros. Esta cuestión só se lles fai a quen din ser crentes, e a evolución no tempo (desde o 2006) demostra que máis da metade dos católicos non van nunca ou case nunca a misa. Pódese ser católico sen acudir a actos relixiosos?

Na antigüidade, a espiritualidade estaba relacionada cos deuses, coa mitoloxía, para buscar un sentido á vida, e ao que viría coa morte. Ocorre o mesmo coa relixión. Pero, en realidade, a espiritualidade non é en si un sistema relixioso, aínda que moitas veces se atope niso, senón que é independente de calquera dogma. Para moitos autores, trátase de recoñecer a existencia dun eu verdadeiro, de crenzas e propósitos.

 Están a acabarse as relixións? Algúns expertos apuntan a que, como nos países occidentais se goza dun amplo estado de benestar, a xente ten menos medo e, por tanto, menor necesidade de ter fe nun mundo mellor a través da relixión. Como dato curioso, o psicólogo Nigel Barber sinalou que os deportes de masas son as novas relixións. Ambos esixen compromiso, fe e dedicación. Que pensades?

Agora ben, se existe unha crenza reforzada nos últimos tempos, esa é na ciencia, especialmente desde a aparición do coronavirus, que puxo en valor a importancia da medicina. Por que pensas que a xente cre máis na investigación? Alguén pode facer da ciencia a súa relixión?

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies