S. CABRERO

Galicia atesoura unha das marabillas mundiais da arte románica: o pórtico da Gloria. Esta xoia arquitectónica ten máis de 200 figuras talladas polo mestre Mateo hai xa máis de 800 anos. A súa beleza asombra a todos aqueles que visitan a catedral de Santiago, encargada de custodiala. O que nunca imaxinou o mestre Mateo foi que a súa espectacular obra puidese ser gozada dende calquera fogar do mundo sen necesidade de trasladarse ate o corazón do Camiño.

A obra cumio da escultura románica en España xa está ao alcance de todos aqueles que teñan un simple móbil ou un ordenador na súa casa. E, ademais, aqueles que se aventuren a deixarse levar por tanta beleza poderán facelo dende agora a un nivel de detalle nunca visto antes.

Sabías que o pórtico foi restaurado hai poucos anos? Entre o 2006 e o 2018, a Fundación Barrié puxo mans á obra para tratar de devolver a estas figuras o esplendor de épocas pasadas, doce anos de traballo nada menos. Pero os responsables da Fundación quixeron ir un paso máis aló. E por iso decidiron dixitalizar en superalta resolución os 200 metros cadrados deste monumento. Detrás hai máis de catorce horas de traballo para capturar máis de 2.700 imaxes cun robot intelixente que foi o encargado de trasladar as pedras centenarias directamente ao mundo dixital.

Hai dúas versións, para o ordenador ou para o móbil. Todas son gratuítas e na web un vídeo introductorio deixa paso á superfotografía, que podes ampliar ata ver o máis mínimo detalle coa rolda do rato; a foto permite ademais chegar a moita información complementaria. As app teñen a vantaxe engadida de poder ver como estaba cada unha das pezas antes da restauración e como están agora.

Prema para entrar no Pórtico da Gloria

Presta moita atención. Mira as expresións dos rostros que forman parte do pórtico da Gloria, bota unha ollada ás súas roupas e, sobre todo, deixa voar a túa imaxinación para recrear na túa mente a gran función de teatro que se recolle nestas pedras tan especiais. Fixa a túa mirada no arco central. Nese lugar represéntase unha visión da apocalipse. Cristo resucitado regresa ao mundo rodeado polos catro evanxelistas. Poderás recoñecelos porque levan os seus animais simbólicos: Lucas, un touro; Xoán, unha aguia e Marcos, un león. O cuarto, Mateo, leva unha caixa porque el era o encargado de recoller os impostos. Tamén poderás ver aquí, na arquivolta, os 24 anciáns que conversan entre si mentres afinan os instrumentos.

O patrón da catedral, Santiago Apóstolo, preside a columna central de mármore. El nos invita a entrar ao templo. Bota unha ollada aos millóns de pegadas de mans que foron deixando os peregrinos na columna. E detrás de todo isto aparece a figura do arquitecto, o mestre Mateo, que figura axeonllado. Pero isto é só o principio. Hai moitos máis segredos que descubrir. Podes facelo descargando a aplicación ou accedendo á páxina web. Así, viaxarás a través do tempo e descubrirás unha historia marabillosa.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies