Jesús Garrido
«A economía creativa, ou industria creativa, é o sector da economía que involucra á xeración de ideas e o coñecemento. O concepto abarca esencialmente a industria cultural (arte, entretemento, deseño, arquitectura, publicidade, gastronomía) e a economía do coñecemento (educación, investigación e desenvolvemento, alta tecnoloxía, informática, telecomunicacións, robótica, nanotecnoloxía, industria aeroespacial…)».
No 2001,John Howkins, autor da idea da economía creativa, durante unha entrevista concedida á Organización Mundial da Propiedade Intelectual (OMPI) explicaba este concepto: «É unha forma de economía […] na que as ideas son as principais achegas e os principais resultados. […] É unha economía na que a xente dedica a maior parte do seu tempo a xerar ideas».
Xeración de ideas
Para a Unesco existen diversos sectores nos que se desenvolve a economía creativa: produtos derivados e servizos de museos, paisaxes culturais, sitios arqueolóxicos e históricos e gastronomía, artes visuais e artesanía, pintura, escultura, artesanía e fotografía.
E, por suposto, na área do coñecemento: educación, capacitación, investigación e desenvolvemento, alta tecnoloxía, informática, telecomunicacións, robótica, nanotecnoloxía, industria aeroespacial (consúltese o artigo «Economía creativa» na Wikipedia, para ampliar a información sobre o asunto).
En definitiva, a creatividade e a cultura son, segundo a Unesco, procesos intimamente ligados á imaxinación e á xeración de novas ideas, produtos ou xeitos de interpretar o mundo que teñen beneficios económicos, ademais doutras achegas intanxibles, se cadra máis evidentes, que poden ser recoñecidos como decisivos para o desenvolvemento humano.
DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE
Pero ¿que se entende por desenvolvemento sostible en relación coa economía creativa? Os 17 Obxectivos para o Desenvolvemento Sostible e as 169 metas que lembramos hoxe demostran a magnitude desta ambiciosa nova Axenda universal. Con eles preténdese retomar os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio e conseguir o que non se logrou aínda destes. Preténdense tamén facer realidade os dereitos humanos de todas as persoas e alcanzar a igualdade entre os sexos e o empoderamento de todas as mulleres e nenas. Os obxectivos e as metas son de carácter integrado e indivisible e conxugan as tres dimensións do desenvolvemento sostible: económica, social e ambiental.
ESFERAS DE ACCIÓN
Os obxectivos da ONU para os vindeiros quince anos fíxanvos as accións nas seguintes esferas de importancia crítica para a humanidade e o planeta.
As persoas. «Estamos decididos a pór fin á pobreza e a fame en todas as súas formas e dimensións, e a velar por que todos os seres humanos poidan realizar o seu potencial con dignidade e igualdade e nun medio ambiente saudable».
O planeta. «Estamos decididos a protexer o planeta contra a degradación mediante o consumo e a producción sostibles, a xestión sostible dos seus recursos naturais e medidas urxentes para facer fronte ao cambio climático, de maneira que poida satisfacer as necesidades das xeracións presentes e futuras».
A prosperidade. «Estamos decididos a velar por que todos os seres humanos poidan gozar dunha vida próspera e plena, e por que o progreso económico, social e tecnolóxico se produza en harmonía coa natureza. Estamos decididos a propiciar sociedades pacíficas, xustas e inclusivas que estean libres do temor e a violencia. Non pode haber desenvolvemento sostible sen paz, nin paz sen desenvolvemento sostible».
ALIANZA MUNDIAL
A ONU logrou un alianza mundial para revitalizar o desenvolvemento sostible. Os vínculos entre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e o seu carácter integrado son de crucial importancia para cumprir o propósito da nova Axenda. Se conseguimos o que ambicionamos en todos e cada un dos aspectos da Axenda, mellorarán notablemente as condicións de vida de todas as persoas e o noso mundo transformarase nun lugar mellor
(Asemblea Xeral das Nacións Unidas: 25/9/2015).
Claves de apertura: t.ly/0fgM