S. Pérez
A Organización Mundial da Saúde (OMS), xunto con outras organizacións internacionais, decidiu hai vinte anos establecer o 14 de xuño como o Día Mundial do Doante de Sangue. É un xeito de agradecer e pór en valor as doazóns voluntarias de todo o mundo. A campaña deste 2024 ten como lema «20 anos celebrando a xenerosidade: moitas grazas, doantes de sangue!». Dar as grazas a todas as persoas que salvan vidas coas súas doazóns de plasma sanguíneo e plaquetas. Amais, serve de chamamento á acción, para motivar a máis persoas para que se unan ao movemento mundial.

As doazóns de sangue son unha necesidade social. Sabedes cantas se precisan para abastecer toda a que fai falta en Galicia? Os hospitais atenden unha media de 2.700 urxencias, 500 intervencións cirúrxicas e tres transplantes de órganos e tecidos, e para iso, precisan entre catrocentas e cincocentas doazóns de sangue cada día. Para facilitar este acto de solidariedade, ademais dos locais de doazón das sete cidades, hai unidades móbiles que percorren toda a nosa xeografía.

Pero vós sabedes por que temos que doar sangue? Segundo subliña Cruz Vermella, hai tres motivos moi importantes que é preciso coñecer: o sangue non se pode fabricar (só se pode obter do doante), é imprescindible para operacións e urxencias e… caduca! É dicir, tampouco se pode almacenar por un tempo indefinido.

Para poder doar hai que cumprir unha serie de requisitos: ser maior de 18 anos e menor de 65, pesar máis de 50 quilos ou non ter padecido enfermidades infecciosas con febre ou que fora tratada con antibióticos, entre outros, na última semana. Algún membro da vosa familia é doante? E contouvos como é o proceso?

A compatibilidade
Hai outro factor a ter en conta, e é que cada un de nós temos un grupo sanguíneo. Sabedes que hai un total de oito? E que están determinados polos xenes herdados dos vosos pais? Existen catro grupos principais: A, B, AB e 0. Logo, cada un pode ser positivo ou negativo. A compatibilidade sanguínea é fundamental nas transfusións, para evitar reaccións inmunitarias adversas. Ademais, non é o mesmo poder doar a alguén que que alguén reciba de ti. Por exemplo, os doantes cero negativo son moi especiais. Primeiro, porque son poucos (só un 7 % da poboación). E segundo, porque poden doar sangue a todo o mundo (son fundamentais ante unha emerxencia). Son os chamados doantes universais. Polo contrario, non poden recibir sangue de todo o mundo. De feito, só poden recibir o mesmo tipo: cero negativo.

E vós, sabedes a que grupo sanguíneo pertencedes?

 

Para saber máis…

Poñede en común na aula a que grupo sanguíneo pertence cada un, para logo ver as compatibilidades: a quen podedes doar e de quen podedes recibir?

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies