L. Cancela
Venderiades os vosos datos por menos de cen euros?, permitiriades que outras persoas poidan, por exemplo, acceder á vosa información médica? Este debate está vixente desde que, hai uns días, a compañía Worldcoin aterrou en Galicia, en concreto na Coruña. Esta empresa escanea o iris das persoas para recompilar toda a información que ofrece esta parte do ollo.

Por que o iris?
O iris do ollo é como unha pegada dactilar. É único en cada persoa e nin sequera o esquerdo é igual có dereito.

Que pasou?
A semana pasada, a compañía WorldCoin asentouse en varios centros comerciais españois co obxectivo de escanear os iris das persoas a cambio de criptomoedas. A xente chegou a facer cola para participar, e o motivo principal era o diñeiro.

Que é Worldcoin?
É unha empresa —fundada por un dos donos de OpenAI, creadora do coñecido ChatGPT— que emite unha criptomoeda, que se obteñe co escaneo do iris. Por así dicilo, Worldcoin é un mundo económico que funciona por tokens (criptomoedas), e para formar parte del debes asegurar que es un humano, por iso toman imaxes do iris.

Criptomoeda?
Unha criptomoeda é unha moeda dixital e virtual que non depende dun banco. Pódese cambiar por euros, por exemplo. Pero a cantidade varía segundo o momento, igual que pasa con outras moedas, como a libra. Entón, un día podes obter 20 euros por unha criptomoeda e outro día, só 10. Moita xente fai negocio con elas, e outros perden cartos.

Como se escanea o iris?
A persoa mira a unha esfera prateada chamada Orb, que mediante luz infravermella obtén toda a información do iris e a converte nun código alfanumérico. Non se pide outro tipo de información persoal, pero existen riscos.

Que riscos hai?
O primeiro é que a persoa cede os datos do iris a outra, que, á súa vez, pódeos vender a outra. É coma se damos a nosa pegada dactilar. Desta forma, poderíannos identificar, aínda que nós non queramos, ao entrar nunha tenda.

Por que o fan?
A empresa quere xerar unha base de datos de distintos códigos numéricos que representen cada iris. A intención da compañía non está clara, pero se nun futuro tivese unha base de datos robusta, podería vendela como unha nova forma de identificar as persoas, por exemplo.

Que din as autoridades?
A Federación de Consumidores y Usuarios (CECU) xa alertou o pasado ano de que o escaneo de iris ofrece todo tipo de información de carácter persoal e extremadamente sensible con escasa marxe de erro estatístico. E sinalou que a súa cesión podería ser utilizada de forma inadecuada, porque expón as persoas a un maior risco de seguimento e vixilancia, por exemplo, pois poden ser identificadas sen o seu permiso, e os ciberdelincuentes poden roubar esa información. É moito máis perigoso que aceptar as cookies dunha web.

 

Os países toman medidas en contra deste negocio

En España existe un baleiro legal respecto ao uso e escaneo do iris como dato biométrico. Moitos pensan que esta acción se debería prohibir porque a xente con máis dificultades económicas o cede polo diñeiro, e establece unha diferenza social.
No noso país, a Axencia Española de Protección de Datos, que é unha entidade que vela pola seguridade da información persoal, está a estudar catro denuncias relacionadas co tratamento de datos por parte da empresa Worldcoin. Pola súa banda, outros países xa toman medidas. Francia abriu investigacións por posibles infraccións contra a privacidade de datos e as autoridades móstranse preocupadas pola vixilancia sen consentimento informado. E Kenya suspendeu a actividade de Worldlin.

Todo o que esconde o teu iris, unha estrutura que apenas varía

O iris, que é a parte de cor do ollo, actúa como un diafragma que, mediante uns músculos, dilata ou contrae a pupila para que entre máis ou menos luz. Máis aló desta función, o iris é un trazo de identidade. Ten varios aspectos que o converten en único. O seu grosor, o seu diámetro, a cor, as criptas (unha especie de ocos que favorecen a esponxosidade e humidade da zona) e ata as manchas son exclusivas. E o mellor de todo é que, a partir dos 4 anos, estas peculiaridades apenas varían.
Por iso estes datos son tan valiosos como identificadores. Non se poden cambiar, como farías cunha dirección. Podería chegar a usar esta información unha terceira persoa que roubase a identidade de outra? Os expertos non se atreven a confirmalo, pero o risco está aí.

ACTIVIDADE BÁSICA

A identidade

Máis aló do iris, hai outros caracteres persoais que son únicos. Cales son? A Policía rexistra as nosas impresións dixitais cando nos facemos o carné de identidade. Por que?
——————-
As actividades están deseñadas polo avogado Álex Martín.

O «Black Mirror» da vida real

Identificación mediante escaneo de rostro, recoñecemento de voz ou falarlle a unha máquina que responde, con pelos e sinais. Todas estas accións forman parte da nosa vida e parece que, cada vez máis, penetramos nun capítulo de Black Mirror: os nosos datos son a moeda que intercambiamos por un servizo. Paremos a pensalo: temos o GPS sempre activo, buscamos un sitio en internet a través da nosa conta persoal e aceptamos as cookies dun buscador web. A intelixencia artificial está presente nas nosas vidas, pero parece que os riscos non están de todo claros.
Un bo exemplo son os asistentes virtuais, Siri ou Alexa, e que o seu uso non pare de medrar. Segundo o informe Navegantes en rede, publicado no 2021 pola Asociación para a Investigación de Medios de Comunicación, un 50 % dos participantes úsano nalgunhas ocasións. As razóns son varias: recordatorios, alarmas, preguntas, chamadas de teléfono ou realizar procuras en xeral. Un emprego estendido que contrasta, á vez, coa preocupación manifestada: dous de cada tres enquisados recoñecían que se senten vixiados en internet. Pásache a ti?
Estas máquinas son cómodas, pero tamén teñen un lado escuro. Están adestradas para recoñecer a linguaxe natural das persoas e cumprir unha tarefa. O problema é que, ademais de recompilar datos como as túas procuras, almacenan algo moito máis valioso: a túa voz. De feito, moitas veces actívanse sen o sinal para acenderse e realizan gravacións de entre seis segundos e dous minutos antes de apagarse. E si, por se non o sabías, as empresas que os fabrican teñen permiso para escoitar estes audios co obxectivo de mellorar o seu algoritmo. Pero… e se van máis aló?
Este límite non é o único que debe preocuparnos. No 2021 filtráronse datos persoais de máis de 500 millóns de usuarios de Facebook, entre os que había uns 11 millóns de españois. A información contiña nome, apelidos, dirección, data de nacemento, ID na rede social, números de teléfono e, nalgúns casos, correos electrónicos. Un problema que é máis frecuente do que pensamos.

 

O mundo das moedas virtuais non ten protección bancaria

As criptomoedas, tamén coñecidas como moedas dixitais ou virtuais, defínense, segundo o Banco de España, como instrumentos de pago sen soporte físico baseadas nun algoritmo matemático denominado blockchain, ou cadea de bloques. Ao contrario do que sucede cunha divisa como o euro ou o dólar, as criptomoedas non contan co respaldo dun banco central que asegure o seu valor. Por iso, o seu prezo varía en función da oferta e a demanda que haxa delas. Ás veces, poden valer máis, e ás veces menos, e con iso cambia a riqueza que unha persoa poida acumular en criptomoedas.
Non existen moitos sitios nos que se acepten como medio de pago, xa que non se consideran unha unidade de conta estable. Así, podería dicirse que non compiten co diñeiro oficial, senón que son consideradas, por parte das autoridades, como activos especulativos de alto risco. Isto significa que existe o perigo de que a xente compre esta moeda esperando vendela en pouco tempo para gañar diñeiro. O problema é que. se todo o mundo o fai á vez, o seu valor caería en picado; xa aconteceu.
A máis coñecida é o bitcoin, pero existen moitas outras. Como non están reguladas, non requiren de intermediarios nas transaccións. En cambio, cando se realiza un movemento con diñeiro real, o banco está polo medio como seguro.

ACTIVIDADE MEDIA

Datos na esfera pública

O Regulamento Europeo de Protección de Datos define os datos persoais como toda información sobre unha persoa física identificada ou identificable. Facede unha lista de exemplos de datos persoais e debatede en que medida os protexemos.

ENTENDER

Cursos sobre finanzas, o intrusismo na economía

■ É posible que, en redes sociais, vísedes a algúns usuarios que venden cursos de finanzas cos que prometen ensinarvos a gañar diñeiro ata o punto de ser millonario, como eles mostran que son.

■ Nos seus vídeos ensinan mansións, coches de luxo e unha vida social ostentosa. Axústase á realidade? Nunca o saberemos. As redes sociais son un escaparate no que moitos mostran a súa mellor versión e outros simplemente menten. É fácil enganar á audiencia e non render contas se despois o curso que eles venden non está ben feito.

■ É máis, hai varias persoas que falan de finanzas intelixentes sen ter feito unha carreira que as acredite. Isto pode ser un timo. A formación en materia económica (a través, principalmente, dos graos de Economía ou de Ciencias Empresariais no noso sistema de universidades) é indispensable para ser un auténtico profesional. Deixarías que un médico sen carreira che operase?

ACTIVIDADE AVANZADA

Acepto todas as cookies

A lei establece que o permiso para o tratamento dos datos debe ser libre, informado e inequívoco. Credes que descargar unha «app» ou aceptar «cookies» equivale a este consentimento para que se poida comerciar coa nosa información?

 

 

O álbum de toda unha vida subido a Instagram: o problema de ser menor e ter redes sociais

■ Cando usas internet, é importante que entendas algo: todo o que se sobe á rede escapa do teu poder. Se nalgún momento queres borralo, facelo por completo é imposible, aínda que a lexislación europea está a avanzar nesta dirección, para protexer ao usuario co dereito ao esquecemento, o dereito á honra en internet ou coa lei de protección de datos.

■ É posible que nunca queirades eliminar a vosa presenza en redes sociais, pero é fundamental que reflexionedes sobre o contido que subides. Aínda que a vosa seguridade e privacidade sería o máis importante —por exemplo, non publicando lugares nos que estades ou non dando acceso a descoñecidos—, tamén é relevante que coidedes a vosa pegada dixital. Cada vez son máis as empresas que consultan as nosas redes se nos postulamos a un traballo.
■ A comezos do 2024, o director executivo de Meta, Mark Zuckerberg, desculpouse no Senado dos Estados Unidos coas familias cuxos fillos foron prexudicados polas redes sociais.

■ Un debate que abre o uso de Instagram ou Tik Tok, entre outros, son as fotos ou vídeos publicados polos pais dos seus fillos. En moitos casos, hai unha sobreexposición. Aquí prima o sentido común. Non é o mesmo subir unha foto esporádica que narrar o día a día do teu fillo, mostrando os seus momentos de descanso, as perrenchas ou as comidas. Os expertos sinalan certos perigos. Que consecuencias credes que pode ter para o futuro do menor?

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies