C. Martínez

Cando pensamos en area, pode que o primeiro que veña á nosa mente sexa unha praia ou un deserto. Estes tipos non son aptos para construción, pero a que si o é escasea en case todo o mundo. Falamos da que procede de depósitos aluviais como graveiras e areeiras, así como de canteiras. Este tipo de árido ten propiedades únicas que o fan moi útil para todo tipo de construcións e tamén para a elaboración de formigón.

«A area ten un papel importante, diría que incluso estratéxico, na nosa sociedade. Utilizámola para infraestruturas, construción de vivendas, autopistas, vías de tren e cuestións ambientais», apunta Aitor Puente, director da Asociación Galega de Áridos. Non obstante, engade: «A pesar da importancia que ten, e falo a nivel global, a súa extracción, subministro e uso nalgúns países non está aínda regulado. Por iso, rexístranse extraccións ilegais en ríos, fondos mariños, etcétera, que, obviamente, causan uns prexuízos ambientais e sociais que ata hai pouco se estaban pasando por alto».

Tanto as Nacións Unidas coma a Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE) realizan prognósticos que estiman que a demanda mundial de materiais primarios se duplicará no 2050. Aínda que non nos estamos quedando sen area nin en España nin en Galicia, a nivel mundial o problema está sendo impulsado por unha maior demanda de recursos. Entre os factores que o propician encóntranse o crecemento da poboación, unha maior riqueza e unha maior urbanización. Desta forma, a escaseza afecta a algúns países. Sobre todo están sufríndoa Estados de África, así como a China e a India.

O auxe mundial da construción triplicou a demanda de area nas últimas dúas décadas e esperase que siga medrando. «As recomendacións que fan a través das Nacións Unidas son que deberíamos todos, como sociedade, rexernos por unha serie de normas e normativas que non prexudiquen o futuro doutras xeracións», sinala Puente. Segundo as súas palabras, debemos ter en conta un posible efecto bolboreta: problemas que se están dando noutros continentes tamén nos poden acabar afectando.

Por que non serve a area das praias para a construción? «Porque ten unha alta cantidade de materia orgánica debido a que provén de organismos mariños; ten un alto contido en sal, cousa que a fai contraria aos criterios técnicos de edificación, e as arestas, as formas que ten a area, son redondeadas, o cal tamén é prexudicial. As areas que se extraen de forma regulada xeralmente teñen arestas con formas máis agudas», responde o experto.

Exemplo europeo (e galego)

«Dende hai moitos anos, a extracción de áridos lévase a cabo dende un punto de vista sostible e iso fai que non exista un déficit de area en Galicia, onde os extraemos utilizando as mellores técnicas ambientais que existen, respectando ao máximo a contorna», confirma Puente.

Esta area pode proceder de canteiras, que son as típicas explotacións a ceo aberto, onde a extracción se realiza mediante voaduras con explosivos, adoptando grandes medidas de seguridade; a das graveiras atópase en depósitos aluviais fósiles, e empréganse equipos de arranque mecánico como escavadoras, cargadoras, dragalinas e tractores que extraen directamente as rochas fragmentadas. Unha zona onde se dan estas últimas é Xinzo de Limia, mentres que as canteiras se poden atopar en moitos puntos do territorio galego. A area pasa a plantas de procesamento onde se conseguen os diferentes tamaños de gran. De menor a maior tamaño serían: areas, gravas, balastro e escollera.

Información elaborada en colaboración coa Cámara Mineira de Galicia.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies