CINTHYA MARTÍNEZ

As rochas e minerais de Galicia forman parte de edificacións con séculos de historia. É o caso da catedral de Santiago de Compostela, que seguro que coñeces, xa que é un dos monumentos máis representativos da nosa comunidade. A súa orixe remóntase á Idade Media, pero cando se iniciou a construción, os seus arquitectos xa coñecían de boa man os bos recursos mineiros que permitiron a súa edificación.

«Na catedral o que podemos encontrar fundamentalmente son granitos. Tamén hai lugares no interior, como a capela do Pilar ou o retablo, onde se poden encontrar mármores. O mesmo que nalgunha figura da fachada de Praterías», explica Roberto Almuíña, enxeñeiro químico e secretario da xunta directiva da Asociación Galega de Áridos (Arigal). Así, para construíla empregouse granito, mármore, alabastro e calcaria. O primeiro deles, nas cubertas, compleméntase nalgunhas zonas con tella cerámica. Todo isto, unido cun morteiro feito de cal, area e auga.

O pórtico da Gloria, renovado hai poucos anos, é un dos lugares da catedral onde tamén se pode apreciar o talento dos artesáns tanto á hora de labrar as diferentes figuras como á de pintalas. Para isto último empregaron pigmentos minerais. Entre eles, o carbonato de chumbo, o sulfuro de mercurio, resinato de cobre, carbonato de cobre ou carbón. Xunto coas coberturas de ouro e prata, que achegaron luz e reflexos a un conxunto de esculturas espectacular. Como curiosidade, eses mesmos produtos mineiros tamén foron utilizados polo equipo de profesionais que se encargaron desta última restauración.

Pero, claro, agora preguntaraste: de onde procedían todas esas rochas e minerais? A resposta non é fácil. «Non existe unha canteira histórica, por dicilo así, da que se sacaran os granitos de Santiago», di Almuíña. Con todo, precisa: «Ao oeste da cidade, na zona de Figueiras, Grixoa e Ameixenda (que pertence ao municipio veciño de Ames), localízanse hasta catorce canteiras deses materiais. Son granitos de dúas micas, de gran fino ou medio, que son os que mellor se adaptan para a cantería». Por iso, se observamos de cerca a pedra da catedral, podemos apreciar que non todos os granitos son iguais. «Hai algúns máis meteorizados, máis grises ou ocres, e diferenzas de gran, xa que cando falamos de detalles decorativos, hai que optar por granitos máis finos, que son máis fáciles de traballar», comenta.

O experto apunta a referencias sobre a orixe destes materiais no Códice Calixtino: «Nel recóllese que os peregrinos medievais tomaban pedras ao seu paso pola canteira de Triacastela (Lugo), onde existen uns xacementos de pedra calcaria moi importantes, e as trasladaban ata Castañeda (Arzúa), onde uns fornos abastecían as obras da catedral».


Información elaborada en colaboración coa Cámara Mineira de Galicia.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies