C. MARTÍNEZ

Casa Castelao non sería nada sen a súa localización privilexiada, A Fonsagrada. Así o afirmou o seu conselleiro delegado, Rubén Fernández, nunha visita o seu antigo centro de estudos, o IES Fontem Albei, situado na capital municipal. Fíxoo no marco do programa De 0 a 100, que La Voz leva a cabo coa Consellería de Educación para achegar aos alumnos exemplos de emprendemento da man dos seus protagonistas.

Esta empresa de elaboración de embutidos naceu hai 25 anos na montaña lucense coa tradición por bandeira. Trátase dunha homenaxe ás matanzas que facía dona Carme, a avoa de Rubén. Ese foi o xerme deste proxecto de industria cárnica que empezou cun grupo de amigos. «Ten moito de morriña, fillos que botaban de menos eses chourizos tan ben feitos», recordou. «Pola súa altura, A Fonsagrada é unha zona privilexiada porque se dan unhas baixas temperaturas que permiten que elaboremos uns produtos da máxima calidade», engadiu Fernández.

Á hora de rememorar os principios da empresa, Fernández confesou que un dos procesos máis complicados foi o tema burocrático. Casa Castelao atópase en pleno Camiño e, ademais dos trámites necesarios para calquera empresa, sumábase o permiso de Patrimonio, o de Sanidade, etcétera. Non foron os únicos atrancos. «No tema cárnico en concreto, salvo proxectos de grandes industrias, parten dunha carnicería ou dunha empresa que se vai facendo más grande. Nós só partíamos duns produtos marabillosos que facía miña avoa na casa». Así, considera que tiñan «moita ilusión», pero non existía experiencia formativa nin profesional.

Esa «base tan romántica» é a que tamén pon a diferenza respecto á competencia. «Casa Castelao é unha clara aposta polas cousas ben feitas e somos fieis ao noso ADN dende o principio: só traballamos con carnes frescas». Coa calidade como valor diferencial, as súas gamas de porco celta e ecolóxico engaden valor aos produtos que venden.

 

A outra cara da moeda

«Todos os pequenos beneficios que tiñamos volviámolos investir no negocio», engadiu o conselleiro delegado. Esa foi outra das claves da expansión de Casa Castelao. Pero ao longo destes anos tamén pasaron por momentos complicados. «O meu principal consello —dixo referíndose aos alumnos— é que non teñades medo a equivocarvos: formádevos e arriscade. Eu mesmo chorei no 2018, e non me dá vergoña dicilo, diante de dous clientes, porque pensei que tiñamos que pechar». A raíz do problema foi a crise da peste porcina africana, que tamén afectou a produtores españois e europeos.

Unha vez superada, Fernández falou da situación actual da empresa. Contan cun catálogo de 35 referencias diferentes. «O botelo, tan tradicional nesta zona, agora chega a moitos lugares», comentou orgulloso. Tamén salgaduras como o lacón ou o touciño, xamón ou chourizo. Produtos que chegan a moitos lugares de Galicia, pero tamén a Suíza, Alemaña, Portugal, Inglaterra e incluso República Dominicana. «E a nosa idea a corto e medio prazo é facer un mercado maior en canto a exportación», avanzou.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies