C. Martínez

Os viños de Galicia encóntranse entre os máis recoñecidos de España. Pero que factores teñen que darse para que sexa posible facer un bo viño? Que importancia ten o solo onde se plantan os viñedos? «As características que imos atopar nun viño son o resultado de moitos condicionantes. Son moi importantes o clima, a variedade de uva, o modo de levar a cabo a viticultura e o método de elaboración. Pero ao solo dáselle cada día máis peso e incluso hai restaurantes que presentan a carta de viños en función do solo», explica Celso Penche, enxeñeiro de minas e conselleiro sénior de Cobres San Rafael.

O solo ten a súa orixe nas rochas orixinais que estaban no seu lugar, pero que sufriron transformacións polo paso do tempo. «A erosión, a meteorización, as prácticas agrícolas e actividade natural dos seres orgánicos alí situados fan que estea en continua actividade e mutación», explica. Segundo di Penche, os solos máis ricos dedicáronse preferentemente á produción agrícola, deixando os menos produtivos para as viñas: «Aínda que poida parecer unha desvantaxe que acabaría prexudicando ao viñedo, sábese que un exceso de produción de uva ten como consecuencia un viño de peor calidade».

Non obstante, o experto recalca que «non todos os que se dedican a isto se poñen de acordo en canto a que tipo de solo é mellor e que características proporciona ao viño. Aquí non existen as verdades absolutas». Todos os materiais onde están situados os viñedos de Galicia pertencen ao chamado macizo Ibérico. «Unha parte pertence á zona de Galicia-Tras os Montes, onde están situadas as denominacións de orixe de Rías Baixas, Ribeiro, Monterrei e unha parte da Ribeira Sacra, mentres que a outra pertence á zona Centroibérica, onde están situados as da Ribeira Sacra e Valdeorras», amplía.

E preguntaraste: qué tipo de rochas compoñen estes solos? «Fórmanse como consecuencia das rochas ígneas, metamórficas e sedimentos recentes que o compoñen. Os solos que temos son, polo tanto, resultado da erosión (moi diferente nunhas partes e outras) de lousas e granitos, así como da presenza de rochas como os xistos», responde. Ademais, Penche remarca que o éxito do noso viño tamén é froito «do esforzo, sacrificio e dedicación continua dos viticultores e enólogos que aspiran a estar na cima dos mellores do mundo».

Información elaborada en colaboración coa Cámara Mineira de Galicia.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies