CRISTINA PORTEIRO
O 13 de novembro do 2002 saltaron as alarmas: un buque monocasco (sen reforzo de seguridade) que transportaba 77.000 toneladas de fuel —imaxina máis de 3.000 camións grandes de gasolina cheos dun combustible tan sucio que xa se usaba pouco daquela— sufría unha avaría a 57 quilómetros de Fisterra a causa do temporal. Ninguén sabía nesas primeiras horas que seis días despois ese barco afundiría, provocando a maior catástrofe ambiental de España. No amencer do 19 de novembro, o Prestige afundía a 250 quilómetros da costa. O mar tornouse negro.

Prema para ver o percorrido do Prestige segundo contou La voz

Os primeiros sinais de perigo chegaron cando o barco derramara parte do combustible no mar. A empresa que remolcaba o buque a terra recibiu orde das autoridades españolas de afastalo a mar aberto. Mais esta decisión deixou o petroleiro á mercé do mar, que seguía embravecido. O 14 de novembro, cando se atopaba á altura do cabo Touriñán, o Prestige daba un golpe de temón e comezaba unha travesía a ningures que rematou co casco partido en dous. A nave afundiu.

Pechar as fendeduras
A dúbida da xente era que ía ser da carga de fuel. O que nese momento era o segundo do Goberno, Mariano Rajoy (quen despois foi presidente), admitiu a existencia dunhas 16 fendeduras —tardaron nove meses en pechalas— por onde vertían cada día 126 toneladas de fuel (cinco camións que transportan gasolina) coma «pequeños hilitos de plastilina», o que foi unha das frases máis coñecidas da crise. Esas verteduras comezaron a chegar á costa galega e destruíron praias enteiras. As enormes manchas, empuxadas polo vento e as correntes, chegan a terra en forma da chamada marea negra, porque a superficie do mar está desa cor. Ao mesturarse coa area, as pedras e as algas, forman unha masa sólida chamada chapapote. Ese chapapote asolagou toda a costa atlántica galega, aínda que a forza das correntes mariñas conduciu unha gran parte á costa cantábrica, chegando a Francia. Ante a falta de medios oficiais, a xente botouse ao mar para comezar unha loita desigual. Os mariñeiros sacaban o chapapote coas súas mans. En terra, as mariscadoras e milleiros de voluntarios vían como a cada marea os areais se tinguían unha e outra vez de negro.

A indignación social e o posterior xuízo motivaron cambios trala traxedia. Ata agora, 18 anos despois, Galicia non tivo que lamentar outra catástrofe como a do Prestige. Pero podería repetirse?

JOSÉ MANUEL CASAL

Adeus a Man

O HOME QUE MORREU DE PENA

Manfred Gnädinger, Man, chegara a Camelle en 1962. Ficara a vivir alí, á beira do mar, namorado da natureza na que se inspirou para crear esculturas. Morreu 45 días despois da vertedura, que arrasou co seu museo e a praia que tanto quería. Por iso moitos pensan que morreu de pena.

 

IMPACTO AMBIENTAL

Aves asfixiadas, cetáceos varados e contaminación do plancto

O parque nacional das Illas Atlánticas (Ons, Sálvora e Cíes) quedou gravemente contaminado. Calculouse que morreran entre 150.000 e 250.000 aves polo chapapote (o fuel é moi pesado e pegañento e as aves que o tocaban non podían nadar nin voar). Despois do afundimento multiplicáronse os varadoiros de golfiños, focas, londras e tartarugas. Aínda que a xente tentou reanimar aos rescatados, poucos animais saíron adiante. Os científicos calcularon que o impacto do Prestige no ecosistema mariño perduraría entre dez e doce anos, con efectos tóxicos sobre o plancto, alimento de moitas especies mariñas.

 

IMPACTO ECONÓMICO

Tiveron que deixar de traballar 6.800 familias mariñeiras

A marea negra tivo efectos desastrosos na biodiversidade, pero tamén na economía das comunidades costeiras galegas dependentes da pesca. Os mariñeiros (6.000) e as mariscadoras (800) non puideron saír a traballar. O fuel arrasou cos peixes e afogou os moluscos nas praias. Moitas familias quedaron sen ingresos e co medo a ter que colgar os aparellos por moito tempo, xa que había que rexenerar a costa antes de autorizar a actividade pesqueira.

O Goberno aprobou o Plan Galicia, un programa para investir 12.495 millóns de euros cos que impulsar a recuperación. Estendéronse moitas subvencións aos afectados polo parón pesqueiro, unha medida controvertida porque foi en época de eleccións municipais. O do Prestige foi o terceiro accidente máis custoso da historia.

OS VOLUNTARIOS

Unha marea de solidariedade

A marea negra do Prestige deixou imaxes terribles na memoria da xente, pero tamén nos brindou unha das historias máis fermosas de solidariedade. Protagonizárona os 300.000 voluntarios que viñeron a Galicia para axudar nas labores de limpeza aos mariñeiros a ás mariscadoras. Algo nunca visto. Acudiron de todas partes de España e do estranxeiro. Unha enorme marea branca de mulleres e homes que, impotentes ante a magnitude da traxedia, a ineficacia das medidas oficiais e a falta de medios, decidiron coller cubos e pas e poñerse a retirar o chapapote. Traballaron sen descanso. Despois de pasar días enteiros agochados e derreados polo esforzo, algúns sufriron problemas respiratorios, mareos e vómitos de respirar gases tóxicos (imaxina o cheiro dunha gasolineira). Para evitar estas doenzas formáronse grupos de substitución, quendas de traballo. Os ánimos comezaron a esmorecer a medida que as correntes mariñas volvían unha e outra vez a tinguir os areais de negro.
Moitos veciños da costa, conmovidos, non dubidaron en repartir comida e bebida quente e en ofrecer acubillo. Como m

JOSÉ MANUEL CASAL

ostra de agradecemento, algúns pobos levantaron esculturas ou fixeron homenaxes aos voluntarios. En Muxía, o centro da catástrofe, abriron un museo para recordar o paso das 67.000 persoas que axudaron.

A marea branca foi vital para mitigar o dano ambiental en Galicia. Tamén tivo un papel moi importante á hora de protexer os recursos. As tarefas de retirada diaria evitaron a solidificación do fuel e a asfixia de moitos bancos de marisco e poboacións de polbo. Pero tamén tiveron un peso crucial por ter axudado a concienciar á xente sobre a importancia de protexer a natureza e de facelo como sociedade.

Seguramente tes algún amigo, familiar ou coñecido que fixo labores de voluntario, limpando bosques e praias ou axudando a apagar lumes. Que poderías facer ti para mellorar a contorna?

MEMORIA

Documentais e novelas gráficas para non esquecer

Seguramente oíches falar algunha vez do Prestige aos teus pais ou profesores, pero non tes recordos do acontecido. É normal. Pasaron xa 18 anos! Sempre podes botar man da hemeroteca, non só da do xornal, para saber máis sobre o tema. A novela gráfica de Carlos Portela e Sergi San Julián A conta atrás reconstrúe os feitos con personaxes ficticios. Tamén se publicaron multitude de documentais con testemuñas de mariñeiros afectados, voluntarios e responsables políticos. Un exemplo é Marea blanca, dirixido por Isabel Coixet.

 

CAMBIOS NA LEI

A prohibición dos buques monocasco

Os vellos monocasco son máis perigosos que os modernos barcos que se empregan para transportar petróleo. A crise do Prestige motivou un cambio na lexislación europea para prohibir a circulación destas naves de máis de 23 anos preto da costa, unha práctica que xa estaba prohibida en Francia, pero non en España. Tamén estableceu un calendario para a súa retirada gradual, que debería terse feito no 2010, pero hai oenegués que sosteñen que algúns destes buques seguiron a circular preto da costa.

PREMA AQUÍ PARA VER AS ACTIVIDADES PARA FACER NA CLASE

ENTENDER 

Os desastres medioambientais esixen cambios

Sabías que Galicia xa sufrira outros desastres ambientais antes do Prestige? O Polycomander (1790), o Urquiola (1976), o Andrios Patria (1978) ou o Mar Exeo (1992) tamén provocaron mareas negras. Por iso os galegos esixiron un cambio no modelo de navegación dos buques con cargas tóxicas. Dende hai 18 anos, tan só hai constancia dun incidente: o do buque Blue Star (2019) na ría de Ares. Afortunadamente non houbo verteduras.

Podería haber outro Prestige? Cada ano circulan á altura das nosas costas milleiros de buques con substancias perigosas. A Xunta asegura que hai máis medios e barreiras anticontaminación, pero algúns activistas, expertos e políticos reclaman un protocolo para saber que facer se acontece de novo.

Unha proposta que se pensou foi establecer os chamados portos seguros como refuxio para levar o barco, extraer o fuel e evitar a propagación pola costa, pero a medida non prosperou polo custo político para os gobernantes da zona de acollida.

PROFUNDIZAR

A xestión política foi moi criticada, e froito da mobilización social naceu o Nunca Máis

A xestión da crise por parte dos Gobernos central e autonómico (ambos do PP, daquela) foi moi criticada dende o inicio. Tanto a decisión de afastar e «pasear» o petroleiro pola costa como a lenta reacción para poñer medios de contención e limpeza foron moi discutidas polos cidadáns e os expertos. Cando o fuel comezou a anegar as praias, moitos dos responsables políticos quitaron importancia á traxedia, asegurando que non había marea negra. Os medios de comunicación tamén enfrontaron trabas para poder informar.

Ao menos 12.000 pescadores da Coordinadora de Cofradías Dañadas por el Prestige anunciaron accións legais. Para evitar os xulgados, o Goberno ofreceu axudas urxentes a quen renunciase a acudir á Xustiza. A medida foi vista como unha manobra para silenciar aos afectados.

Froito da indignación social, xurdiu a plataforma Nunca Máis, un movemento de xente anónima, portavoces do sector da pesca, políticos da oposición e profesionais da cultura que mobilizou a miles de persoas en toda España para esixir dimisións políticas —que non houbo— e cambios lexislativos co fin de protexer a costa galega, tan castigada nos últimos 70 anos. En xaneiro do 2003 denunciaron aos propietarios do buque, ao capitán e ás autoridades españolas por delitos ambientais.

Que foi do xuízo? O Tribunal Supremo condenou no 2016 ao capitán do barco (Apostolos Mangouras) a dous anos de cárcere por delito ambiental e á propietaria do Prestige e á súa aseguradora ao pago de 1.500 millóns de euros. Estas obrigaron a España a acudir a un arbitraxe en Londres e o caso a aínda non se pechou.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies