MARÍA BALLESTEROS
Ser bo non está de moda. Lévase máis ser guapo, intelixente ou arrichado. Está mellor visto até ser un pouco pillabán. Pero que non vos enganen: a bondade é un superpoder, un superpoder que ten máis vantaxes que os dos superheroes e ningún dos seus inconvenientes: non hai que agocharse, non hai que baterse con superviláns, non hai que salvar á humanidade… nin cousas así.
As vantaxes comezan polo máis sinxelo: que ben se durme polas noites! Cando sacas a bondade a pasear e te comportas ben cos outros, non hai mala conciencia nin remorso que che quiten o sono e que che fagan estar matina que matina: fixen así, fixen asado, por que si, por que non… A cabeciña está moi tranquila.
Outra vantaxe importante: nunca te equivocas. Cando te portas ben cos demais, sabes que acertaches. Sempre. Se cadra alguén vai dicir: E se non cho agradece? E se te mira mal ou rise de ti? (Pasa ás veces cos irmáns, por exemplo, cando se poñen rabudos) Aínda así, acertaches igual. Quen se equivoca, sen ningunha dúbida, é ese outro, non ti.
Por iso mesmo non te arrepintes. Podes facelo se decides saír a rúa con paraugas ou non, se pos un xersei azul en lugar dun vermello que combina mellor, se elixes hamburguesa en lugar de tortilla de pataca… De ser boa xente non: é unha aposta segura.
Outro punto a favor? É moi fácil de usar. A bondade non necesita instrucións complexas nin grandes cálculos, e se tes dúbidas sobre como actuar, aplica unha norma moi sinxela: trata aos demais como che gustaría que te tratasen a ti. Aí non hai fallo.
Hai tamén unha razón matemática ou epidemiolóxica, non sei ben: a bondade ten un efecto multiplicador e contaxioso. A maioría de nós acostumamos a apreciar, respectar e ser máis considerados con quen é bo con nós. É como unha cadea: cantos máis elos amables vanse sumando máis longa e forte se volve. Se aínda non o comprobastes ou non vos parastes a pensalo, facede o experimento. Probade, probade: cos compañeiros, cos profes, coa condutora do bus, co rapaz novo do edificio… Probade hoxe. Agora. Xa.
Tamén funciona nos negocios
E aínda que a bondade que conmemoramos esta semana ten beneficios abondo como para pensar noutros materiais ou económicos, hei dicir que tamén hai gurús dos negocios que pensan que é un bo ingrediente para os emprendedores. Guy Kawasaki, que fixo moreas de millóns coas súas empresas, dío moi clariño: «Paga por adiantado». Ou sexa, fai cousas polos demais de xeito indiscriminado e vai acumulando puntos no teu marcador positivo. Non é mala idea: se cadra, acábanche vindo de volta.
OS OUTROS DÍAS…
Librarías
Que lugares! Hai que celebralas e visitalas cando se teña ocasión porque, máis que espazos comerciais, son lugares de encontros e descubertas, de recomendacións, de conversas, de sorpresas, de paixóns compartidas, de admirar e tocar as capas, de cheirar o papel acabado de saír do prelo, de deixarse conquistar por un título suxestivo ou un autor favorito… E, sen dúbida, son o mellor lugar para mercar libros.
Contra o fascismo…
…e o antisemitismo. Nestes tempos nos que en Europa a ultradereita non só crece, senón que se está a volver peza clave en máis dun goberno (Italia ou Suecia son os casos máis recentes) convén falar de que pensan os seus promotores, en quen se inspiran, onde teñen as súas raíces… e que pensamos nós de todo iso. Por que non o debatedes?
Ciencia para a paz
É a súa semana. Desde o ano 1986 dedícaselle unha semana completa a difundir os vínculos entre a investigación tecnolóxica e a paz. Boa falta nos fai!