MARÍA BALLESTEROS
Voar é un dos verbos máis motivadores e poderosos do dicionario. É un impulso físico —un chimpo e arriba!—, pero tamén espiritual: unha chamada a superar límites, a soñar sen barreiras, a tentar facer posible o imposible, a desafiar a quen nos quere dóciles, medorentos e apegados ao chan; a ser, ao fin e ao cabo, libres.

Sendo un verbo tan humano, a natureza sempre nos negou a capacidade de voar por nós mesmos, o que, se cadra, foi o verdadeiro acicate para mirar ao ceo e ambicionar o poder dun modesto pardal, aínda a risco de perder a vida, que foi a moeda coa que moitos pagaron o seu soño.

A historia máis famosa e poética dese soño é a de Ícaro. Conta a mitoloxía clásica, que o seu pai, Dédalo, que era un milmañas, ideou unhas ás para poder fuxir co seu fillo dun labirinto na illa de Creta onde os tiña presos un rei chamado Minos. Como o rei controlaba o acceso por mar e por terra non había fuxida, Dédalo resolveu facelo polo ar. Con plumas de diferentes tamaños, fío e cera, construíu cadanseu par de ás, e alá foron pai e fillo sobrevoando o mar. O problema foi que, malia as advertencias do pai, Ícaro voou alto demais, o calor do sol derreteu a cera das súas ás e o rapaz acabou caendo ao mar.

Quen mellor contou este mito e moitos outros foi o poeta romano Ovidio, o que se cadra coñecedes se estudades en clase de Latín. As súas historias mitolóxicas están nun libro que se chama Metamorfoses, onde podedes descubrir tamén por que a coroa de loureiro simboliza o trunfo nas competicións ou de onde ven iso do narcisismo. E, se queredes ver como imaxinaron algúns pintores a caída de Ícaro, visitade, por exemplo, a web do Museo do Prado, a ver que vos parece.

Na historia de Ícaro hai tamén un aviso do ceo aos ousados: non queiras chegar alto demais, pobre humano, non queiras desafiar os límites, non queiras ser como os deuses… Outro acicate máis para tentalo, en definitiva.

Moitos víronse aguilloados polo reto e quizais a máis afouta nesa dobre dimensión do voar —facelo fisicamente e exercitar con paixón a liberdade de elixir o propio camiño— foi a aviadora estadounidense Amelia Earhart, unha celebridade polas súas marcas de voo e unha grande impulsora da aviación entre as mulleres. Ela sabía cal era o seu papel no mundo. «A vida é algo máis que ser pasaxeira», dixo, e esa idea levouna a tomar os mandos do seu destino e a perseguir o seus soños ata as últimas consecuencias: o seu avión desapareceu no océano Pacífico o 2 de xullo de 1937 cando Amelia tentaba ser a primeira persoa en dar a volta ao mundo seguindo a liña do Ecuador. Tiña 39 anos e deixouse a vida abrindo camiños no ceo.

 

OS OUTROS DÍAS DE..

AS MONTAÑAS

Espazos de mulleres. Sen alardes, con resignación moitas veces e cunhas forzas que case ninguén supoñía que tiñan, as mulleres moveron montañas en todas as épocas da historia, en sentido literal e figurado. A ONU elixiu este ano ese lema («As mulleres moven montañas») para celebrar todos eses teitos do mundo nos que elas son, en moitos casos, o soporte e o motor das economías e das comunidades locais. As montañas son tamén, xa que estamos, espazos para soñar e voar. Cal é a vosa favorita?

O SOLO

Do chan si se come. Unha parte fundamental da nosa dieta —nada menos que o 95 %— ven xustamente do chan, onde se mesturan organismos, minerais e materia orgánica que fornecen de alimentos a humanos e animais. De coidalo depende a nosa saúde e a do planeta, pero, segundo os expertos, nos últimos setenta anos as vitaminas e os nutrientes dos alimentos reducíronse de maneira alarmante pola degradación do chan. É un asunto que paga a pena investigar.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies