M. Varela
Aínda queda tempo para apuntarse no concurso que fai dos estudantes de secundaria auténticos reporteiros: Xornalismo na Escola. Organizado por La Voz de Galicia e a empresa de enerxías renovables Norvento, este certame pretende que os alumnos comprendan a dificultade que ten contar novas de xeito rigoroso, e así estaren máis protexidos das novas falsas que circulan pola Rede.
O concurso está pensado para os profesores, xa que eles son quen teñen que anotarse, elixen con cantos rapaces queren traballar e ata poden decidir o tema. Poden contar coa colaboración doutros docentes, de feito iso é moi habitual.
Para anotarse, só teñen que enviar antes do día 22, cando cheguen as vacacións de Nadal, un correo electrónico á dirección do concurso (periodismoenlaescuela@prensaescuela.es) indicando o seu nome, centro, materia que imparte e curso que participará. Pode elixir calquera temática, aínda que se lle interesan as enerxías renovables (por exemplo, a súa importancia para Galicia, como poden fixar poboación no medio rural, as novas tendencias de autoconsumo ou as microrredes de almacenamento, entre outras cousas) pode optar a un premio propio, o de Norvento.
A publicación das reportaxes será na web de Prensa-Escuela (prensaescuela.es) e nestas páxinas falarán os profesores explicando como fixeron o traballo.
Un xurado analizará as reportaxes e decidirá quen gaña, aínda que tamén haberá un premio á noticia con máis votos do público na Rede.
As publicacións comezarán o 26 de xaneiro, á volta das vacacións, pero, antes de chegar a ver o traballo rematado, os docentes contarán con toda a axuda que precisen, dende efemérides que lles sirvan de inspiración a visitas de xornalistas ou para atopar as persoas máis expertas en cada materia.
Para anotarse hai que mandar un correo a periodismoenlaescuela@prensaescuela.es antes do día 22.
OS PREMIOS
- Galicia. Á mellor reportaxe segundo decida un xurado. O traballo publicarase nas páxinas xerais de La Voz, cunha audiencia potencial de 320.000 persoas, e haberá tamén unha entrevista ao profesor responsable. Este recibirá como agasallo un patinete eléctrico e os rapaces irán a un parque temático da comunidade.
- Norvento. Será para a mellor reportaxe sobre enerxías renovables. O traballo sairá nas páxinas xerais de La Voz e os alumnos poderán coñecer o Centro de Innovación Norvento Enerxía (CIne) e tamén irán a un parque temático en Galicia. O docente recibirá unha bicicleta eléctrica.
- Provinciais. Nesta categoría premiarase unha reportaxe por provincia que sairá publicada nas edicións desa área concreta.
- Votación. A reportaxe con máis votos na web suporá unha viaxe a un parque temático de Galicia para os alumnos e un patinete eléctrico para o docente.