ÁLEX MARTÍN
Estudando a carreira, o dereito facía comprensible moita da realidade que liamos nos xornais ou escoitabamos na radio ou na televisión. Os últimos dous anos da carreira coincidiron cun tempo de moito rebumbio no mundo da política e do goberno, e falábase todo o día de xuízos contra xente moi importante e coñecida.
Todo iso entón era novidade. Algunhas daquelas persoas acabaron condenadas e na cadea. Tamén as houbo que directamente fuxiron do país precisamente para evitalo. Houbo xuíces que se fixeron moi populares e durante tres ou catro anos case que toda a vida pública xirou arredor dun tribunal que ten a súa sede en Madrid e que é chamado Audiencia Nacional.
O dereito constitucional ensinábache o noso sistema político, así que cando na televisión aparecía o Congreso dos Deputados ou o Parlamento galego —que era practicamente todos os días— e escoitaba falar de proposicións de lei, de proxectos de lei, de decretos, de emendas ou de mocións, estaba tan ao corrente que era coma se o parlamentario fora eu.
Delitos dos que fala a xente
O dereito penal achegábame ao tipo de delitos dos que todo o mundo falaba, relacionados cos abusos de poder con que aquela xente exercera os seus cargos no Goberno do Estado ou en grandes empresas.
E grazas ao dereito procesual, que trata das leis que regulan o chamado Poder Xudicial, dos tribunais e xulgados que existen e dos procedementos que a Xustiza segue en cada caso, era quen de coñecer as razóns polas cales a Audiencia Nacional era ben máis coñecida que a mascota dos xogos olímpicos de Barcelona, que non había tanto que se celebraran. Na Audiencia Nacional seguíanse, hoxe tamén, os procesos por terrorismo, narcotráfico a grande escala e tamén por grandes estafas e fraudes económicos. Os demais delitos xúlganse no lugar no que suceden, nuns casos por xulgados chamados do penal e noutros por un tribunal que leva o nome de audiencia provincial.
Por iso, cando no meu último curso a facultade organizou unha viaxe a Madrid para coñecer por dentro aquel tribunal tan famoso, eu fun dos primeiros en anotarse. A Audiencia Nacional resultou un lugar inhóspito e moi pouco nobre no que aínda sentías de fondo o son de máquinas de escribir. O día da nosa visita asistimos de público a un xuízo que se celebraba contra un grupo acusado de seren unha banda de narcotraficantes. Escoitamos gravacións de teléfonos pinchados. Algúns avogados achegáronse canda nós nun descanso da sesión. Dun deses avogados escoitei a primeira lección de práctica xurídica: por máis culpable que pareza o acusado, e aqueles todos parecíano, pode que sexa inocente. Por iso é tan importante o dereito á defensa.