S. Pérez
Adiviña adiviñanza: que hai na Terra que cobre máis do 70 % da súa superficie? O océano! As correntes oceánicas rexen as condicións meteorolóxicas do mundo, das que depende a nosa supervivencia directamente. É, tamén, o principal pulmón do planeta, xa que é o responsable de producir a maior parte do osíxeno. Todo isto parece o suficientemente importante como para ter o seu propio día mundial, non? Iso é: este sábado, 8 de xuño, celébrase o Día Mundial dos Océanos, unha data elixida pola Organización das Nacións Unidas para subliñar a súa función clave na Terra, pero tamén para advertir de que está en perigo.

O obxectivo da xornada é, pois, incidir na necesidade de protexer os ecosistemas mariños e crear conciencia de como están modificándose estas correntes oceánicas polo cambio climático. E é que hai ameazas, como a contaminación por residuos, unha das máis visibles, cuxas consecuencias son a chegada ao mar de oito millóns de toneladas de plástico ao ano. Segundo afirmaba National Geographic, iso equivalería a 800 veces o peso da torre Eiffel!

Para atallar este primeiro problema, moitas son as iniciativas de recollida de lixo nas praias. Algunha vez participastes nalgunha? Igual vos coincidiu unha saída do colexio ou acompañando os vosos pais… Porque en Galicia estamos rodeados de auga e de praias! E é que a costa galega se estende ao longo de case mil cincocentos quilómetros. Un dos últimos exemplos desta colaboración cidadá foi coa chegada de granulados as praias galegas, onde miles de persoas se mobilizaron para limpar os areais e tentar reverter as consecuencias.

Por certo, como ides de xeografía? Poderiades enumerar en que seccións se divide o océano? A ver… Pacífico, Índico, Atlántico e Ártico!

É a principal fonte de vida de todo o que existe e se move na Terra. Pero o ser humano, co paso do tempo… non se portou moi ben con el. Cada ano son miles as especies de plantas e animais que se extinguen debido á gran cantidade de lixo e contaminación que chega aos nosos mares. Tampouco podemos esquecernos de que nos dá de comer.

Para facer fronte a isto, os Gobernos puxeron en marcha estratexias para mellorar a saúde dos ecosistemas mariños, aínda que os expertos xa din que o dano é irreparable. Está o Acordo de París, asinado no 2015, que ten como obxectivo limitar o quecemento global por baixo de dous graos; ou os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, propostos pola ONU, e que centran un dos seus puntos na vida submarina. A primeira meta é a do 2025, que pretende reducir de xeito significativo a contaminación mariña de todo tipo, en particular a producida polas actividades da terra.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies