Cristóbal Ramírez
Entre os camiños que conducen a Santiago está o Portugués. O seu nome xa o di todo: arranca do país veciño do sur e por el viñeron sempre, sobre todo, e con poucas excepcións, peregrinos portugueses.
O impulso que nos últimos anos colleu o aeroporto de Porto foi diversificando a orixe dos peregrinos, e hai que destacar o elevado número de alemáns. En todo caso, o Camiño Portugués é o segundo máis frecuentado, despois do Francés e a moita distancia dos outros.
En Portugal, deseñáronse numerosos ramais que van confluír na cidade de Valença, e acto seguido cruzábase o río Miño en barcas. Dende hai un centenar longo de anos, o paso da corrente levouse a cabo por unha ponte de ferro que é unha auténtica obra de enxeñaría. Ten dous niveis: polo superior circula o tren e polo inferior, os coches e os peregrinos.
Xoga con Roi e gaña un premio pensado para ti
En Tui espera a única catedral que abre as súas portas no Camiño Portugués até chegar a Compostela. Situada no alto dun cerro, ten aspecto de fortaleza, e é que nos tempos en que se construíu nunha man había que ter o crucifixo e noutra a espada. Destaca no seu interior a capela de San Telmo, e raro é o peregrino que non aproveita para subir aos seus tellados, dende onde a vista é sinxelamente espectacular. A seguinte localidade é O Porriño. E de aí, a Mos, onde un pazo chamará a atención do peregrino. Subida e baixada, cun miliario romano no medio, permiten alcanzar unha localidade famosa polos seus chocos: Redondela.
Ao anterior hai que sumar unha desviación recente: crúzase o Miño á altura de Caminha (Portugal) até A Guarda e márchase até Baiona e Vigo para confluír co anterior precisamente en Redondela. A primeira parte (da Guarda a Baiona) carece de historia, pero a cambio ofrece unhas vistas magníficas sobre o océano Atlántico. O nome desta desviación é Camiño Portugués pola Costa. Arcade ocupa o final da ría de Vigo. E presume dunha ponte das mellores de Galicia: Ponte Sampaio, onde na guerra de Independencia foron derrotados os franceses. E nova subida e nova baixada para chegar a Pontevedra, unha cidade cun casco histórico premiado internacionalmente, e con xustiza. Porque a súa conservación é excelente.
A partir de aí o terreo é chan, na medida en que esta palabra pode usarse en Galicia. O Camiño Portugués segue a vía romana XIX e así alcanza percorre zonas rurais moi tranquilas. E chegamos a Caldas de Reis (vila coñecida, entre outras cousas por iso mesmo, polas súas augas, que saen das entrañas da terra a elevada temperatura), San Miguel de Valga, Pontecesures e Padrón.
É dicir, o peregrino cruzou o río Ulla para chegar a esta última localidade, tan emblemática no mundo xacobeo. E é que a lenda di que aquí atracou a barca de pedra que trouxo o corpo sen vida do apóstolo Santiago, decapitado en Terra Santa alá polo ano 44. Son varios os viaxeiros que aseguran tela visto. E o que si se pode ver e admirar hoxe en día é a pedra onde os discípulos do Apóstolo ataron esa barca, aquela coñecida co nome de Pedrón: está situada baixo o altar maior da igrexa de Santiago, a cal, á súa vez, está situada no centro da vila, ao final do paseo do Espolón.
Por certo, que nos extremos do Espolón colocáronse dous monumentos: un á poetisa Rosalía de Castro —que faleceu neste municipio— e outro a Camilo José Cela —que naceu nel—. Con seguridade, o peregrino vai deterse moi pouco despois. Porque a igrexa de Iria Flavia, o auténtico núcleo do poder político e relixioso de Galicia durante a Alta Idade Media, chamará a súa atención. A colección de sepulcros ao aire libre é, sinxelamente, única. Como únicos son os dous seguintes templos: a Escravitude e o románico de Cruces.
A partir de aí xa se pode intuír a chegada á cidade de Santiago. Pero o peregrino non debe correr, porque reclama uns minutos un dos cruceiros máis antigos de Galicia: o situado á entrada da carballeira de Francos, no municipio de Teo. Unha vez nas zonas próximas á cidade, preséntanse dúas alternativas ben sinalizadas: unha anima a ir por unha zona nova e chegar canto antes. Mentres que a segunda dá un pequeno rodeo, pero pasa ante o mosteiro de Conxo e, polo tanto, zumega unha historia da que carece a outra. A elección debe tomala cada quen.
Un pouco de historia: A loita contra os piratas
Os barcos que traían a Galicia peregrinos dende Inglaterra cargaban nas súas bodegas produtos coma ferramentas e teas, que logo vendían ao chegar a Galicia. E regresaban, sobre todo, con viño. A medida que foi pasando o tempo, os capitáns deses barcos xa non podían deixar subir a bordo a quen lles dera a gana, senón que necesitaron estar en posesión dun permiso do rei do seu país para embarcar a eses peregrinos.
Iso si, non podían levar o que quixeran. Eses permisos reais —o máis antigo data do ano 1394 e eran bautizados como licencias— dicían: «Non levarán nin farán que sexa transportada, de ningún xeito, ningunha cousa que sexa prexudicial para nós ou para o noso reino de Inglaterra, nin ouro, nin prata en moedas, máis aló dos gastos razoables. E se coñece algún segredo do noso reino non o revelará a ninguén estranxeiro».
Cantos peregrinos ían en cada barco? Variaban. Os datos que temos é que a licenza máis pequena que coñecemos era para transportar a trinta e a máis grande, a douscentos. O curioso, e non se sabe moito diso, é que algúns deses barcos dedicábanse á piratería. Ao mesmo tempo, en ocasións aqueles que ían a Santiago víanse abordados por piratas da súa mesma nacionalidade ou de terras situadas preto. Por exemplo, en 1456, exactamente o 15 de xullo, uns mariñeiros de Bretaña (unha rexión de Francia) atacaron un barco de peregrinos ingleses, o Juliana, que se atopaba nas augas da Coruña. Roubaron todo o que atoparon. O curioso é que o capitán do Juliana era John Barlett, quen tamén fora capitán doutra embarcación chamada Catherine. E neses tempos fora un pirata que se dedicaba a abordar outros navíos e a roubar todo o que vía.
Así que o perigo, dun xeito ou doutro, sempre existía. E aínda que as relacións entre peregrinos e mariñeiros, por un lado, e habitantes da Coruña por outro sempre foron boas, nalgunha ocasión houbo rozamentos. En 1440, a paciencia dos coruñeses esgotouse. A tripulación da Catalina vendía a baixo prezo as súas mercancías, o que provocaba a ruína dos comerciantes e das súas familias. Estes abordaron o barco, esixindo unha cantidade de diñeiro para deixalo marchar. A intervención dun cóengo da catedral de Santiago calmou os ánimos e o Catalina marchou sen pagar nada.
Estes son os anteriores capítulos do Xogo de Roi:
Capítulo 1 do Xogo de Roi: Cando se atoparon os restos do apóstolo?
Capítulo 2 do Xogo de Roi: A ruta pola que chegaron os ósos de Santiago
Capítulo 3 do Xogo de Roi: O Camiño máis coñecido e frecuentado
Capítulo 4 do Xogo de Roi: Un camiño para descubrir o norte