JESÚS GARRIDO

Existen días singulares da semana ou do mes que quedan aí encadrados, sen poder moverse, entre dúas datas importantes. Por exemplo, este humilde 7 de decembro que é hoxe, que dá paso, ponte e relevo entre o martes 6, dedicado á Constitución española, e o xoves 8, día da Inmaculada Concepción.

Ten sorte o número 7? Neste caso, máis que un apertón, é unha pura coincidencia. Pero, hai que recoñecelo, o número 7 ten merecida fama e, prescindindo deste caso, ten sorte e importancia en si mesmo. Xoguemos un pouco con este atrevido número, que nos serve hoxe de noticia.

• Por exemplo, o 7 é o dono e compás das sete notas musicais: dó, re, mi, fa, sol, la, si . Sóanche ben?

• As 7 cores do arco da vella: vermello, laranxa, amarelo, verde, ciano, turquesa, azul.

• As 7 preguntas ou pistas para entender a noticia: quen, que, onde, por que, como, cando, canto.

• Os 7 días da semana: luns, martes, mércores, xoves, venres, sábado, domingo.

• O Día Internacional da Aviación Civil (hoxe, o 7 de decembro).

• O Día Internacional do Algodón de Azucre.

Por suposto, todos os alumnos que cumpran 7 anos este día de decembro terano como favorito, xa que so sitúa entre eses dous acontecementos soados. E, naturalmente, todas as noticias que teñen título en La Voz de Galicia nesta data-ponte.

Actividades para o 7

Por suposto, o 7 conecta con distintas materias de estudo.

Actividade 1. Cal é a razón do predominio do 7 na historia? «A explicación máis comunmente aceptada do predominio do 7 no contexto relixioso é que os antigos vían sete planetas no ceo: o Sol, a Lúa, Venus, Mercurio, Marte, Xúpiter e Saturno», sinala Belos. Os babilonios foron un deses pobos que asociaron o número 7 cos corpos celestes. Indaga cales destes consideramos hoxe planetas. Busca tamén cantos planetas che faltan nesa listaxe. E, por último, que son os que non son planetas?

Actividade 2. Os nomes que lles damos aos días da semana en español ten a súa etimoloxía —é dicir, a súa orixe— na antiga Roma, segundo explica José Enrique Gargallo, profesor de Filoloxía Románica da Universidade de Barcelona: «Naquela época, ao redor de dous milenios atrás, os romanos adoptaron a tradición helénica [dos gregos] de nomear os días da semana segundo os principais astros e planetas que representaban as súas divindades. Estes corpos celestes eran: a Lúa, Marte, Mercurio, Xúpiter, Venus, Saturno e o Sol». Polo tanto, establecéronse este nomes para os 7 días da semana:

Lunae dies, en honra á Lúa, converteuse en galego en luns.

Marti dies, en honra ao deus da guerra, Marte, en galego é martes.

Mercurii dies, en honra ao deus do comercio, Mercurio, é o mércores. O nome do deus Mercurio viña do latín merx, mercis, que significa ‘mercancía’.

Iovis dies, en honra a Xúpiter, deus de deuses, deu en galego xoves.

Veneris dies, en honra a Venus, deusa do amor, converteuse en venres.

Saturni dies era o día en honra de Saturno, deus da agricultura, pero o noso sábado vén doutra lingua. Indagade de cal, e que significa.

Solis dies honraba o deus Sol, pero hoxe dicímoslle domingo. Buscade a orixe e significado desta palabra.

Actividade 3. Por certo, buscamos setes na túa clase?

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies