C. MARTÍNEZ

O programa De Cero a Cen, que achega exemplos de emprendemento a centros educativos de secundaria da man de La Voz e da Consellería de Educación, levou ao IES Lagoa de Antela, de Xinzo de Limia, a unha das fundadoras dun ecommerce de cosmética, Sofía Rodríguez. Como antiga alumna do centro, contou aos rapaces a súa formación: primeiro en empresas, dereito e relacións internacionais. Pero decidiu dedicarse a algo que lle enchera máis. «É difícil ter unha paixón dende pequena e estar moi seguro de que é iso o que queres. Non pasa nada por ir descubríndoo a medida que vas traballando», reflexionou.

Despois de que Rodríguez traballase en diferentes lugares, no 2011 nace theCosmethics en Allariz. Un nome que parte da unión das palabras cosmética e ética, en inglés. «Creo que conseguimos saír adiante porque estamos moi especializados no nicho do natural orgánico. Case dende o primeiro momento apostamos moi forte por el». Expresou que, naquel momento, en España aínda non se chegaba a comprender moi ben que era, pero que noutros lugares que visitara, como Singapur e Australia, si. Así explicou a súa filosofía: «Non intentamos utilizar as túas inseguridades para venderche máis produtos, todo o contrario. Intentamos indicarche que necesitas e que non. Iso acaba xerando certa fidelidade nos clientes».

 

Sofía Rodríguez no programa De Cero a Cen.

Unha marca propia

En theCosmethics ofrecen 1.500 referencias diferentes de marcas líderes e, dende o 2020, tamén contan cunha marca propia. «A xente sente que está utilizando moitos produtos, pero cre que non os suficientes. Por iso lanzamos unha liña que se chama Luísa, que pretende simplificar iso. Non fan falta vinte produtos para ter unha pel sa».

Hai uns anos contaban con establecementos físicos, pero no 2022 decidiron pechalos. «Na pandemia as marcas viron que era posible vender ben cosmética online, sen necesidade de ter unha tenda física. Incluso é máis fácil ca con outros artigos como a roupa». Ante a pregunta de como facelo, Rodríguez contestou que vendendo os produtos que o seu propio equipo proba en primeira persoa e recomenda. Ademais, describindo todo con detalle na páxina web: ingredientes, propiedades, usos e indicacións, etcétera. A principal diferenza con outras tendas virtuais é que ofrecen asesoramento de balde, sexa por chamada ou videochamada, para dar cos produtos máis adecuados para cada persoa. E engadiu que, aínda que se nos dá a entender que cantos máis cosméticos, mellor coidada está a pel, nos asesoramentos case sempre retiran algúns que non son necesarios para esa clienta. «A veces vendemos menos e incluso hai ocasións nas que non vendemos nada».

Está claro que a súa filosofía e modelo de negocio funcionan. A pesar do confinamento, theCosmethics tivo un gran crecemento durante a pandemia e está dando beneficios despois dunha ampliación de capital que xusto se levou a cabo no 2020.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies