C. MARTÍNEZ

Unha empresa con case un século de historia. O director de márketing de Bonilla a la Vista, Diego Armando García, visitou o IES de Sabón no marco do programa que La Voz desenvolve en colaboración coa Consellería de Educación: De Cero a Cen. O obxectivo é acercar aos rapaces casos de éxito de emprendemento.

En 1932 Salvador Bonilla abría a súa primeira churrería en Ferrol. «Non foi ata 1942 cando montaron outra na Coruña e, a partir de aí, xa si houbo ese interese en dar un paso máis», contou García aos alumnos. O seu fillo, César, tivo a idea de complementar o negocio coas patacas fritas cando era moi novo. «Dedicábanse de noite a fritilas e, pola mañá, el mesmo as repartía». Nas latas que todos coñecemos e montando nunha moto que aínda se conserva na fábrica actual.

Pero chegou a ditadura e esta vía de negocio truncouse. Interrompeuse a produción das patacas, e centrouse nos churros. Unha vez superada esta crise, «sempre foi un soño de César ter unha fábrica, e en 1982 colleu un pequeno local. Alí cociñábanas, embolsábanas e vendíanas, tanto el como a súa familia». A idea medrou ata que en 1988 abriu unha planta de produción no polígono de Sabón (Arteixo). «Agora mesmo hai persoal nesa fábrica que son fillos da xente que comezou a traballar alí. A xente que te acompaña nestes retos é moi importante», indicou García.

O que segue invariable é a receita. Patacas, sal e aceite de oliva. «Sempre será así, non temos ningún aditivo. Seleccionamos a mellor pataca dispoñible en función da época do ano. E ademais temos un tratamento co sal: se as probades, nunca vos vai quedar un grao nas mans. É unha maneira especial de salgar o produto, ao igual que o corte fino».

Existiron propostas, tanto para modificar o sabor das patacas ou os seus ingredientes como para a propia imaxe da marca. Non obstante, todas foron rexeitadas. «Son sinais de identidade que fan que ese respecto pola tradición sexa inalterable. Non cambiar é o que nos está facendo diferentes». A día de hoxe o prezo do aceite de oliva é moi superior ao de hai uns anos e polo tanto a marxe de beneficio, aínda que o prezo da bolsa subiu, é inferior. Pero non teñen en mente mudar. «Bonilla por unha bolsa de patacas gana menos cartos que hai anos porque quere seguir sendo competitiva no mercado», explicou o director de márketing.

Unha pataca de cine

A día de hoxe, esa receita orixinal chega a 25 países, e hai un moi especial, porque as patacas causan tanto furor que as tendas tiveron que racionar as vendas de bolsas a dúas por persoa: Corea do Sur. No 2016, unha distribuidora buscaba por Europa un aperitivo. «Chamoulle a atención a pataca frita e, de todas as españolas, quedou coa nosa». A gran sorpresa chegou no 2020, cando unha das súas latas acaba saíndo no filme Parásitos, óscar á mellor película. Foi unha alegría para a marca, e García afirmou que foron os mellores segundos de publicidade para Bonilla: preto de dez toneladas de patacas véndense ao ano no país asiático. «Houbo que ampliar nun 20 % o persoal da fábrica», remarcou.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies