OLGA SUÁREZ
Está demostrado que os hábitos que se adquiren dende idades temperás interiorízanse nas rutinas dos nenos e incorpóranse á súa vida cotiá de forma natural. Moitas das xeracións dos que hoxe son adultos tiveron que aprender a reciclar xa maiores e, en moitas ocasións, cústalles acostumarse a estes hábitos tan necesarios para coidar o medio ambiente.
Un exemplo de traballo dende a aula para crear estas rutinas dende a infancia é o Proxecto Lixo, que naceu na biblioteca escolar Máis ca Libros, do centro de educación especial San Xerome, de A Guarda (Pontevedra), e no que participaron ata dez centros educativos deste concello e da zona do Rosal, ambos na comarca do Baixo Miño. «Xurdiu como unha forma de visibilizar e concienciar sobre o uso excesivo de plásticos que temos na sociedade», explica Jesús Onrubia González, director do centro. E decidiron visibilizalo a través de grandes figuras feitas con fío metálico, e creadas en cada un dos centros educativos, que posteriormente se encheron cos plásticos que se xeraban nos colexios ou que se recollían nas saídas ou excursións programadas dende cada uns dos centros ao longo do curso.
Participaron o colexio Padres Somascos–Fundación Educere, o CPI Manuel Suárez Marquier, o CEIP Manuel Rodríguez Sinde, o colexio San José Carmelitas, o CEIP Pintor Antonio Fernández, o As Solanas-Nicolás Gutiérrez Campo, a Sangriña, a Escola Infantil A Galiña Azul do Rosal- Pías e o CRS María Zambrano. Todos eles comezaron a traballar no proxecto dende principios deste curso, elaborando o seu propio recipiente, para posteriormente enchelo nos días de clase e nas excursións: algúns levaron os orixinais colectores á praia, outros ao monte.
A partir do segundo trimestre, o traballo de todos foi compartido cunha exposición itinerante que percorreu os diferentes centros, dende a semana do 21 de marzo ao 9 de xuño. Ademais, do 10 ao 19 de xuño estará exposta no concello da Guarda; e do 20 ao 29 no Rosal, para que o poida ver toda a cidadanía.
«O alumnado, sendo protagonista da aprendizaxe, construtor da exposición e encargado da recollida de plásticos, soubo ver cos seus propios ollos todos os residuos que somos capaces de xerar en pouco tempo», reflexiona Onrubia. E subliña o orgullo que senten os menores que, dende a infancia e a mocidade, poden ensinar eles mesmos algo aos maiores e ao resto da sociedade.
Dende o profesorado que participou nesta actividade destacan os obxectivos alcanzados con ela: concienciar sobre o uso desmesurado dos plásticos na nosa sociedade; limpar as zonas de plástico preto dos colexios participantes; promover a cultura da reciclaxe; desenvolver una mostra artística itinerante entre os centros educativos; expoñer a mostra nos concellos; e unha última, pero no por iso menos importante, que é a de promover a relación entre os diferentes nenos que viven na mesma comarca, aínda que non estudan no mesmo centro, para traballar en común no coidado da súa contorna e do medio ambiente.