PABLO VARELA

A historia de Alberto Ordóñez (1986, Pazos, Ponteceso), formado como enxeñeiro informático na Universidade da Coruña, fala da importancia de planificar con vistas ao medio prazo, pero tamén de valentía. No ano 2017 asentouse nos EE.UU. para traballar no epicentro da actividade tecnolóxica mundial, a baía de San Francisco.

—Como te decataches de que o teu camiño ía ligado á informática?

—Foi un cúmulo de circunstancias. Cando fixen o bacharelato, a enxeñería xa me chamaba a atención, e na informática con moi pouco podes conseguir moito impacto. Hai tecnoloxías que a día de hoxe son punteiras e en cinco anos estarán obsoletas. Hai un dinamismo e iso xera moitas oportunidades. Que sexa unha rama profesional que practicamente non ten paro tamén axuda, e dáche confianza.

—Cando chegou o punto de inflexión que marcou o camiño a seguir despois da titulación?

—No cuarto curso din os meus primeiros pasos en investigación e bases de datos e, xa ao rematar o proxecto de fin de carreira, comecei a traballar no laboratorio do campus. Fixen un mestrado e déronme unha beca de catro anos, competitiva, para facer un doutoramento en ciencia computacional.

—Custa abrir a porta da docencia e da investigación universitaria tralo doutoramento?

—Non é sinxelo quedarse nela. Cando ía na metade do doutoramento decateime de que tiña que comezar a prepararme para o seguinte paso. O meu codirector de tese estaba en Chile, onde fixen unha estancia. Foi alí, durante unha charla de Google aos estudantes de doutoramento, cando se me acendeu a bombilla. Pero non é só iso e logo tirarse no sofá, porque aí comeza un proceso de autoformación se queres acceder a empregos deste estilo, porque as entrevistas que realizan estas empresas son duras, así que non agardas a que remate o doutoramento para poñerte ao día e buscar un traballo na industria.

—Antes de probar sorte en California fixéchelo na casa, na Coruña.

—Si, pensei: «Imos probar aquí antes de marchar, porque para facelo sempre hai tempo». Estiven durante un ano e medio nunha empresa da Coruña.

—Que foi o que te levou a dar o salto aos Estados Unidos?

—Sempre tiven a inquietude de irme por aí. Xurdiu a oportunidade de ir a eBay, en California, concedéronme o visado para entrar no país e decidinme a probar sorte. As condicións eran moi distintas e o tipo de traballo tamén. Contratáronme para traballar no seu buscador.

—Fálanos da cultura de traballo no sector tecnolóxico estadounidense. Hai moitas diferenzas con respecto á europea?

—Aquí están as grandes empresas tecnolóxicas do mundo: Google, Facebook, Apple… A rotación da xente dunha firma a outra é alta en comparación con España. Hai máis cultura do cambio. E cando fichas por unha empresa, ao asinar danche unha bonificación dependendo do teu nivel.

—Por que Pinterest?

—Decidín buscar algo que me permitise medrar a nivel persoal e Pinterest, naquel momento, comezaba a saír da fase de start up para entrar en bolsa. Cando as empresas comezan a entrar nunha fase de estabilización, de maduración, a experimentación e implementación de novidades é máis difícil. Estando en eBay decateime de que precisaba algo diferente, atacar outras áreas, como poden ser os sistemas de almacenamento e caché. Son dos que pensan que canto máis saibas máis portas terás abertas.

—Que consello lle darías a un estudante con dúbidas antes de orientar o seu futuro?

—O primeiro, que sexa honesto consigo mesmo. Nunca deixes que ninguén che diga o difícil que é algo. Tamén lle diría que non interiorice as referencias externas se inflúen nas súas decisións, porque as experiencias doutras persoas non se aplican a ti. Se algo é complicado, déixamo descubrir a min.

PERFIL QUE SE BUSCA PARA UN POSTO ASÍ

Capacidade de abstracción, observación e análise

O traballo que un enxeñeiro informático pode desenvolver nunha empresa como Pinterest é profundamente técnico, e esixe habilidades moi concretas. Estas son algunhas das que se deben potenciar:

Coñecementos previos

Coñecementos de informática.

Coñecementos sólidos nas áreas de matemáticas e física.

Habilidades e aptitudes

Habilidade para resolver problemas.

Boas aptitudes numéricas.

Eficiencia e capacidade para traballar baixo presión.

Capacidade de abstracción, observación, análise, síntese e razoamento lóxico.

Curiosidade, imaxinación, creatividade e aptitude innovadora.

Boa capacidade de organización e planificación.

Capacidade para a comprensión lectora en inglés.

Pensamento metódico.

Concentración.

Facilidade para adaptarse a novas situacións, métodos e tecnoloxías.

Intereses

Paixón por enfrontarse a novos retos e desafíos a diario.

Interese polos avances tecnolóxicos e a investigación.

Interese pola aprendizaxe constante.

 


Esta información foi realizada polo equipo de expertos de viaedu.es

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies