OLGA SUÁREZ

Calquera que viva na Coruña ou que teña pasado por esta cidade no último mes podería ver un cartel en tendas ou bares coa atiqueta #aquitaménsefala. Pode parecer un emblema institucional, pero os seus creadores non son nin o Concello nin a Xunta nin a Deputación: son rapaces que estudan cuarto da ESO no instituto Rafael Dieste, coñecido como Agra II, e que levaron a cabo unha macrocampaña para promover o uso do galego na cidade, grazas a unha actividade da clase de Lingua. O promotor foi o profesor Alberto Pombo, en colaboración co departamento de normalización lingüística, que coordina Arcadio Nóvoa.

A idea do docente era que os alumnos tomasen a iniciativa exercendo de técnicos de normalización, levando adiante unha das maiores campañas populares de dinamización da lingua galega na cidade. «Imaxina que unha institución tivese cen axentes para visibilizar unha campaña», reflexiona Pombo, que non deixa de sorprenderse ao contar como os carteis deseñados nas aulas chegaran a todos os barrios da cidade. De feito, en menos dun mes —os carteis comezaron a difundirse o Día das Letras Galegas—, xa están en case medio millar de establecementos comerciais.

Traballo na aula
O traballo na aula comezou antes, co debate sobre o slogan, o deseño, e os traballos sobre como se fai unha campaña de comunicación. «Sempre lles dou a opción de que creen cousas extra muros, traballos na aula pero que se vexan fóra», explica; e partindo da base de rexenerar o orgullo da Coruña como lugar onde naceron as Irmandades da Fala, a Cova Céltica ou a Real Academia Galega, e que tivo como veciños a Murguía, Pondal, Lugrís, Dieste, Avilés de Taramancos ou Novoneyra, os rapaces decidiron lanzar unha campaña directa aos barrios «onde milleiros de persoas usan a lingua galega nas súas interaccións diarias, moitas veces dándolle nova cor con acentos chegados dos continentes americano, africano, asiático ou europeo». Porque, segundo lembra o docente, o Rafael Dieste está na beira dun barrio como o da Agra do Orzán, onde vive xente de moitas nacionalidades, e o propio centro ten alumnado procedente de máis de vinte países. «Os nosos barrios naceron tamén coa voz doutros galegos que aquí viñeron e hoxe a nosa lingua renóvase florida con máis sotaques chegados da emigración latina, asiática, europea ou africana», destacan os participantes no blog do centro.

A acollida da campaña promocional foi tan boa que outros centros de ensino de dentro e fóra da cidade mostraron interese por ela, e non descartan ampliala para que, «por riba de todo prexuízo, fique visíbel para sempre que #aquítaménsefala a lingua galega».

Pero esta non é a única iniciativa orixinal de promoción do galego que saíu do Rafael Dieste. Neste caso foi desenvolvida cos alumnos do primeiro ciclo da ESO e tivo un carácter musical: 50 alumnos lanzaron A banda sonora do curso: primeiro fixeron un traballo de pescuda sobre a música galega e despois deseñaron 40 recomendacións: cada alumno explicaba o que sinte cunha canción e por que a recomenda, e o traballo final incluía o ligazón QR para poder escoitala. Do rap ao indie ou do trap ao rock, pasando polos ritmos da bachata, o reggaeton ou a música disco. Porque hai un universo sonoro por descubrir en galego.

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies