C. PORTEIRO

Imaxina que saes da casa pola mañá coa mochila ao lombo camiño da escola e, de súpeto, ves caer do ceo unha morea de paxaros. Vaia susto! Pois iso foi o que viron o pasado venres os veciños do barrio ferrolán de Caranza.

Queres ver o vídeo do choque dos animáis?

Que aconteceu?

Eran as nove da mañá cando a xente que estaba na zona escoitou un ruído moi grande. De súpeto, comezaron a caer paxaros na rúa e enriba dos coches estacionados. Cando os viandantes se achegaron a eles, comprobaron que estaban mortos.

Que tipo de paxaros?

Estorniños pintos, aves moi ruidosas cando forman grupos grandes e se asentan en pousadoiros urbanos. Son coñecidos polas figuras e acrobacias que fan en pleno voo milleiros deles, sempre coordinados, como se fixeran unha coreografía ben preparada. Son paxaros ben curiosos. Teñen ata once tipos de chamada diferentes, tanto para avisar dunha ameaza como para atacar ou copular. Os machos encárganse de construír os niños con flores e todo tipo de adornos para atraer cantando as femias.

Por que morreron?

Aínda non se sabe. Os científicos están a examinar os corpos para determinar a causa da morte, que foi moi repentina e masiva. E por iso os expertos apuntan a que puido tratarse dun accidente eléctrico. De feito, as aves adoitan pousarse nos cables de alta tensión —por aí circula a electricidade—. Testemuñas presentes no momento da desbandada aseguran que o grupo saíu voando de súpeto dende as árbores dun parque próximos antes de comezar a caer.  

Ten algo que ver coas antenas de 5G?

Non. O feito de que o suceso tivera lugar nunha zona que non é a residencia habitual dos estorniños deu lugar a moitas especulacións e contos. Un deles apunta, sen fundamento, á instalación dunha antena 5G —unha tecnoloxía de conexión sen fíos máis avanzada—, pero non hai un só dato que apoie esa hipótese. Todo o contrario. Nun suceso similar acontecido nos Países Baixos —e no que tamén se culpou no seu momento ao 5G—, os científicos demostraron que os paxaros tiñan mazaduras froito do impacto a moita velocidade contra obxectos ou mesmo entre eles, xa que voan moi xuntos. No vídeo de Ferrol parece que ao marxe do motivo polo que uns poucos volveron sobre os seus pasos, a morte de moitos deles tivo que ver precisamente con voar tan xuntos.

Que pode estar detrás da desbandada?

Pode haber diversos motivos, aínda que o habitual, segundo din os expertos, é que eses paxaros emprendan o voo cando aparece un depredador ou cando se asustan pola presenza inesperada doutras aves como os mouchos, non moi amigos deles.

 

 

Voo sincronizado: ninguén sabe por que estes paxaros voan xuntos e ao unísono

Este é o último misterio que envolve a esta especie de ave, moi coñecida polo seu voo tan particular. Os exemplares forman bandadas que se moven coordinadas, como se fose un ballet. Semellan un gran banco de peixes no aire. Pero ninguén sabe como o fan ou quen guía o grupo. Hai científicos que sosteñen que, cando se senten atacados, xúntanse como arma de defensa para despistar a depredadores como os falcóns, que teñen problemas para poder fixar a vista nun só exemplar.

 

 

As hipóteses: dende a fuxida accidentada a un fenómeno eléctrico

Aínda non se sabe que aconteceu con certeza, pero non é a primeira vez que se documenta. En varios lugares de Estados Unidos investigaron casos semellantes nos últimos 12 anos. Entón, os científicos apuntaron ás mesmas hipóteses —ou sexa, causas— que se están a estudar na actualidade.

Os estorniños pintos puideron accidentarse ao saír espantados pola presenza dalgún depredador. Había néboa ese día e, tendo en conta que voan en grupo e replicando os movementos uns dos outros, é posible que chocaran entre eles ou contra algo. Outra das explicacións ten que ver coa posibilidade dun accidente eléctrico. Pode que na espantada chocaran contra un tendido eléctrico de alta tensión, onde adoitan pousarse. Pode que os paxaros morreran electrocutados.

É posible un envelenamento? Non é nada probable, polo feito de que os estorniños, segundo as testemuñas, caeron ao mesmo tempo na rúa e despois dun forte son semellante a un trono. Haberá que agardar aos resultados da necropsia —exame que se fai aos animais— para descartar causas.

ACTIVIDADE BÁSICA

Álbum de amigos con ás

Dende o ano 1980 perdéronse na Unión Europea —conxunto de 27 países aos que pertence España— uns 600 millóns de aves reprodutoras. Unha morea delas! O pardal común é o máis afectado: perdeu o 50 % de poboación. Busca máis información sobre este asunto para saber que lles aconteceu. Viven preto de ti outras especies afectadas? Está entre elas el estorniño pinto? Documenta con foto e nome os paxaros do túa veciñanza.

 


As actividades desta unidade están deseñadas polo científico e ornitólogo Antonio Sandoval.

 

Milleiros de peixes apareceron mortos no 2015 no encoro de Salime, na fronteira con Asturias. Foto: Carlos Castro

O porqué das mortes masivas

A morte masiva de animais non é un acontecemento tan dispar. En Galicia, por exemplo, coñecemos ben os efectos das fortes choivas no marisco. Cando a época de choiva dura moito tempo, a auga doce pode que verten os ríos no mar pode asfixiar as ameixas, berberechos e navallas, que precisan dun limiar mínimo de salinidade nas rías para vivir. Por iso hai anos nos que se perden remesas enteiras de moluscos.

Algo máis lonxe de Galicia, no Mar Menor (Murcia), aparecen de forma periódica milleiros de peixes mortos nas beiras. Cal é a causa? Ten que ver co home. Os abonos e residuos das xigantescas explotacións agrícolas da zona acaban na auga e os nitratos rebaixan o seu nivel de osíxeno e provocan a asfixia dos animais. Este verán tiveron que recoller 15 toneladas de peixes que morreron por mor da contaminación, igual que as aves e especies mariñas que perdemos en Galicia tralo afundimento do Prestige no ano 2002. A marea negra de petróleo arrasou rías enteiras.

O ano pasado en Colombia morreron de forma repentina dous millóns de abellas nunha zona de colmeas. Aínda que as autoridades non eran quen de atopar unha explicación, os apicultores sinalaron a fumigación da zona agrícola con praguicidas moi corrosivos.

O cambio climático tamén está detrás de mortes masivas, como as de milleiros de pequenos exemplares de lobos mariños o ano pasado nas costas de Namibia (África). Cando os científicos estudaron os corpos, déronse conta de que estaban moi delgados e pensaron que podía ser por unha mala nutrición. Quizais as súas presas habituais cambiaron de caladoiros por falta de alimentos. O cambio climático, coa choiva máis ácida polo CO2 emitido á atmosfera, modifica a salinidade da auga, e cambia a circulación das correntes e a dos nutrientes.

Que hai dos sonares dos barcos pesqueiros? Estes úsanos para detectar bancos de peixe emitindo ondas que chocan e provocan ruídos que desorientan os cetáceos. Os científicos cren que causan os encallamentos masivos de baleas e golfiños na costa.

 

As baleas acoden en auxilio doutros exemplares da familia varados

As baleas son uns dos animais que máis afectados se poden ver pola interferencia humana no mar. Especialmente polos ruídos que provocan os buques pesqueiros. Por que? Porque empregan un eco localizador para falar entre elas. Poden estar a quilómetros de distancia e percibir as vibracións do son doutro exemplar. Coa onda que emiten saben quen é e onde está situado, mesmo poden saber se hai alimento ou depredadores preto delas. Por iso o sonar dos barcos pode alterar esas comunicacións e desorientar e confundir ás baleas.

O ano pasado, por exemplo, apareceron unha morea de baleas (máis de 450) mortas e varadas nun banco de area de Australia. Cando os rescatadores trataron de salvar as que aínda estaban vivas, tiveron problemas porque outros exemplares acudiron ao lugar atraídos pola localización dos seus compañeiros.

Que facían alí? Os científicos consideran que o máis plausible é que un grupo se achegara demasiado á costa, nunha zona pouco profunda, en busca de alimento e o resto acudise á súa chamada.

Esta mesma semana, medio centenar de voluntarios axudaron a tres golfiños atrapados baixo unha ponte en A Toxa porque entraran buscando alimento en zonas pouco profundas, co risco de quedar varados co cambio de marea. De cando en vez, cando escasea a comida, os cetáceos achéganse máis á costa galega.

 

 

ACTIVIDADE MEDIA

Detective infiltrado

Busca información das causas, sexan naturais ou humanas, que identificou a ciencia para as varadas masivas de cetáceos (golfiños, baleas…) en diferentes lugares do planeta. Pescuda que outros animais sofren efectos semellantes.

 

 

ENTENDER

A falta de datos alimenta as noticias falsas

Estes días oíronse moitas teorías para explicar a morte dos estorniños. Que se a culpa é dunhas antenas de 5G, que se foi un veciño que usaba aparatos especiais… Todo este tipo de información propágase con moita rapidez porque dá respostas sinxelas a sucesos que, a falta de datos, non se poden explicar. Non hai que caer no erro de propagar esas noticias falsas.

Internet e as redes sociais amplifican a pegada deste tipo de teorías, por raras que semellen. Hai xa 21 anos popularizouse moito a teoría do efecto 2000. Había o medo de que todos os aparellos electrónicos deixaran de funcionar, e se desatara o caos ao cambiar de díxito do milenio.

 Grupos e seguidores de teorías da conspiración usaron conxuncións de números e aliñamentos astronómicos para predicir a fin do mundo o 12/12/2012, que anunciaran os maias sen ningún fundamento. Pasou o día e non aconteceu nada.

 

 

ACTIVIDADE AVANZADA

Necrolóxica do Prestige

No 2022 faranse 20 anos do afundimento do petroleiro Prestige fronte a Galicia. A marea negra causou a morte de miles de aves mariñas. Que especies resultaron máis afectadas? Cantos exemplares mortos de cada unha delas se atoparon? Facede un mapa para situalos na zona da costa onde apareceron.

 

 

PROFUNDIZAR

Nin 5G nin sinal de Deus: a ciencia é a mellor medicina contra a ignorancia e a superstición

O principal motor do desenvolvemento humano é a ciencia. É a mellor medicina contra a ignorancia. Como proba, as vacinas. Hai quen acusa aos Gobernos de utilizalas para controlarnos. Isto é unha superstición, non ten base real. Os datos demostran que este ano se rexistraron en España un 50 % máis de contaxios de covid que no 2020, pero as mortes reducíronse un 30 %. Que pasou coas vexigas? Era unha das enfermidades máis mortais, pero foi erradicada coa vacina.

Outra superstición que a ciencia desmontou é a das posesións demoníacas. A medida que a medicina avanzou, puido amosar que os síntomas eran compatibles con enfermidades como a epilepsia ou a esquizofrenia. Cos tratamentos médicos, o demoño comezou a fuxir dos corpos.

Na actualidade tamén perdura a superstición. Pero vístese de pseudociencia para ter aceptación. A homeopatía, por exemplo, non ten demostrado ningún efecto na saúde das persoas, pero algúns enfermos deixan tratamentos médicos efectivos para someterse a terapias deste tipo, que, a miúdo, son moi caras e con sorte, inútiles.

A xente que asume como veraz calquera tipo de teorías conspiradoras ou terapias alternativas sen analizalas de forma crítica adoita ser máis manipulable e suxestionable. Coñeces algún familiar ou compañeiro así? Alguén que crea no tarot? Qué perigos entraña para a sociedade?

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies