L. Cancela
Dende hai anos, os bateeiros (os mariscadores que cultivan o mexillón) e as agrupacións de percebeiros de Galicia viven en conflito. Un enfrontamento que non beneficia a ninguén, xa que só con diálogo se poden solucionar os problemas e compartir os espazos.

Cal é a causa?
Este caso coñécese como o conflito da mexilla. A mexilla é a cría, a semente do mexillón. Con elas cóbrense as cordas que despois penden das bateas e nas que medran os mexillóns. Desde sempre a mexilla comparte o seu hábitat co percebe. Ambos nacen nas rochas, pero o problema vén no momento da súa extracción.

Por que?
As confrarías de percebeiros din que os bateeiros prexudican á biodiversidade das rochas ao sacar coa mexilla tamén os percebes; os bateeiros, pola súa banda, din que isto non é certo, que a mexilla nace nunha zona máis abrigada do mar mentres que os mellores percebes están naquelas partes da rocha na que o mar bate con forza, e que teñen moito coidado ao collela, pois saben que aí está o sustento económico doutros traballadores.

Cando empezou o problema?
Desde sempre houbo encontróns de tanto en tanto, especialmente cando había escaseza de mexilla ou de percebe. A escaseza supón que non haxa suficiente produto para vender (no caso do percebe) ou para criar mexillóns. Con todo, a polémica encrespouse no 2019, cando a Consellería do Mar (o organismo da Xunta encargado) aprobou unha norma que permite a creación de «santuarios de percebes», deixando en mans das confrarías a localización destas zonas.

Que consecuencias tivo?
Para os bateeiros, esta decisión significou que a xestión da cría do mexillón deixábase noutras mans. Acudiron ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG, o máximo tribunal galego) para que retirase a norma, aínda que a petición non funcionou. Así pasaron dous anos, ata o 2021, cando o conflito se complicou. A extracción da mexilla organízase en campañas que adoitan ir de decembro a abril. Dous días antes de comezar esa tempada, a Xunta estableceu unhas zonas nas que os bateeiros poderían traballar e outras nas que non. Isto causou o seu enfado, pois pensaban que non era xusto avisar con tan pouca antelación.

Por que tomou esta decisión?
A Xunta dixo que correspondía coa sentenza do TSXG, organismo que daba permiso a crear santuarios do percebe, pero non valoraba se eran necesarios ou non.

Que pasou desde entón?
A disputa xurde en cada campaña de recollida da cría do bivalvo, e a medida que avanza a campaña, decrece. Este ano as cousas non melloraron desde decembro porque, ao non haber moita mexilla, a Xunta decidiu permitir recollela nunha nova zoa de 12 quilómetros; os bateeiros dixeron que non eran de abondo, polo que se ampliou a outro tramo de 25 quilómetros, pero por un erro técnico tiveron que botar atrás os permisos. Todo isto xerou malestar duns e doutros.

Uns e outros protestaron a pasada semana en Santiago

A semana pasada, bateeiros e percebeiros levaron as súas protestas á rúa. O xoves, os bateeiros manifestáronse diante da sede da Xunta en Santiago (San Caetano) para reclamar unha solución á crise da mexilla. Pedían que se eliminase a norma que permite ás confrarías de percebeiros a creación dos santuarios de percebes. Os manifestantes chegaron ás mans e acabou cargando a Policía Nacional: houbo dous detidos. Pola súa banda, os percebeiros manifestáronse o sábado no mesmo lugar da capital galega. Os percebeiros pedían que se manteñan pechados os santuarios do marisco, pois son indispensables. Pola súa banda, a Consellería do Mar dixo que é necesario buscar unha solución mediante o diálogo para atopar un consenso que conveña a ambos.

A tecnoloxía que permitiría ver as zonas con máis marisco desde o aire

A tecnoloxía tamén chegou ao sector do mar. A Xunta encargou, a comezos deste mes, un estudo pioneiro que permitiría captar e criar mexilla nas cordas das bateas con maior oportunidade de éxito. Se isto funcionase, sería de gran axuda, pois faría que os bateeiros tivesen menos dependencia das rochas. A institución tamén propuxo outras medidas que permitisen que a súa extracción non variara tanto segundo a situación atmosférica ou marítima. Por exemplo, a mexilla debilítase se o nivel de sal do mar se reduce. Por iso a Xunta propuxo a posibilidade de empregar drons que, mediante intelixencia artificial, detecten en que zonas hai máis cantidade de mexilla ou de percebe. Desta forma, cubriríase un maior territorio e non requiriría o tempo e esforzo dunha persoa.

ACTIVIDADE BÁSICA

Traballo no mar

Xa falamos de percebeiros e bateeiros. Agora é o voso momento de buscar profesións que realicen o seu labor no mar. Cales se vos ocorren? Compartídeas cos compañeiros e explicade en que consisten.
——————-
As actividades están deseñadas por L. Cancela

Convivencia no mar, a difícil tarefa de compartir

Os océanos contribúen á conservación do equilibrio ambiental facendo que o mundo sexa un lugar habitable. A choiva, a auga, o tempo, os climas, gran parte da comida ou o osíxeno que respiramos proporciónaos o mar. O seu valor como recurso é incalculable e non hai futuro sen que todos o coidemos. Lamentablemente, a Organización das Nacións Unidas (ONU) denuncia que na actualidade «existe un deterioro continuo das augas costeiras debido á contaminación, que está a ter un efecto adverso sobre os ecosistemas». Os mares forman parte de moitos sectores, sexa como fonte principal de materia prima (pesca), como vía de transporte (os buques de mercadoría) ou como espazo sobre o que asentarse (muíños eólicos marítimos). Pese a que a convivencia entre todos debe asegurarse, non sempre se consegue da mellor maneira. Pro exemplo, a pesca sostible e a artesanal respectan a biodiversidade dos océanos. A primeira evita a captura masiva de especies ou exemplares de talla pequena, mentres que a segunda emprega modos de captura non agresivos coa contorna, de modo que non collen máis do que deberían e protexen os fondos mariños. Son moitas as confrarías que defenden esta filosofía, pois é un modo de asegurar o futuro da vida nos mares. O contrario ocorre cando, por exemplo, se descobre unha vertedura de augas industriais, co efecto contaminante que ten para a contorna, ou verteduras dos barcos e derrames petroleiros. Seguro que coñecedes o desastre do Prestige na costa galega.
Outro exemplo da convivencia foi a creación do corredor marítimo de Fisterra, unha especie de autoestrada pola que pasan os grandes buques, situada a entre 40 e 73 quilómetros da costa. Empezou a funcionar hai moitos anos co fin de evitar accidentes. Ata ese momento, as grandes embarcacións cruzaban os caladoiros reservados aos miles de barcos pesqueiros, e estes podían ser abordados. Hoxe en día é unha das zonas con maior densidade de tráfico marítimo de España. Que beneficios pensas que pode ter que as entradas e saídas estean reguladas?

As normas básicas, pero non escritas, de educación na praia

Igual de importante que a convivencia entre distintos sectores de traballo, é a relación que manteñen os usuarios das praias. Hai algunhas normas básicas que todos deberiamos cumprir: colocar as toallas a unha distancia prudencial da dos demais para respectar os espazos, non sacudilas á beira da dos veciños ou non poñer a música alta. Todas estas condutas benefician ao resto e son normas básicas de educación. Tamén é un caso especial de convivencia a que se dá entre os bañistas e os surfeiros. Por iso naquelas praias nas que ámbolos dúos grupos poden coincidir os concellos adoitan limitar un espazo para a práctica deste deporte.
Se vos fixades, sucede o mesmo cos hidropedais. Aínda que o seu uso non está estendido en todos os areais, naqueles nos que existen, acostuman estar colocados nun espazo delimitado por cordas e flotadores. Ademais, recoméndase aos usuarios que vaian amodo nas zonas de baño para evitar un accidente. A convivencia mestúrase tamén co traballo. As mariscadoras fan de vixiantes para evitar que os visitantes das praias nas que traballan (como as de Arousa) leven as ameixas e berberechos enterrados na area. Aínda que é unha conduta prohibida, moitos seguen facéndoo. Debemos entender que isto é un erro, pois de incumprir a norma estariamos a roubar o seu produto.

ACTIVIDADE MEDIA

O caso do Prestige

O do Prestige foi un dos peores accidentes ambientais na historia de España. Investiga cales foron as súas consecuencias sobre a biodiversidade, canto tardou en recuperarse e canto diñeiro se destino á súa recuperación.

ENTENDER

Candorcas e golfiños, mellor velos desde lonxe

■ Confi, tamén coñecido como Manoliño, é un golfiño moi coñecido na ría de Muros-Noia. Ten un aspecto moi amigable e moi pouco medo aos humanos, o que provoca que se achegue sen problema en busca de compañía. A xente da zona coñéceo, xoga con el e ata lle dá comida. Isto non serve de axuda.

■ Os expertos recomendan que non se lle faga caso. Aínda que é un animal moi dócil, tamén pode ser agresivo se se sente atacado. Ademais de ser salvaxe, é unha especie protexida, así que o mellor é contemplar a súa beleza e deixalo pasar.

■ Os golfiños non son os únicos visitantes marítimos. Desde o 2020 ata o verán pasado, as embarcacións tiveron 300 encontros con candorcas, e nun 14 % dos casos sufriron algún tipo de dano na estrutura. A intención dos animais non é atacar aos tripulantes, senón xogar co temón, só que ao facelo acaban ocasionando problemas.

ACTIVIDADE AVANZADA

Farías este traballo?

Os pescadores galegos son uns dos que mellores salarios teñen en España. No 2021, ía dos 1.449 ata os 2.796 euros brutos ao mes. Imaxina que che ofrecen o soldo máis alto por embarcarte durante tres meses. Faríalo? Explica a túa resposta.

PROFUNDAR

Os mariscadores levan a tradición ás pantallas e dan o salto a contar a súa rutina en TikTok

■ Ser mariñeiro é un dos traballos máis duros. En primeiro lugar, polo índice de perigo recoñecido legalmente. E en segundo lugar, polas condicións. Traballan aínda que chova, faga sol ou vaia frío. Son traballos tan duros que está permitido que se xubilen antes de tempo e teñen pensións máis altas que o resto (tamén é certo que pagaron máis impostos). Por que pensas que se poden retirar antes de tempo?

■ O perigo do traballo tamén xustifica o prezo dos alimentos. Por exemplo, os percebeiros xogan a vida para conseguir o marisco. Realizan a súa tarefa en zonas con moita ondada e en rochas en mar aberto. Por iso, dise que no prezo do produto vai incluído o perigo ao que se expoñen quen o extraen.

■ O traballo complexo e que, en moitos casos, supón pasar meses fóra de casa e afastados das comodidades fai que a profesión de mariñeiro ou de percebeiro estea a quedar sen mozos que a queiran practicar. Antes, a diferenza de soldo entre un traballador dunha fábrica e o mar era moi notable. Hoxe en día, debido á alta cualificación das persoas e os altos salarios noutros sectores como o tecnolóxico, o mar está a quedar sen relevo xeracional.

■ As redes sociais entraron na nosa vida e as profesións do mar non escapan delas. En TikTok existen varios perfís que explican como é traballar no mar. Coñeces algún deles? Compárteo cos teus compañeiros. Que beneficios atopades a que unha persoa divulgue como fai o seu traballo?

Compartir en Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir en WhatsApp

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies