L. Cancela
Pablo Picasso foi un dos artistas españois máis importantes para a historia da arte. A súa influencia non só destaca no noso país, senón en todo o mundo. Este 2023, conmemórase o 50.º aniversario da súa morte, o 8 de abril. Galicia ten parte nesta celebración, pois o pintor pasou algúns anos da infancia na Coruña.
Quen foi?
Foi un pintor español cofundador do cubismo. É considerado figura central da arte do século XX, porque participou nos movementos de vangarda (xente nova que quería facer as cousas doutro xeito, reflectindo a modernidade) e exerceu unha grande influencia sobre os artistas da súa xeración e de despois. Moitos din que a arte contemporánea (moderna) é o que é grazas a el.
Onde naceu?
Picasso naceu en Málaga, en 1881. Desde a infancia demostrou o seu talento para o debuxo e a pintura, que coñeceu porque o seu pai era tamén pintor, que facía sobre todo cadros de pombas. Pablo pintou unha das súas obras, O pequeno picador amarelo, con só 6 anos. Durante a adolescencia tamén pintou verdadeiras obras de arte, como A primeira comuñón, na que retrata a súa irmá Lola.
Cando chegou a Galicia?
Aséntase na Coruña en 1891 e permanece na cidade ata 1895. Estes catro anos coinciden coa etapa de adolescencia, durante a que desenvolve a súa faceta como pintor e ofrece a súa primeira exposición. O seu pai era profesor da escola provincial de Belas Artes, onde hoxe está o instituto Eusebio da Garda.
Galicia aparece nas obras?
Sen dúbida. Especialmente porque empezou a estudar arte na Coruña. En Galicia aprendeu a debuxar e plasmou as súas primeiras paisaxes influenciadas pola cor gris que caracteriza a nosa comunidade. As obras desta etapa teñen azuis moi intensos propios do mar galego, por exemplo.
Como se lembra a súa figura?
Ao facer 50 anos do seu falecemento, o 2023 declarouse o Ano Picasso na súa honra. As actividades repártense entre cidades de España (A Coruña, Málaga, Madrid e Barcelona) e de Francia (París), onde viviu moitos anos e colleu fama. Escolléronse estes lugares porque influíron nas súas obras. Na Coruña haberá exposicións, visitas guiadas, conferencias e unha ruta para percorrer a vida do pintor.
Cal é a principal?
O Museo de Belas Artes coruñés inaugura unha exposición chamada Picasso branco no recordo azul, que se poderá visitar ata o 25 de xuño. Conta con 120 pezas, das cales 68 son obras do artista. Esta actividade ten unha enorme importancia porque mostra o que queda do Picasso coruñés nas obras que foi creando na súa vida.
Importancia da Coruña
Esta cidade considérase o lugar do seu espertar artístico. Foi onde pintou as súas primeiras obras e ofreceu as primeiras exposicións, e porque tomou inspiración das rúas. Nas súas pinturas aparecen a torre de Hércules, a praia de Riazor e a súa familia: pais, nai e irmás.
A tenda de mobles que albergou a súa exposición
Sabedes cal foi o sitio no que Pablo Picasso montou a súa primeira exposición? Unha tenda de mobles da Coruña! Fíxoo en 1895 e daquela era un adolescente de só 13 anos. O espazo estaba situado nunha das rúas máis céntricas da cidade (a rúa Real) e hoxe en día é unha tenda de zapatos. Tal era o seu nivel que recibiu excelentes críticas da prensa. É máis, en La Voz de Galicia díxose del que debía continuar coa súa destreza, «porque chegaría a alcanzar días de gloria e un porvir brillante». Pese a que a súa estancia na nosa comunidade foi relativamente curta, tamén foi moi intensa, porque tivo que afrontar a morte da súa irmá Conchita, que está enterrada nun cemiterio coruñés. Din os expertos que da nosa terra falaba con moito agarimo.
A esencia do neno que permanece na carreira do pintor adulto
Como puidemos ver, as primeiras obras de Picasso estiveron moi influenciadas pola súa estancia en Galicia. Que trazos quedan no Picasso adulto de cando era neno? En moitas ocasións fálase do Picasso azul para facer referencia á inspiración que lle daba o mar Mediterráneo. Con todo, o azul do océano Atlántico, de Galicia, tamén aparece nas súas obras. Ademais, noutros primeiros rexistros hai antecedentes do cubismo, o movemento que crearía de adulto.
Coa cidade da Coruña tivo especial relación, porque nela introduciu algúns dos elementos que formarán parte do seu estilo durante toda a súa carreira. Estes son o fauno, as cabezas de cordeiro ou as mulleres sentadas. Por último, na nosa terra empeza a destacar xa de cativo facendo retratos ao óleo.
ACTIVIDADE BÁSICA
O cubismo
Buscade en clase mostras do cubismo. Que opinades: parécese ao tipo de arte que vedes nos libros ou na televisión? Despois buscade de que trata este movemento e a intención dos artistas.
——————-
As actividades están deseñadas por L. Cancela
O artista dos miles de obras

INAUGURACIÓN EN EL MUSEO DE BELAS ARTES DE A CORUÑA DE LA EXPOSICIÓN «PICASSO BLANCO EN EL RECUERDO ASUL» CON LA PRESENCIA DEL MINISTRO DE CULTURA MIQUEL ICETA Y EL PRESIDENTE DE LA XUNTA DE GALICIA, ALFONSO RUEDA. ENTRE OTROS
Pablo Picasso foi o pintor máis famoso do século XX no mundo, e foi un dos máis complexos. Durante a súa carreira artística, que durou máis de 75 anos, realizou miles de pinturas, ilustracións, gravados, esculturas ou pezas cerámicas. En Barcelona empeza a afastarse das técnicas máis tradicionais que aprendera na escola de arte para virar cara a un estilo máis experimental e innovador no que baseará a súa carreira. Picasso abandonou España no 1904 para mudarse a París, aínda que xa visitara a cidade con 4 anos menos. Aí comeza o que se coñece como o seu período azul, dous anos nos que as súas pinturas representan unha profunda depresión tras a morte dun dos seus mellores amigos.
Só a relación que mantén coa modelo Fernande Olivier logra que pase páxina, marcando o inicio do período rosa. O cubismo de Picasso é o seu estilo máis coñecido. O punto de partida é a creación de As señoritas de Aviñón. O movemento cubista inflúe no resto das vangardas e ten moitísimos seguidores. Con todo, o artista español salta de novo cara a outra corrente e adopta, en 1925, un novo estilo: o surrealismo, que é considerado sucesor do cubismo. Aquí destacan obras como A danza ou O bico. En 1937, en plena guerra civil española, o Goberno encárgalle un gran mural para o pavillón nacional da Exposición Internacional de París. Nese mesmo ano, a cidade de Guernica é bombardeada pola aviación nazi, un feito que conmocionou o mundo, pois foi o primeiro ataque contra a poboación. Picasso escólleo como tema do seu gran mural e crea unha pintura antibelicista que se convertería nun símbolo interxeracional: o Guernica.
Durante a Segunda Guerra Mundial residiu en París, onde tratou de dominar a arte da cerámica. Nos seguintes anos, tivo distintas relacións amorosas que tamén marcaron a súa creatividade.
Nesa época se afilia ao Partido Comunista, e entra nunha etapa de actividade política que o afasta da pintura. Con todo, en 1957 empeza a traballar nas súas 58 interpretacións do cadro de Las meninas, de Velázquez. Finalmente, falece en 1973.
Non, Picasso non pinta coma un neno de 5 anos
Innovador, expresivo ou rompedor. Así definen algúns a arte contemporánea, un estilo que comeza ao final da Segunda Guerra Mundial e se mantén ata a actualidade. Ao contrario, aparece moitas veces acompañado dun chiste fácil que, de seguro, algunha vez escoitásedes: iso poderíao facer un neno de 5 anos. O certo é que este pensamento afástase moito da realidade. A arte contemporánea, tamén chamado posmoderna, reflicte as ansias de liberdade do artista, despídese da carga tradicional e académica que sempre protagonizara a arte e non ten tantas pretensións comerciais, senón de desenvolvemento persoal.
Algúns expertos din que a esencia da arte contemporánea non é poñerse diante e pensar: «Que bonito!». Para eles, a esencia reside en remover algún tipo de sentimento no espectador, desde rabia ata sorpresa. Por que credes que sempre asociamos a arte á beleza?, non debería poder enfadarnos ou emocionarnos sen necesidade de que sexa bonita? A pesar de non contar co aplauso xeral, a arte contemporánea cotízase á alza. Interchange (1955), de Willem de Kooning, vendeuse pola abraiante cifra de 300 millóns de euros. Outro exemplo: por Rabbit, de Jeff Koons, pagaron 91,1 millóns. Busca estas obras e tamén que di a crítica sobre elas. Entendedes que se pague ese diñeiro?, que pensades de que unha persoa merque unha obra de arte e a teña na casa?
ACTIVIDADE MEDIA
As artistas do século XX
Non só de homes vive a historia. O século XX está cheo de mulleres que cambiaron a arte, aínda que a meirande parte delas sexan menos coñecidas. Por grupos, buscade algunha referente, contade a súa achega e nomeade algunha obra.
ENTENDER
A arte como reflexo do seu creador
■ Hai artistas que son pintores de recordos, que reflectiron a súa vida sobre o lenzo. Picasso sérvenos de exemplo. O período azul mostra como a tristeza asolagaba a súa vida, mentres que o rosa é sinónimo de felicidade. O «Guernica», en branco e negro, reflicte medo, rabia, dor, espanto…
■ Outra gran fonte de inspiración foron a natureza e as paisaxes, pois moitos artistas utilizáronos como vehículo para evocar emocións. Un exemplo deles son os nenúfares impresionistas de Claude Monet.
■ Con todo, se a obra mostra actos reprobables como a violencia cara ás mulleres, que foi protagonista en diversas ocasións, deberíase aplaudir? Vexamos o exemplo de Xoana I de Castela, mal coñecida como Xoana a Tola. No seu momento, foi unha das figuras favoritas dos pintores porque nos seus cadros alimentaban o mito da súa tolemia. A raíña nunca foi pintada nun trono, senón sempre recluída.
ACTIVIDADE AVANZADA
A cultura da cancelación
Hoxe en día fálase moito da cultura da cancelación, alguén podería explicar en clase que é? Unha vez o concepto estea claro, respondede: pensades que sempre é xusto?, en que casos estariades de acordo?, ocórresevos algún exemplo en España?
PROFUNDAR
Pódese prescindir do autor pero manter o culto ás súas obras? O debate eterno da arte
■ Sempre se di que Pablo Picasso é o xenio do século XX. Con todo, ao falar da persoa non se adoita destacar que era un home machista, misóxino e maltratador. Fixo cousas escandalosas para o seu tempo, como serlle infiel á súa primeira muller cunha modelo de 17 anos. El tiña 45.
■ É xusto xulgalo cos ollos do presente ou, ao contrario, os tempos que lle tocou vivir poden ser, coma noutros casos, unha escusa? Non obstante, o seu comportamento era daquela considerado reprochable.
■ É posible separar o artista da súa obra? Esta pregunta alimentou, nos últimos tempos, o debate sobre o pintor español. No seu caso ten moito sentido, pois as sete mulleres da súa vida protagonizaron algunhas das súas obras e inspiraron parte das etapas.
■ Algunhas persoas opinan que non se deben cancelar as obras de Pablo Picasso, pois achegaron e achegan moito á arte. Senón que á hora de falar da súa persoa non se debe ocultar como era no seu plano persoal, xa que iso influía na súa forma de crear. Se Picasso estivese vivo, credes que estaría cancelado?, visitariades as súas exposicións?
■ Hai moitos artistas cunhas vidas nada exemplares, mesmo algún foi un asasino. Pero cando un le os seus libros ou ve os seus cadros debe sabelo? Aínda máis, cambia a nosa idea sobre unha mesma obra ao sabelo? Un exemplo: que pasaría con Hitler, que quería ser pintor? Hai algún límite para que a vida tape á obra? Se é así, quen o decide?